culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

20. A arte de editar

Sempre que se fala de literatura e de libros (o caso dos libros de arte e os das edicións de bibliófilos son ben distintos), os autores teñen un rol central e moi de cando en vez se refiren os comentarios aos editores.

De sempre parecéronme os editores un elo fundamental do sistema literario, axentes económicos que arriscan os seus cartos para dar a coñecer o traballo dos escritores. De sempre deume a impresión, tamén, que existían varios tipos de editores e que nin todos perseguían os mesmos obxectivos.

14 / 2 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Algúns deles mesmo, e cada vez se observa isto con máis intensidade, particularmente nas grandes empresas multinacionais, non están nin tan sequera interesados na literatura nin nos autores, só no volume de negocios. Este volume de negocios conséguese cun libro de cociña, coas memorias dunha actriz secundaria que se deitase co maior número posíbel de políticos, cos libros de autoaxuda ou cun libro que recolla as revelacións máis ou menos fantásticas dun presentador de televisión ao que alguén lle escribe todas e cada unha das liñas que publica (chámase negro aínda que sexa branco e nacido nunha das dúas Castelas).

Logo están aqueles que queren a calquera prezo construír país, desprezando cando non illando aos autores que adoptan posicións ou temáticas que non se inscriben nese macro-texto nacionalista que aínda se está a escribir a diario(1). Convén aclarar isto, pois eu quero falar aquí dos editores que aman a literatura e se preocupan polos seus autores e polas obras que publican, que miman os seus traballos, que están sempre na procura do que para eles é excelencia e arte e non só negocio. Ben certo que se pode ser un editor de éxito e facer negocio preocupándose pola excelencia do produto.

Nunha entrevista concedida no número 155 da Revista de Literatura “The Paris Review”(2), o editor Robert Giroux(3), resumía en tres as calidades sen as que un editor de libros non pode funcionar e eran estas xuízo, gusto e empatía(4). Como sempre que se proclama unha sentencia dese tipo, curta e tallante, é estritamente necesario definir o que entendemos polas características listadas, neste caso, xuízo, gusto e empatía. Imos, pois, por partes.


Xuízo
Sempre seguindo a Giroux, enténdese por xuízo a habilidade dun editor para avaliar o manuscrito e o escritor. Isto é unha capacidade aprendida, conseguida a forza da dinámica ensaio-éxito/fracaso, trenzada a través da experiencia colectiva, aprendida nas antoloxías de literatura universal, resultado do estudo e a dedicación, do coñecemento da tradición e das vangardas. Non é en si mesma outra cousa que o resultado de dedicación e estudo, e pode, porén, ser característica a moitos editores sempre que sexan traballadores constantes. É coma se dixeramos que o xuízo se acada co tempo e coa experiencia, esas dúas variábeis necesarias á evolución de calquera actividade técnica. Se ben é certo que non adoita chegar con esa capacidade para ser un editor sobranceiro, é certo tamén que se pode acadar un certo nivel de competencia, xa dixen, con tempo e experiencia.


Gusto
O gusto é algo moito máis subxectivo e moito máis difícil de definir, mais o recoñecemos cando damos con el. Sería algo así como deixarse levar polo instinto, pola chispa da roda, por unha capacidade de percepción especial que outros non posúen. Por suposto que o traballo (a lectura dos orixinais, o coñecemento do autor) e a preparación (o estudo sobre a literatura universal, un coñecemento de gustos e tendencias) son necesarios para calquera editor, mais a intuición literaria (modulada co coñecemento, por suposto) é precisa para acadar un nivel de excelencia. Distinguir o manuscrito orixinal, ser quen de atoparlle as voltas a un texto escuro, rexeitar a pretendida simplicidade dun discurso banal ou ser quen de descubrir plaxiarios que copian sen pudor textos ou estilos procedentes doutros sistemas literarios aproveitando o difícil acceso a certas linguas, son capacidades que un editor debe desenvolver na medida das súas posibilidades, mais que requiren dunhas certas doses de intuición para “cheirar” o arte que nin todos os editores posúen.


Empatía
A empatía sería a capacidade de percibir non só o que o procura o autor, senón a capacidade de axudalo a levar adiante a súa obra ata a total consecución dos seus obxectivos. Isto é realmente difícil, pois require un tacto moi especial. Os autores, coma calquera artista, adoitan ser seres egocéntricos e de trato difícil, pagados de si mesmos e pouco abertos ao diálogo, e máis aínda sobre o que eles mesmos producen. Son necesarias pois, fortes doses de paciencia –a virtude da xente sabia, segundo Sócrates- para tratar con eles, para convencelos que modifiquen unha vírgula ou o enfoque dunha pasaxe, a suxerencia dunha imaxe ou a trama dunha novela á que se lle ven os costuróns.

Axudar ao autor non é darlle parabéns por todo o que presenta, nin concederlle premios por traballos que logo hai que levar ao cirurxián reparador para que poidan ser publicados, nin tan sequera darlle unha palmada nas costas e dicirlle “que ben escribes, meu”. Axudar ao autor é ser quen de que vexa o que non ve. Como escribía António Luís Catarino, o editor português da editorial Deriva(5): "Pensa-se que se conhece a obra lendo-a, mas, como editor, ler uma obra não basta. Tem de se conhecer o autor, de comunicar com ele, de assistir a sessões de trabalho com o tradutor, de perguntar pela palavra, a expressão idiomática, da clarificação política, social ou geográfica, a ironia sinuosa que não comprendemos logo e mais tarde fará todo o sentido."


Corolario
Chegados aquí, ás conclusións, dicir que se algo non é necesario é que o editor adopte o papel de Pigmalión, ese desexo incontrolado e paternalista de modificar a imaxe e o estilo do escritor, que debería ser anatema para un editor. Dicir tamén que das tres calidades básicas, xuízo, gusto e empatía, todo o demais se consegue con tempo e experiencia, agás un pouco de sorte, que nunca debería faltar.

Seguindo a Giroux, ao que experiencia é o único que non lle falta, dicir que o labor do escritor é escribir unha obra mestra (ou intentalo en cada unha das que escriba) mais se isto non é posíbel debe intentar escribir textos de calidade media alta. A misión do editor sería, se non é quen de atopar unha obra mestra, cando menos evitar publicar textos de baixa calidade. En resumo, calidade media-alta e fuxir –escritores e editores- de textos vulgares. No caso contrario estanlle facendo un fraco favor á literatura, aos propios escritores e por suposto aos lectores.

Xavier Queipo
Bruxelas, 13 de febreiro de 2008



1.Xa en 1994 González-Millán argumentou verbo da existencia dunha literatura nacional galega durante o século XX centrada na produción dun macro-texto nacional segundo o que as obras individuais da literatura galega se len como versións diferentes dun único texto, construído por un fondo de metáforas con connotacións nacionais.
2.Malia o seu nome publicada en Nova York.
3.Editor moitos anos (1955-1973) da prestixiosa casa editora dos Estados Unidos de Norteamérica Farrar, Strauss and Giroux
4.Pareceume unha definición arriscada, ou cando menos algo limitada no seu alcance, pois desbotaba outras características como o azar e as leccións da experiencia, tan queridas por min.
5.Revista Viceversa 11 (2005) pp. 129-132

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org