culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

18. A importancia das primeiras liñas (punto de vista do escritor)

Dende que a literatura é literatura escrita, e mesmo cando era só transmisión oral dun suceso ou dunha lenda, o narrador experimentado ten sempre boa conta das primeiras verbas. Sabe, con certeza, que son esas frases as que van prender o seu discurso para que este se faga fluído, e son estas primeiras pasaxes tamén as que van a prender ou non a atención do lector. No caso da literatura de transmisión oral, a percepción deste éxito de atención ou desta fluidez no discurso pódense observar de contado polas reaccións dos espectadores (oíntes), mais no caso da escrita a reacción é imposíbel de medir en tempo real e require, por tanto, unha forte dose de autocrítica.

17 / 1 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Lin xa hai anos, nunha revista americana(1) que anda perdida entre as caixas de libros gardadas nalgunha mudanza e que aínda non se abriron, que Gabriel García Márquez, cando dá un obradoiro de literatura, falando de novelas, insiste en dúas cuestións fundamentais, a saber: a) cada capítulo debe de se gardar nun ficheiro separado, pois cada un en si mesmo ten de ser “redondo” e constituír por si mesmo unha historia; e b) os primeiros capítulos que hai que escribir –logo se poderán modificar, sendo a reescrita unha das tarefas fundamentais do oficio- son o primeiro e o último. O escritor ten que ter un plan de escrita, saber o que vai abarcar a súa novela, cal será o inicio e o fin, o encadramento de toda a historia. Despois hai que encher o espazo entre ese inicio abraiante e o final apoteótico.

Cadaquén coa súa metodoloxía, mais o que parece claro é que o lector vai ficar prendido da historia que se conta ou non dependendo das primeiras páxinas, e atreveríame a dicir aínda, das primeiras liñas. Pasado o inicio está o que E. M. Forster di no seu libro “Aspects of the novel”, cando fala da diferenza entre unha secuencia de sucesos e unha historia. Dí: “if I tell you that the king died and then the queen died, that’s a sequence of events. If I tell you that the king died and then the queen died of grief, that’s a story, you feel that.”(2).

Terror diante da folla en branco
Moito se ten falado(3) do medo que os escritores experimentan diante da folla en branco(4), que é o mesmo que dicir, diante do comezo dun novo libro. É verdade, que antes de se poñer cun traballo en serio –falo de novela, mais acontece o mesmo na miña experiencia con outros xéneros literarios- un sente un particular desacougo.

En primeiro lugar, case nunca esta certo o escritor de que comeza un novo libro. Hai ideas, “iluminacións” (instintos) de que iso pode acontecer, mais a certeza absoluta raramente se dá. En segundo lugar; por moitas notas que se teñan tomado, por moitas fichas descritivas das personaxes e das situacións que se elaboren, o discurso que amalgame todo ese material pode aparecer ou non. Non chega con ter os materiais ordenados nin con ter a vontade de os engarzar, é necesario un estado de ánimo especial. A ausencia dese impulso inicial, dese big-bang das ideas é o que normalmente se entende por “terror diante da páxina en branco”.

Cando un escritor comeza unha novela nin sempre sabe como a vai rematar (de aí que as ensinanzas de García Márquez referidas anteriormente nin sempre sexan válidas). A escrita adoita ser un proceso de descuberta. As primeiras liñas non son só unha provocación para o lector senón tamén unha provocación para o escritor, que arrincando dunha idea ten que forxar unha novela. Ese Big-bang é preciso, pois é a faísca que prende a chama e incita a acometer un traballo sistemático.

Dalgún xeito o autor ten que investigar o que vai suceder, como vai engarzar todas e cada unha das vías posíbeis de saída a partir dese primeiro parágrafo. A explosión é necesaria, mais ás veces o traballo se converte nun traballo de Sísifo, sen esperanza, e entón o mellor é abandonar o proxecto definitivamente ou deixalo amolecer nunha gabeta (ou nunha carpeta de documentos do ordenador).

Da relectura autocrítica á reescrita necesaria
Como di Amos Oz no seu libro “The story begins”, o comezo dun libro marca un pacto entre o escritor e o lector (e porén un pacto entre o autor e si mesmo cando estamos aínda no proceso de elaboración da obra), mais hai multitude de pactos, entre eles aqueles que se establecen para ser rachados ou nunca concluídos. Mais tamén o comezo non é necesariamente a escolla dun camiño recto e sen meandros, senón tamén unha chegada (chegamos a ese comezo a partir de toda a tradición literaria acumulada e coñecida por nós como autores) e un retorno dos nosos pensamentos e as nosas ideas a unha senda que probabelmente ninguén ensaiou con anterioridade. Non hai que esquecer que o papel do escritor é ensaiar “o camiño non transitado”, a visión heterodoxa e particular do mundo, o “punto de vista excéntrico” (no senso de apartado da norma).

Unha vez que o escritor dá por rematado o primeiro borrador, a historia precisa dunha lectura crítica. Isto é necesario para asentar o ritmo, para evitar repeticións ou incongruencias. Cando non se produce esta relectura autocrítica adoitan aparecer no texto incoherencias temporais, espaciais ou de situación (un barco que percorre longas distancias nun tempo mínimo, un animal que se sitúa nun hábitat onde non pode estar de xeito natural, un comportamento contraditorio dalgunha das personaxes). De aí a necesidade da reescrita case permanente, particularmente en ausencia de editores que fagan algo máis que publicar.(5)

O necesario exercicio de encaixe das diferentes partes require en non poucas ocasións, entre outras modificacións, unha reestruturación das fases iniciais da novela. O escritor está permanentemente re-escribindo, volvendo atrás para fixar o ton e a trama. Non é infrecuente, porén, modificar o inicio da novela e darlle outro aire unha vez que esta chega ao fin. Non é infrecuente tampouco prescindir de capítulos enteiros o de introducións que xa non quedan ben no conxunto da obra. Isto non significa necesariamente unha traizón á idea orixinal, senón unha renegociación do pacto inicial.

Nota final
Do mesmo xeito que cando un entra en contacto cunha persoa por primeira vez –impresión ou prexuízo- forma unha idea desa persoa que dificilmente vai mudar –agás unha modificación substancial do seu comportamento-, e do mesmo xeito que os psicólogos seguidores das teorías de Jung utilizan os primeiros soños que os seus pacientes lles relatan como fío condutor da investigación psicolóxica, o autor dun texto toma as primeiras liñas como punto de referencia, e a partir de aí continúa a súa andaina literaria. Pódense producir relecturas ou reelaboracións desas primeiras liñas, pero as máis das veces son eses primeiros fragmentos os que marcan o ton xeral da obra. Hai excepcións, mais a hipótese que aquí sustento é que o inicio marca o camiño a seguir para o desenvolvemento da trama.

Xavier Queipo
Vigo, Nadal do 2007


1. A revista era un número da “The Paris Review”, publicada en Nova York e debe datar do ano 2000 ou 2001, pois daquela estaba eu subscrito a esa publicación.
2. A estas alturas do século XXI e vivindo os máis dos que me len nunha sociedade onde os pais prefiren que os rapaces estuden inglés que galego, escuso dicir o ridículo que sería facer unha tradución dun texto tan simple.
3. Recentemente, en Decembro de 2007, nun artigo de Daniel Salgado en “El Pais”, recollía este a opinión ao respecto de varios autores do sistema literario galego, con multiplicidade de matices e respostas.
4. A xeneralización inclúe, por suposto, outro tipo de soportes, pois son poucos os escritores que non comezan os seus libros escribindo directamente no computador, polo que se pode facer extensiva (e cada vez máis) a reflexión “a pantalla en branco”, ou se se quere “a un arquivo baleiro”.
5. O papel do editor como “revisor” do texto ou como lector crítico é de gran importancia. Unha das eivas fundamentais no sistema literario galego é esa ausencia de lectores que fagan unha crítica construtiva antes da publicación dun texto (sexa este premiado ou non).


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org