culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

15. Literatura e cinema como expresións poéticas (I)

Estou certo, con esa certeza que dá o recoñecemento da diversidade, que non vou escribir nada que os que me len non saiban, pois ben que participe do gusto e da afección por ambas as dúas manifestacións artísticas non está na miña formación a de estudoso das artes, e se ben practico unha delas – a literatura- con deleitación e entusiasmo de adicto, da outra non son senón –e nunca mellor dito- un mero espectador. Non me vou arredar por iso do empeño, mais teño por certo que hai outros enfoques posíbeis, proba da diversidade e o dinamismo do pensamento humano, que celebro cada día como mecanismo enriquecedor tanto da experiencia persoal como colectiva.

5 / 12 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  


1. Da descuberta das linguaxes á descuberta da poesía


O primeiro que me acudiu á memoria foi a miña experiencia escolar. Daquela os nenos íamos ao cine en sesións de tarde os domingos e festas de gardar, agás na Semana Santa na que as salas estaban pechadas por orde gobernativa. Eran tempos duros, con moitas imposicións e unha liberdade permanentemente vixiada. Disimulen a referencia a xeiras tan escuras da nosa historia, mais un vai sendo maduro bastante para se dar de conta dos cambios substanciais que experimentou o mundo no seu conxunto e a nosa sociedade en particular.

Tería eu por obra dunha ducia de anos, xa tanto tempo pasado, cando un profesor de música planificou unha actividade extra-escolar na que invitou a un correspondente da Universidade de Compostela, cuxo nome esquecín, que nos aprendeu algúns conceptos básicos de cinema. Entre outros o profesor aprendeunos os distintos tipos de planos, e foron desfilando así polas nosas cabeciñas soñadoras o “primeiro plano”, o “plano americano”, o “plano de detalle”, o “plano xeral”, que recolle paisaxes e visións de conxunto e os conceptos de “fundido”, “tránsito”, “travelling”, “colaxe de imaxes” e outros que a memoria non trae.

Aquel profesor entusiasta aprendeunos o que se podería entender como o sistema de signos e símbolos para gozar co cinema, o seu código secreto e o alfabeto no que se sustenta a súa linguaxe visual: aprendeunos a ler imaxes Para min, e supoño que para outros rapaces da clase, houbo un antes e un despois daquelas explicacións. Cinéfilos ou non, que cadaquén tomou na vida os camiños que os instintos ou as circunstancias lle marcaron, xa nunca ollamos os filmes do mesmo xeito. Agora tiñamos o código, ou cando menos uns rudimentos do código, e o cinema deixou de ser unha diversión sen máis, como o fútbol ou os xogos de patio, para se converter en motivo de análise e discusión, para nos ser quen de apreciar o que estaba por baixo da superficie, para “entender” a forma e non ficar exclusivamente ao nivel dos contidos. Beizón por sempre ao noso profesor de música, onde queira que el estea.

O código da escrita xa o tiñamos de noso dende moito tempo antes, cando nos ensinaran o alfabeto e a construción de palabras e de textos, naqueles experimentos no grado cero da literatura que eran os exercicios de redacción, mais houberon de pasar algúns anos máis ata que outro profesor entusiasta, este experto en literatura, Manuel Quintáns, nos aprendera a desentrañar os segredos da escrita, a escribir as historias do dereito para o revés e do revés para o dereito, sabedoría que é de agradecer como se merece.

Adolescente e imberbe eu aínda, fun quen de entender o alcance dos coñecementos transmitidos, a relación que existía entre as dúas disciplinas artísticas aquí mencionadas, o cinema e a literatura, que sustentadas en linguaxes diferentes, comparten entre elas e con outras artes puntos en común.

Non hai moito –son becho de evolución lenta-, entendín que un poeta o pode ser co pincel ou coa partitura, co texto escrito ou coas imaxes gravadas, esculpindo o mármore ou a madeira, ou inventando espazos e medidas como os arquitectos fan. Na fin, que é o cinema senón a arte de contar historias con imaxes e banda sonora. Que son a música e pintura, a escultura e o deseño arquitectónico senón expresións diversas da sensibilidade humana, xeitos de expresar esas sensacións que bulen no noso interno utilizando para iso linguaxes específicas. Pura poesía.

2. Os puntos cardinais do sentir humano

É a xeografía que nos indica a existencia de catro puntos cardinais, Norte, Sur, Leste e Oeste, cuxa combinatoria dá pé a establecer as posicións todas da Rosa dos Ventos. Mais a experiencia nos indica que no ser humano hai outros puntos cardinais que van marcar a ruta dos sentimentos. As sensacións experimentadas son innúmeras por mor da sutil combinatoria de tipos e rangos de percepción. Mais adoptando unha aproximación reducionista, estes puntos son cinco segundo á descrición clásica dos sentidos, a saber: a vista, o ouvido, o gusto, o olfacto e o tacto.

a) A vista é sentido que os humanos temos desenvolvido como especie, por onde penetran a meirande parte das sensacións conscientes, por falar en números non menos do 90%. Neste século –proceso que xa comezara no pasado- a linguaxe de imaxes é parte esencial da vida en sociedade –sinais que anuncian, que prohiben, que limitan, e todo sen necesidade nin de sons nin de palabras que o expliquen: simplemente imaxes.

b) O ouvido sitúanos no mundo, axúdanos a comunicar oralmente con outros individuos, a percibir mellor as súas mensaxes, a gozar coa música. Tamén neste século, que esperamos de impresionantes mutacións, a música sitúase no centro das nosas vidas. Cantos cidadáns cruzamos cada día pola rúa que van escoitando música, que camiñan á par de outros, se cadra amigos ou namorados, mais que non falan, só escoitan música (certo que ás veces a mesma, en sublime manifestación de amor ou en simple partillar de experiencias). Cantos de nós sentimos un baleiro inmenso se non estamos rodeados de sons, mergullados no tráfico das rúas o escoitando a radio para non nos sentir sos?

c) O gusto, sentido primario e ben localizado na cavidade bucal, adoita adquirir o seu valor combinado con outros sentidos. Cando comemos detectamos o gusto dos alimentos, case sempre imbricado co seu olor, mais tamén coa súa textura e dalgún xeito (agás que comamos o fagamos o amor ás escuras) coa imaxe do comido. A tendencia neste século –glutamatos e aditivos de por medio- vai cara a unha uniformización dos sabores.

d) O olfacto é sentido que os humanos temos pouco desenvolvido ou que sofre dalgún xeito unha especie de atrofia progresiva, máxime nas cidades onde todo cheira a unha mestura de combustíbel queimado, verza fermentada e traseira de restaurante chinés. É curioso que na meirande parte das linguas non existan verbas específicas para designar un olor. Preguntado calquera de nós polas cores poderá falar de branco e de negro, de azul e vermello, de verde e acastañado, que agás nos casos de cegueira ás cores, están presentes en todas e cada unha das linguas coñecidas. Non acontece o mesmo cos cheiros, que rara vez teñen unha palabra para os designar. Sempre son un cheiro a algo (ou de algo)

e) O tacto é sen dúbida o sentido máis nostálxico, aquel que nos indica a textura dos obxectos, que é quen de facer acordar os nosos instintos máis básicos, o que semella non estar presente na nosa consciencia mais que nos sitúa no mundo e nos permite analizar formas e texturas, sentir calor e frío en toda a xeografía do corpo, o que garda a lembranza da fronteira do amado, do mudar dos órganos, da sensación dos fluídos esvarando pola pel (esperma, bágoas, suor e cuspe).


E isto dos puntos cardinais para qué? Que fai aquí no medio? Pois simplemente para procurar semellanzas entre as artes, as dúas capaces de nos situar no mundo, de facer acordar os nosos sentidos, de arrombar as nosas ideas para procurar conciencia de ser.

Un escritor que así se considere debe ser quen de facernos escoitar a voz das personaxes, de sentir frío e calor, de percibir un recendo específico, de excitarnos co sabor dun corpo, de ver o que acontece e representalo en imaxes, que é como os humanos entendemos o mundo.

Mais un filme tamén nos fará escoitar a voz dos amantes, nos transmitirá a sensación de frío nun deserto de xeo ou o desasosego da calor na foresta do trópico, sentiremos o recendo da papaia verde ou o chuchar dunha sambesuga inzando a súa ventosa nun tornecelo, e veremos o mundo tal como el é ou como imaxinarse pode.

Comparei as artes máis non os suxeitos artistas. Non é nada novo e non vou insistir niso, mais a escrita adoita ser –agás experimentos colectivos- unha arte individual, mentres que o cinema non se pode entender senón como traballo de grupo. Difícil pois no cinema saber quen ten a patente do produto, canto hai de guión e canto de dirección de actores, canto do enfoque e da técnica fotográfica, e que sería dalgúns filmes sen aquel experto en efectos especiais, ou de como tal ou cal outro está na memoria colectiva por un tema musical sen que ninguén apreciase o traballo do director.


Xavier Queipo
Bruxelas, Outono 2007

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org