culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

7. Onde habitan as musas?

Recentemente, na Feira do libro de Turín (1), cando unha xornalista lle demandou a Umberto Ecco nun programa de radio, porqué escrebe?, el contestou: “pois para lle poder responder unha pregunta tan absurda.”. Asáltame a idea de responder de xeito semellante cando escoito unha e outra vez a pregunta canónica: un escritor faise ou nace sendo escritor? (2): paréceme unha pregunta absurda, mais se cadra estou errado e é unha cuestión profunda que merece unha reflexión de calado semellante.

5 / 7 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Imos partir da hipótese que un escritor nace, pois son moitos os que declaran sen arroubo, nas súas memorias ou nas autopoéticas de urxencia, que xa de nenos sentiron esa inspiración, unha forza interior, unha pulsión irrefreable a encher cadernos con anotacións fantásticas ou a escribir poemas para celebrar o Día da nai, a beleza do seu Anxo da Garda particular ou o primeiro amor de escola. Se un escritor nace é que ten unha musa propia, alguén que lle dita ao ouvido interno todas e cada unha das palabras que el transcribe como educado amanuense. Falar hoxe de musas resulta chocante cando non unha chisca rancio. Por unha asociación de ideas, imaxinamos sen dúbida unha rapaza (3) de porte clásico, se cadra vestida con roupas vaporosas de cores suaves, cunha cabeleira longa e rizada e fazulas con coloretes modelo moza campesiña e saudábel, cunha ollada doce e engaiolante como de femia elegante e sutil, namoradeira e unha chisca tímida.

Non é realmente fácil ter e manter unha musa. No seu libro “Zen in the Art of Writing”(4), Ray Bradbury(5) afirmaba: “Ninguén o fixo coa debida constancia. Aqueles que o teñen intentado con máis insistencia, a deixaran fuxir na foresta. Aqueles que xiraron a ollada e fixeron só catro pasos sentírona camiñar cara á eles, levada por un desprezo escrupulosamente estudado.”

A procura da musa propia

Hai quen diga que a verdadeira musa é a madureza, o tránsito interno das ideas e as palabras, o que era e xa non é. Non serei eu quen contradiga esta hipótese, que fago propia. Vivimos rodeados de paradoxos, de circunstancias que entendemos ou non, mais que modulan e modelan a nosa vida e a nosa escrita. Olores que invaden o bulbo olfactivo, visións que abraian, soños que regresan, gustos que estimularan as papilas e o padal como a famosa madalena de Proust, sucesos que vivimos ou nos contaran, todos eles, grandes ou pequenos que sexan, van mudando en nós, as máis das veces de xeito imperceptíbel. Un xa non é o mesmo logo de facer o amor pola primeira vez, de sentir o tacto do amado, de ulir recendos de afastadas latitudes, de ver o mundo e sentilo entrando polos poros, mais tampouco é o mesmo despois de escoitar unha melodía de Gershwin ou de Sakamoto, de ler un libro de Sarduy ou de Cortázar, de ver un filme de Tarantino ou Kurosawa. Nin sequera é o mesmo cando os nomes son outros, descoñecidos, estraños, falsamente menores. Todas esas sensacións van entrando no noso subconsciente, facendo acordar conexións enferruxadas nas neuronas, establecendo pontes eléctricas, ficando acamadas nos arquivos da memoria. Comeza así, nese almacenamento, a loita de soños contra soños, de fantasías contra realidades, de materiais contra formas e sentidos, delimitando así as coordenadas do eu.

Na vida ninguén ten as mesmas experiencias na mesma orde, ninguén ve o mesmo desde o exacto punto de vista de onde outros o ven. E se dúas persoas teñen a mesma experiencia e seguro que falarán dela de xeito diferente. Iso fai que todos e cada un de nós sexamos distintos, creando o substrato da orixinalidade. Ese substrato, o subconsciente é, pois, a auténtica musa á que hai que nutrir convenientemente.

Non hai máis que observar a unha persoa –a calquera, por exemplo á nosa nai- cando fala da súa vida (en definitiva do seu soño de vida); comeza se cadra indecisa, mais remata atopando o ton indicado, as palabras xustas, o adxectivo certeiro, e fala, na fin, nunha linguaxe poética, pois é o subconsciente o que fala por ela.

Dieta para conservar a musa

Dalgún xeito, para manter a musa, hai que poñer a dieta o subconsciente. Dicilo é ben fácil e pode mesmo soar a piada, mais facelo custa tempo e traballo. Paso pois a indicar unha dieta que considero recomendábel:

a) Ler poesía ou escoitar música, todos os días se fose posíbel. Do mesmo xeito que se recomenda o consumo diario de froitas e legumes, a poesía e a música proporcionan as bases rítmicas coas que o subconsciente traballará máis adiante para nos axudar na construción do texto.

b) Ler e escoitar con liberdade, vendo, imaxinando o que acontece, as sensacións que se transmiten. Poderíamos pensar que algúns poetas especialmente herméticos non deberían formar parte da nosa dieta, mais os nosos ganglios, as nosas amígdalas cerebrais van percibir os sons, as palabras, o ritmo sincopado, as cadencias internas e daquela, algún día, algunha desas estruturas van regresar a un circuíto para producir os efectos desexados.

c) Ler ensaio, as proteínas de todo escritor. Escoitar o eco das ideas, dos razoamentos e as complexas engrenaxes da argumentación lóxica.

d) Apreixar todo o que o arte nos ofrece, a lectura de libros e revistas, de cómics e subtítulos dun filme en versión orixinal. En varias linguas, escoitando os ritmos diferentes, gozando coa sonoridade das palabras, ensaiando sutís combinatorias, para experimentar, nesa purga fantástica, o pracer da mestura de rexistros do que falara Roland Barthes en “Le plaisir du texte”.

e) Nutrir os sentidos con experiencias varias, que amplíen os nosos horizontes, que nos permitan un día transmitir aos lectores o sabor da guaiaba, o recendo do coco relado, o tacto do pexego, a viscosidade do caracol, a estrutura arquimédica do náutilo e o fulgor das estrelas azuis. En breve, navegar cos sentidos para mudar as nosas coordenadas.

f) Ler relatos, e contos, e novelas, dos autores que escriben como nós quixeramos escribir, e tamén dos outros, que poden semellar anticuados ou covardes no seu estilo conservador e inmutábel. Non ter nisto nin o prexuízo da brevidade nin a paixón desenfreada polo barroco. Desbotar as pulsións absurdas de negar a Kipling ou a Joyce, de desbotar a Borges ou Salgari.

g) Non ter medo da diacronía nas lecturas. Pódese ler Julio Verne aos vintecinco anos e Kafka aos dezaseis. Ter como teima a descuberta, a aventura de ler, de sentir, de moverse dun lado a outro, de experimentar, de ter fame de vida.

h) Non negar xamais a re-lectura, tantas veces proveitosa de textos que críamos esgotados. “Hamlet” mil veces se fose necesario, a “Odisea” un cento, “Sinbad o mariñeiro” en bucle ata que a memoria nos devolva a imaxe da illa das Cotovias, “que son sete... e están ao sur... e son marelas cando clarexa o alba... e a do medio ten unha montaña verde”.

Harmonía e retorno

A relectura (6) e o reencontro con textos que nos gustaron ou que detestamos en xeiras distintas da vida constitúen un exercicio necesario, pois a dieta para nutrir as musas require medrar en experiencias e recursos, ser quen de reinterpretar un texto, de sentir que aquelas páxinas xa foron nosas, que alí nos detivemos un día (queda aínda a folla dobrada), que ata máis alá non pasamos (a fenda do marcador é inconfundíbel), cando resulta que a partir de aí é o mellor, cando acontece isto e aquilo, que agora vemos claro é consecuencia do que antes nos parecera un fastío mais agora indispensábel. Por iso hai unha recomendación hixiénica que consiste en non se desprender dos libros que algún día leemos. Son tesouros necesarios para a alimentación do subconsciente (da musa, en fin) que non sabemos cando volveremos precisar.

E toda esa dieta require da constancia do nutrimento esencial que é o traballo, os exercicios de estilo, as repeticións, os exemplos ensaiados unha e outra vez. Como dixo algures Suso de Toro, “ten que doer”. Mais logo da dor está a delicia e a ledicia, a harmonía que nos leva a pensar ás veces, que é realmente alguén o que nos dita á orella, sexa un demo ou un anxo da garda, un elfo de ollos de auga ou unha musa de saia vaporosa.

Como conclusión de todo isto podo agora contestar que o escritor non nace, que se fai con velocidade variábel, mais podo dicir tamén que todos temos unha musa dentro, que hai que alimentala de vagar e que máis tarde ou máis cedo imos atopar todos e cada un dos que escribimos, a palabra certa, o ritmo propicio, o adxectivo certeiro, o ton desexado. Se cadra o ton acadado non é o que lle gusta ao crítico X ou ao lector B, mais esa é fariña doutro muíño, que haberá que moer noutra ocasión.

Xavier Queipo
Luxemburgo-Bruxelas, Xuño 2007




1. Eu prefería Torino, como prefiro sempre os nomes vernáculos, mais o corrector é frío nas súas decisións e cruel no seu comportamento teimoso.

2. O entrevistador adoita ter as súas ideas propias e así a orde dos termos leva implícita a resposta que espera conseguir. Afortunadamente, algúns escritores son imprevisíbeis e pouco dados á repetición, amantes sen ambaxes de se contradicir en público e en privado, e neles as respostas poden ser mesmo contraditorias, o que favorece o interese da entrevista e adoita enervar ao entrevistador.

3. É curioso que os evanxelistas e outros santos varóns, reciben o ditado dos seus textos de anxos andróxinos e non de musas vaporosas de ollada engaiolante, que se cadra lle farían perder a concentración e a santidade.

4. A dicir verdade, o libro que eu lin foi a tradución en italiano "Lo Zen ne´ll arte della scritura", publicado no 2000 por DeribaApprodi, en tradución do inglés de Paolo Nori e Salim Catarina, mais pouco importa a lingua, se a mensaxe é a mesma.

5. Autor, entre outros, de dous libros fantásticos que marcaran a miña vida: "O home ilustrado" e "Fahrenheit 451"
6. Ver " Ensaio sobre a relectura ", nesta mesma sección "Cartas marcadas"

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org