culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

16. Literatura e cinema como expresións poéticas (II)

(segue do artigo anterior)
3. Literatura e cinema, mensaxes intercambiábeis?
Un guión cinematográfico non deixa de ser un xénero literario pois amais de contar unha historia faino con palabras, para que estas sexan logo transformadas en imaxes e diálogos. Sería como unha partitura, que despois de concibida o director e o equipo técnico que el dirixe interpretan dun xeito ou doutro. Dalgún xeito un texto vivo, e como tal tamén podería ser publicado como ás veces acontece, mesmo que sempre o sexa para un público minoritario.

20 / 12 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Houbo, e haberá no futuro con certeza, escritores que traballaron para o cine, que engrandeceron cos seus guións ou coa mordente dos seus diálogos filmes que doutro xeito serían banais, e que amosaron coa súa práctica a posibilidade de se mover nesa liña flutuante entre as dúas linguaxes diferenciadas. Difícil non apreciar un filme con diálogos de Tennesse Williams ou William Faulkner, con historias contadas por Graham Greene ou Dashiell Hammet, de guións escritos por Marguerite Duras ou Alain Robbe-Grillet, por Paul Auster ou por Vladimir Nabokov, por poñer exemplos xa clásicos. Mais o habitual non é que grandes escritores escriban directamente os guións de cine. Non quero dicir o contrario, que os que escriban guións de cine non poidan ser grandes escritores, lonxe diso, mais falando de guións e directores habería tres tipos de aproximación do director ao guión cinematográfico:

• Aqueles directores que adoitan escribir sempre os seus guións, e que dalgún xeito os van escribindo, refacendo ou recreando, se así se quere mentres se desenvolve a rodaxe. Algúns deles, como Bergman, sostiñan que “adaptar” un texto para o cine é o oposto á esencia do cinema.

• Aqueles outros que prefiren comezar cun guión orixinal escrito por un escritor-guionista, para interpretalo e modificalo ao seu antollo;

• Ou aqueles outros aínda que, tomando como texto orixinal un libro xa publicado o traducen á linguaxe do cine, case sempre a partir dun guión-adaptado.


Sexa cal sexa a opción, converter un guión en imaxes non deixa de ser un exercicio de tradución e porén de re-interpretación dun texto. Raramente acontece o contrario, que a partir dun filme se elabore un texto literario, mais isto non está excluído e como exemplo clásico pódese citar “The Third Man” de Graham Greene, primeiro filme e despois libro. Non poucos guionistas influenciaron a toda unha xeración de escritores co seu xeito de narrar en imaxes o que despois sería narrado en prosa, como entendo que fixeron e fan para o noso gozo David Lynch, coa súa narrativa en varios planos superpostos, e Quentin Tarantino, co seu xeito de narrar unha escena desde varios puntos de vista. Non quero dicir que inventaran esta narrativa estratificada e multióptica, enténdaseme ben; senón que dalgún xeito a fixeron máis popular entre os escritores das novas xeracións e máis fácil, porén, de asumir polos lectores, nunha especie de relación biunívoca entre dúas manifestacións artísticas distintas.

Se de adaptación falamos esta ten moito que ver coa “tradución” ou “translación” dun texto orixinal a unha linguaxe diferente, non a outra lingua, mais a outra linguaxe. Se partimos dun libro, por exemplo, a adaptación será dupla pois primeiro hase de pasar a texto, ou sexa re-escribir, e logo adaptar a imaxes.

Se puidese caracterizar nuns poucos conceptos a experiencia da adaptación utilizaría as seguintes categorías significantes: Interceder / Transformar / Respectar / Profundar. Compre, se cadra, unha explicación de cada unha destas categorías. Velaí vai.

a) Interceder. Quen traspón actúa como interface entre o autor orixinal nun tipo de linguaxe a outro tipo de linguaxe. Exerce de axente transmisor do texto. Este proceso é necesario para facer accesíbel en imaxes o que doutro xeito non o sería. Este rol de transmisor é un rol activo, actuando o adaptador como unha especie de “transportador da mensaxe”. O que na dinámica de transferencia de substancias a través da membrana celular equivalería a unha molécula transportadora ou “carrier”. O rol do adaptador podería equiparase tamén a un “facilitador” da transmisión da mensaxe contida no texto orixinal.

b) Transformar. Para que o texto orixinal se poida facer comprensíbel na linguaxe receptora, o adaptador ten que o modificar. Este proceso continúa sendo equiparábel ao do “transportador” que, as máis das veces, precisa modificar a estrutura da molécula (do texto) que vai transportar dun lado a outro da membrana celular. Modificacións de sintaxe (forma), de léxico (compoñente da substancia) e mesmo de ordenación son estritamente necesarias para que o texto poida pasar dun lado ao outro e reaparecer intelixíbel logo do proceso de transformación.

c) Respectar. Coido que ninguén ten un maior respecto polo texto orixinal de un escritor que outro escritor. Respecto non quere dicir transposición cega, sen a necesaria adaptación, senón intento (tantas veces conseguido) de interpretación das intencións. Só un artesán pode entender a metodoloxía empregada por outro artesán das letras, deconstruir o texto no sentido da palabra utilizada por Jacques Derrida, e refacelo de novo. O transportador, como o "carrier" da membrana celular, non destrúe (non traizoa) o texto, senón que o devolve modificado mais igualmente “efectivo” logo do proceso de tránsito.

d) Profundar. O proceso de profundar require en moitos casos dunha aproximación sistemática á obra do autor que se vai adaptar e non é infrecuente que o adaptador lea, consulte ou analice outras obras do autor para se familiarizar co seu mundo e co seu imaxinario (todos temos a nosa visión propia do mundo e o noso imaxinario fantástico, de “Escila e Caribdis” de Homero, ás “Cidades invisibles” de Italo Calvino, pasando pola “Cidade flotante de Cortiza” descrita por Luciano de Samosata ou “O Bosque de Esm” de Xosé Luís Méndez Ferrín). Agás en situación de necesidade económica (tantas veces o fuel das adaptación cinematográficas) o adaptador – particularmente se é o propio director- vai traballar textos que lle “interesen”, que o abraien de calquera xeito, que o emocionen, que considere interesantes para o seu traballo de creación. Hai, pois, unha relación biunívoca evidente e o resultado é, en certa medida, unha co-autoría, o que referíndome á tradución literaria denominei hai tempo como teoría dos vasos comunicantes.

En definitiva, o xa enunciado anteriormente, dúas formas de poética, como outras tantas que existen se pensamos noutras artes.

4. A xeito de corolario

Partindo da experiencia propia do descubrimento de dúas linguaxes, a escrita e o cinema, levei o meu discurso ata as coordenadas do sentir humano e de aí, sen solución de continuidade a concibilas coma linguaxes intercambiábeis, por intermedio dun proceso de re-escritura, en moito semellante a unha tradución entre dúas linguas distintas.

Con todo o que lles contei quería chegar aquí, para poñer a verba fin. Esa verba que agora raramente aparece nas pantallas, que se dá por suposta cando comezan a desfilar os créditos cos centos de nomes que fixeron posíbel a realización do filme. Esa verba que de sempre marcou ese abrir un mundo de posibilidades e de discusións que agora espero que continúe, libre nas formas e anovador nos contidos.

Xavier Queipo
Bruxelas, Outono de 2007


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org