culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

9. A arte de desaconsellar

Non é infrecuente que un se encontre confrontado co requirimento de recomendar algún libro. Acontece, e todos o facemos dun xeito automático e irreflexivo. Eu se cadra deba facer neste punto unha paraxe e un propósito da emenda, pois non é a primeira vez que recomendo un libro pública ou privadamente. Digo propósito da emenda, pois este verán, analizando a extensión e a frecuencia dos meus comportamentos automáticos, descubrín varias razóns para non recomendar un libro, que serán o fío condutor (ou o fío de Ariadna, se prefiren) para avanzar nesta “carta marcada”.

13 / 9 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Porque é que lemos?

Nun libro de reflexións sobre a lectura (1), Henry Miller, apuntaba unha lista de razóns polas que lemos. A lista non é exhaustiva mais inclúe, sen lugar a dúbidas, as máis das razóns que eu teña escoitado. Estas razóns son:

a) Para nos evadir de nós mesmos;
b) Para nos armar contra perigos reais ou imaxinarios;
c) Para nos manter ao nivel da xente que nos arrodea ou para impresionalos;
d) Para saber o que acontece no mundo;
e) Para o noso pracer, o que neste caso quere dicir para estimular as nosas facultades e para enriquecer o noso intelecto;

De todas elas a máis confesada (e confesábel) é a de expandir o noso intelecto e abrirnos así a novas sensacións e novas fronteiras. Algunhas outras semellan máis unha imposición que unha vontade, pois hai que estar ben desesperado para ler algo co obxectivo único de impresionar a quen nos arrodea (compañeiros de traballo ou de vida, veciños, alumnos, profesores, etc). Mais a simulación non deixa de ser, ao meu parecer, un desesperado intento de transposición psicanalítica. Conviñamos, pois, para avanzar ás atoutiñadas no espeso labirinto deste razoamento non lineal, que en chegando a un certo estado de ánimo, que nada ten que ver coa idade ou a historia persoal, achegámonos á lectura polo pracer, así, sen máis explicacións. Cantos nenos non len unha e máis outra aqueles poucos libros que posúen, abraiados todas e cada unha delas pola historia daquel parrulo que era diferente aos demais ou daquel rapaz que atopou unha lámpada e puido pedir tres desexos? Cantos adolescentes non atopan na lectura unha válvula de escape para as súas fantasías, precisamente nos textos que ninguén lles recomendara, e certamente non naqueles que o sistema educativo lles pretende impor con inexplicábel teimosía? Cantos adultos, pasadas as xeiras difíciles de traballar arreo e vivir sen alento case, non atopan consolo na lectura?

Do que se debe e non se debe ler

Vivimos unha época difícil onde o mimetismo (facer o que outros fan) e o gregarismo (acudir a onde outros van) constitúen puntos de referencia social. Mercamos os que outros mercan, dicimos o que está ben dicir, actuamos como outros (os modelos sociais) fan, reprimimos a nosa expresividade ou a convertemos nun ritual en espazos cotados (festas, concertos, locais de diversión), e imos aos mesmos centros comerciais para experimentar o reflexo binario traballar / consumir nos templos sagrados da negación do individual. Por iso non é de estrañar que nesta sociedade en que todo se rexeita ou se recicla (roupa, obxectos), ter unha tatuaxe sexa un modo de ter algo que nos pertence definitivamente –ata a morte ou ata o enxerto, como dicía Severo Sarduy (2)- para sempre, que nos confire a idea de ser uns, de ter algo que os demais non teñen, que nos identifica cun grupo e ao mesmo tempo pode significar a marca da nosa diferenza (consciente ou inconscientemente).

Vivimos unha época difícil, dicía, mais non máis difícil que o foran xeiras pasadas. De cando estudante lembro con arrepío todos aqueles libros que nos facían ler por obrigación, e manteño, por contra, un amor reverencial por aqueles outros que constituíran auténticas descubertas, tomados ao azar da man que se estende nerviosa entre os estantes ben mal provistos da minguada biblioteca familiar. A transgresión estaba niso, en ler un daqueles tomos forrados todos eles en papel azul para que ninguén vira cal era o seu título, para que ninguén senón o que tiña necesidade de alimento accedera a eles para escorrentar o tedio nas tardes de chuvia ou de frío. Semella que a situación non mudou moito, que os profesores seguen recomendando a lectura dos clásicos, que por iso son clásicos e están establecidos como “boas lecturas”. Pretende así que os estudantes se apaixonen coa lectura de Macbeth, o que nunca será morto por home nacido de muller, lean de corrido poesías que falan nunha linguaxe requintada e absurda de nenas no bordo da praia ou doncelas que recean de quen as pretende, ou que entendan e aprecien como fantástico o que acontece na “Esmorga”, entendida como o paradigma da novela galega contemporánea.

Nunha entrevista para a revista literaria “The Paris Review”, o escritor estadounidense T. C. Boyle afirmaba: Estamos chegando a un punto no que tanto a ficción como a poesía constitúen exclusivamente a provincia dos académicos, dos intelectuais, e que para o común da xente representan tan só unha odiosa experiencia como unha obriga durante a súa etapa educativa(3). Temo que Boyle teña razón e que para un sector moi importante da nosa poboación estudantil a lectura non sexa outra cousa que unha experiencia odiosa. A iso contribúe sen dúbida esa manía en orientar as lecturas, en recomendar este ou aquel libro. Dicía Miller no libro antes citado que “as cousas poden perder todo o seu valor, todo o seu encanto, toda a súa sedución se vos tiran dos cabelos para as apreciar” (e se vos fan un exame sobre elas). Moitas das veces fantásticos libros adaptados ao pensamento do profesor ou asociados ás súas lembranzas de mocidade constitúen un auténtico tormento para os seus alumnos (os sistemas de valores que exhiben, os comportamentos que proclaman como exemplo, o desenvolvemento da trama, as características da lingua utilizada resultan incomprensíbeis ou obsoletas para os seus alumnos).

A educación debe de ter como primeiro obxectivo o conseguir que o alumno se familiarice co mundo no que vive e do que fai parte, para se poder confrontar así ás dificultades que comporta. Como corolario, deberá comezar o lector por ler libros actuais, de escritores actuais, para entender o mundo, este, o seu mundo. Son estes libros, por referencias cruzadas, polas limitacións que atope nalgún deles, polo gusto da exploración de como podería ser un mundo diferente e como se chegou a este o que leven ao lector a procurar outros estilos e outros tempos (entre eles os clásicos dos diversos sistemas literarios, non só do propio). O achegamento á lectura non precisa de manuais de instrucións nin de canons sacramentados nun departamento de literatura.

De como o instinto é liberdade

Hai uns días foi nun libro esquecido (4) editado hai case unha década nunha colección de literatura galega hoxe desaparecida (5), que atopei o seguinte aforismo da autoría de Ramón Patiño e Xavier Seoane; “O instinto é liberdade”. Hai nese libro moitas outras reflexións que me resultaran interesantes no seu día, mais por eses azares que teñen as lecturas cun lapis na man, foi esta referencia ao instinto a que ficou subliñada no intre da primeira lectura. Días despois, parolando cun amigo que se interesa pola poesía sufí á que chegou máis por azar que por seguir unha orientación precisa, concordamos na importancia que na literatura, como por descontado noutras artes, teñen as pescudas individuais. Conviñemos daquela que nunca nos recomendariamos un libro un ao outro, que os presentariamos, si, dicindo este trata disto ou disto, fala nun ton “a” ou “b” e non lle atopei graza cando describe “x” ou “z”, mais a presión da recomendación, que non é senón anticipo de decepción, iso nunca máis.

Sen sabelo estabamos se cadra repetindo o comportamento de certos “gurus”, tibetanos ou hindús que desde hai séculos practican a difícil arte de desaconsellar o ardor daqueles que pretenden ser os seus discípulos, argumentando que eles e só eles teñen que atopar o seu camiño, ou máis xenericamente o seu lugar no mundo, como dicía Carlos Castaneda nun dos seus libros (6). Poderíase moi ben utilizar o mesmo argumento para os libros, mais isto levar íanos ao terreo do papel da crítica literaria (de como a crítica excesivamente eloxiosa pode crear rexeitamento) e aos labirintos económicos da comercialización (porque se orquestran campañas publicitarias para uns libros e non para outros) do que haberá espazo para falar –espero- noutras “cartas marcadas”.


Xavier Queipo
Bruxelas, 3 de Setembro de 2007


1. “Lire aux Cabinets”, Henry Miller, Coleción Folio Gallimard 4554, Paris
2. Severo Sarduy, La simulación, Editorial Monte Ávila, Caracas, 1982
3. A cita corresponde ao número 155, pp , Nova York, 1998
4. “Hai suficiente infinito”, de Antón Patiño e Xavier Seoane, edicións Xerais de Galicia, Vigo 1998
5. Trátase da colección “Ferros”, un espazo de liberdade e innovación creativa que non tivo nin a aceptación comercial nin o impulso necesario. Algúns dos seus libros –como o que se reseña na nota anterior- terán algún día nova vida, ben por ser reeditados ou por se converter en libros de referencia para entender unha xeira de explosión creativa como foron os anos 90 foi a literatura en Galiza..
6. Coido que era en “Camino de Itxlán”, pero hai tempo que non sei onde teño os libros de Castaneda


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org