culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

11. De plaxios, negros e outras hipocrisías

O 18 de xullo de 1962, en Lima, -Bryce Echenique dixit- o bosque de soldados camuflados do Xeneral Robles Godoy camiñou cara ao Pazo presidencial para depoñer a Manuel Prado Ugarteche, rememorando así o asalto das tropas do Príncipe Malcom ao Castelo de Macbeth (1). A realidade plaxiaba minimamente á ficción. O Xeneral Robles Godoy non foi acusado de plaxio, xa que resultou imposíbel demostrar que non nacera de muller nin que Manuel Prado Ugarteche fose arquiduque. Perdoen que leve ata o absurdo esta historia do plaxio (afectado se cadra por unha recente relectura do “Macbett” de Ionesco).

11 / 10 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Como escritor sei que cada liña que trazo é resultado, entre outras cousas, das miñas lecturas pasadas e da interpretación que o meu saber e entender lle dan a esas lecturas. Sei tamén que cada interpretación que fago da escrita de algún outro escritor é resultado dunha combinación perversa entre as miñas experiencias pasadas e presentes, o meu estado de ánimo no instante da lectura, os meus prexuízos e ata a temperatura, a humidade ou a luz que haxa no lugar onde estou lendo, ou mesmo a música que soe no cuarto veciño. Raramente invento unha palabra e o único que fago, como o común dos meus compañeiros de oficio, é combinalas e recombinalas para facer comprensíbel o discurso. Cada vez que escribo, por exemplo “Sentinme confundido e ausente”, estou plaxiando inconscientemente a miles de homes e mulleres que durante anos e anos tiveron ese pensamento de confusión e estrañamento, expresarano ou non coas mesmas verbas que eu fixen e publiquei. Este sería un tipo de plaxio involuntario e certamente inevitábel, porque para non plaxiar absolutamente nada do que antes foi escrito ou pensado necesitaríamos escribir e falar cada un de nós nunha lingua inventada e propia, o que imposibilitaría, certamente, a comunicación. Esta foi, a redución ao absurdo do plaxio, o dicir que todos, inevitabelmente, plaxiamos, dende o xeneral golpista máis serrán, e cholo, e peruano, ata o escritor máis requintado, exclusivo e pretensiosamente orixinal.


Que entendo por plaxio?

Como todas as reducións ao absurdo, pretende establecer límites, neste caso do concepto de plaxio. Visto que é absolutamente imposíbel non plaxiar, imos delimitar o que pode ser considerado plaxio e o que non. (E como sempre que se establecen categorías non cuantificábeis, a polémica está servida). Eu non entendería por plaxio as versións de certos temas considerados como clásicos, por exemplo as revisións que de “Coriolano” fan Shakespeare, Brecht e Gunter Grass. Non entendería por plaxio tampouco a recreación dunha pasaxe ou dunha escena da obra dun autor co que se falou e discutiu sobre o enfoque que se lle podía dar ou o que se admira profundamente, tal sería o caso dunha escena extraída da “Vida e opinións de Tristram Shandy” de Laurence Sterne incluída en “Jacques, o fatalista” de Diderot, ou da reprodución dun parlamento integro do “Macbeth”, de Shakespeare, citado como tal na versión de “Macbeth” que fixo Ionesco, ou máis recentemente o meu benquerido Haruki Murakami, que recrea nese home que fala cos gatos en “Kafka en la orilla”, unha personaxe clásica de Lafcadio Hearn.

Non estou de acordo, aínda que me faga graza, coa opinión dos que defenden ao plaxio como un dos xéneros literarios máis respectábeis, considerándoo unha homenaxe cortés e sincera do plaxiario ao plaxiado, algo así como un acto consagrador que partiría da concepción (tantas veces errónea) de que só se plaxia o que é realmente bo, o que se quere e admira. A idea do plaxiario perfecto, que Borges soñara para o seu Pierre Menard, que se propuxo escribir novamente o “Quixote”, palabra por palabra, sería para algúns, expresión máxima da complicidade amorosa do plaxiario polo plaxiado. Faime graza, certo, e así hai tempo escribín un micro ensaio sobre como elaborar un poema sen crear un só verso, incluído no meu libro “Manual de instrucións”, probabelmente incomprendido. A diferenza entre que me faga graza e que defenda a publicación dun texto plaxiado está nunha palabra: honestidade.

A honestidade non está de moda como valor ético. Iso é evidente en todas as esferas da vida social, onde a mentira e o engano, a manipulación informativa, o ascenso social e o éxito fácil dos máis aptos para a trapallada é unha norma de conduta aceptada sen oposición. Un pode divertirse plaxiando compases ou recreando cancións, copiando caricaturas ou amañando debuxos, construíndo informes con parágrafos extraídos doutros informes (repárese que moitas teses doutorais son todo menos teses e menos aínda doutorais, senón colaxe das opinións e das experiencias doutros, seguindo nunha parte ou no todo o clásico libro de Umberto Eco “Como escribir unha tese doutoral”). Todo vale? Honestamente, coido que non, que un artista que se pretende creador en calquera das artes, no cine ou na fotografía, na poesía ou no teatro, na música ou na pintura, ten que presentar ao público o resultado do seu traballo de creación. Por suposto que o traballo dos artistas estará influenciado polas súas experiencias e vivencias, polos cadros ou polas películas que lle gustan, polos autores cos que goza ou pola música que escoitou, en definitiva por unha colaxe mental de formas e maneiras, de sons e de expresións. Esa influencia é unha cousa e outra moi distinta é tomar o traballo doutros artistas e facelo seu.


“Negritude” na administración pública, a universidade e a literatura

Tres décadas despois do golpe do Xeneral Robles Godoy, por poñer un exemplo máis próximo, un funcionario galego escribía as respostas que unha Comisaria europea debía dar a unha entrevista enviada por fax por unha revista española (na edición se incluían fotos da Comisaria, como que estaba falando) e unha funcionaria Bretoña redactaba o artigo de opinión que a mesma Comisaria presentaba baixo a súa firma a un importante xornal madrileño. Ninguén diría que a benquerida Comisaria (tan idolatrada en todo pola opinión pública) tiña “negros” ao seu servizo, pois así se considera que é como deben actuar os funcionarios cos seus superiores, escribíndolles os discursos, os artigos, as entrevistas pactadas, respondendo ás preguntas parlamentarias e fornecéndoos de argumentos fronte a eventuais preguntas nunha rolda de prensa ou un comité parlamentario. Ou é que aínda hai quen pense que os Directores Xerais, os Conselleiros e o celebradísimo Rei das Españas escriben todo ou parte do que asinan? O dos “negros” na administración pública é cousa de todos os días e socialmente asumida como norma.

O dos “negros” na universidade xa sabemos que existe, e que lexións de bolseiros e axudantes repiten mil e unha veces probas e medicións, lecturas e mostraxes para maior gloria e loor do funcionario xefe de departamento, para que viaxe a ben lonxe a presentar eses datos nun congreso ou para que persista na súa cátedra malia a súa ausencia de tempo para producir traballos científicos. (Detéñome aquí para non botar sal nas feridas).

O dos “negros” na literatura ou noutras artes é algo que todos sabemos que existe, pero que ninguén se atreve a dar nomes e apelidos. Algúns porque non os sabemos, e outros -os que os saben- porque afortunadamente aínda é considerado un desprestixio que alguén escriba unha novela para que o famoso poña a firma e consiga así un gaño millonario. Mais non hai que se enganar, se non lle poñemos un remedio ético a sociedade avanzará –avanza xa- cara a esa mentira total.


Corolario

Por todo o referido, son moderadamente pesimista e sei que triunfarán os plaxiarios de toda condición, que cada día a honestidade irá en retroceso como valor social e que veñen malos tempos para a lírica (se se me permite o plaxio-homenaxe a German Coppini, letrista do grupo musical “Golpes Bajos”). Seguirase plaxiando e cada vez máis, cada vez con menos escrúpulos, e chegará incluso a estar ben visto. Os escritores serán marcas comerciais e para eles traballaran unha pléiade de escravos, que a corrección política deixará de chamar “negros” para chamar “colaboradores anónimos”, pero que constituirán auténticos gabinetes de produción que deseñarán produtos para tal ou cal escritor-estrela (probabelmente fugaz), preferibelmente mozo e atlético para as novelas de acción, romántico e moderadamente contestatario para as poesías todo uso (muller, na ocasión), e cano e con lentes, con aspecto de vello venerábel, para os libros de ensaio. Por qué raios falo en pasado? O futuro comeza cando remate este parágrafo. Non está pasando xa?

Xavier Queipo
Murcia-Bruxelas, Setembro-Outubro de 2007
(recuperando e modificando un texto propio atopado nun disquete)

1.- “Macbeth shall never vanquish’d be until great Birnam Wood to High Dunsinane Hill shall came against him”

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org