culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

4. Literatura en viaxe

Nunha cita xa clásica de “Along the road”, Aldous Huxley define as características dos libros que se han de levar cando de viaxe: “As calidades dun bo libro para viaxar son: debe ser dun xénero que permita abrilo en calquera punto e encontrar alí un texto completo en si mesmo, que sexa posíbel ler en pouco tempo, pois un libro que requira unha atención permanente é inútil cando un está de viaxe e o tempo é escaso e a mente se encontra distraída. Poucos libros son máis indicados que unha boa antoloxía poética, na que cada páxina contén unha peza completa, e outro tanto acontece cos libros de máximas e aforismos”.

24 / 5 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Claudio Magris, o autor triestino, no seu libro “Danubio”, di: “Para encamiñarse cara á verdade (...) hai que se desenraizar, afastarse da casa, desfacerse da cada contratempo inmediato e de toda referencia ás propias orixes”.

Hai uns días, visitando Torino, dei cun libro que me pareceu interesante polo seu título e formato. Estando eu de viaxe, un libro de peto titulado “Breviario per nomadi” resultaba do máis axeitado. O seu autor, Vanni Beltrami, decidiu dividir o libro, que non é outra cousa que unha recolla de citas literarias sobre viaxes, en catro partes: “andare”, “vedere”, “sentire” e “ricordare”.

Pensándoo ben, Huxley e Magris coincidían comigo en que o libro que tiña entre mans era o ideal para a viaxe, pois era un libro de aforismos (Huxley) e o seu contido era unha mestura de proverbios tuaregs, citas de autores afastados do meu sistema literario e citas inéditas dos cadernos de viaxe do propio Beltrami, e todo nunha lingua (o italiano) que non era a propia (Magris).


Camiñar, ver, sentir, recordar

Nas tres semanas que durou a viaxe, contento coa miña adquisición funme achegando ás páxinas do “Breviario per nomadi” e podo dicir que, nos escasos momentos en que o abraio e as conversas me deixaron libre, foi compañeiro esencial de reflexión e compañía agradábel. En certo modo, o libro recollía a esencia das viaxes como as viron moitos daqueles que me precederon no empeño.

A esencia da viaxe está no afastarse, como dicía Magris, mais tamén en ver o mundo con ollos diferentes ou, se se quere, con puntos de vista diversos; que para iso serven as viaxes, para relativizar o propio, para entrar en contacto con outras formas de ser e de entender o mundo. Dalgún xeito Beltrami atinara moi ben co que é a esencia da viaxe, as catro coordenadas flutuantes de todo viaxeiro: camiñar, ver, sentir e recordar. Dalgún xeito tamén atinara cos puntos cardinais do traballo do escritor (na súa viaxe permanente que é a escrita, a exploración “do outro lado”, a reflexión sobre “os camiños non tomados”): avanzar, observar, ter experiencias e recrealas.


Avanzar

“E gli homini cercano pellegrinaggi e i pellegrini terre sconosciute” (Geoffrey Chaucer)

Nada máis certo que calquera escritor procura sempre algo, que se sitúa en continua peregrinación e para esa busca de terreos ignotos é necesario, como premisa inescusábel, internarse na cerna dun mesmo, ollar desde dentro e desde fóra, explorar puntos de vista diversos, escaravellar, rañar, moverse dun lado a outro do propio ser, do cuarto íntimo, da casa propia, mais saír tamén logo a percorrer mundos e distancias. Ler, por exemplo, pode ser un magnífico exercicio para ausentarse do eu, para se internar en mundos novos, para sentir recendos distintos, para abraiarse con xeometrías contrarias ás propias, con outras dimensións e outros parámetros.

A experimentación constante, a procura de novos camiños non ensaiados aínda, a tensión permanente é a característica de calquera creador e, porén, de calquera escritor que mereza tal nome (o que o diferencia de plaxiarios e amanuenses). Este avance permanente non ten que ser necesariamente “lineal” (vectorial dalgún xeito), como pretenden algúns, que todo o miden en potencialidades (o valor en si) e traxectoria (dirección e senso que ha levar o vector), senón “alternante” ou mellor “estocástico”, onde cada proxecto deba ser distinto do anterior e non unha reiteración "ad nauseam" de formas e contidos.


Observar

“L’importanza sia nel tuo sguardo, non nella cosa guardata” (André Gide)

Non sei se concordo con esta idea pois para min debe existir un equilibrio (non necesariamente estábel, mais equilibrio) entre o tema (“la cosa guardata”) e a forma de abordar a súa descrición (“il tuo sguardo”). Certamente o tema dun libro (dunha novela, dunha peza, dun poema) non é o máis importante, en contra dos que pretenden, con ínfulas de comisariado político, que “haxa que escribir” sobre un asunto determinado e non sobre outros con independencia da calidade literaria do texto, que logo –existen exemplos abondo- hai que reavivar con sofisticadas técnicas de cirurxía plástica e reparadora.

Observar é crucial por exemplo para construír personaxes, para ambientar accións, para dar cos diálogos axeitados. Observar desde distintos ángulos, con distintos rexistros, aprender do que fixeron outros, aplicar técnicas doutras disciplinas científicas (bioloxía, física, enxeñaría, etc.) ou artísticas (cinema, pintura, música, etc.).


Experimentar

“Chi vorrebbe morire senza aver fatto almeno il giro della propria prigione”? (Margueritte Yourcenar)

As librarías e as bibliotecas están inzadas de libros anódinos, meras repeticións doutros libros do pasado e idénticos en todo aos milleiros de libros que han de seguilos na espiral aloucada da publicación, sexa esta en formato tradicional ou na arañeira. Mais os libros que nos marcan, aqueles que nos enchen de abraio e estupefacción, aqueles que nos levan a perpetuar esta aventura cotiá, este traballo de Sísifo que é a escrita, son só uns poucos. E que hai neses poucos libros? Pois simplemente novidade, frescura, investigación en formas novas, un xeito abraiante de contar as cousas, unha música especial para os nosos ouvidos, un tremer do corpo estrelecido, unha imposibilidade case obsesiva de deixalos de lado, de non continuar na lectura atenta das súas páxinas.

A experimentación parte da experiencia e mesmo que Lobo Antunes dixera nunha entrevista recente que “a experiencia non vale para nada”, esta non é senón piada de quen se pode permitir falar en termos irónicos e que non sería quen de escribir “Fado Alexandrino” se non tivese vivido a experiencia da guerra colonial en África. As lecturas, os soños, as percepcións, os traumas, a interacción co ambiente (real ou virtual), todo iso configura as experiencias necesarias para iniciar os experimentos da escrita. E as experiencias comezan, realmente, polo propio escritor, pola exploración interior, pola procura das marxes do eu.


Recrear

“Nel deserto del tuo dolore troverai un’oasi” (proverbio tuareg)

Non hai tempo nin lugar, historia nin xeografía que non sexan un puro xogo de letras, unha combinatoria infinita de símbolos e signos (variábeis, intercambiábeis, permanentemente renovados). O labor do escritor non se diferencia moito, pois, do dun químico analítico, que a partir dunha morea inmensa de materiais botánicos consegue dar coas substancias activas dunha combinación axeitada de herbas medicinais. Substancias que curan o mal do escritor, que é a imposibilidade de vivir sen escribir, sen poñer palabras unha detrás da outra. O escritor sempre exerce o seu oficio para curar algún mal, para equilibrar o seu espírito, para explorar as fronteiras escuras de si propio, para amalgamar en palabras as súas experiencias, os seus medos, os seus traumas, para tentar explicar (e explicarse) o mundo na súa complexidade labiríntica, na súa mutación permanente.


En fin, a resposta

A resposta é agora máis clara, máis diáfana. Que fago eu aquí? Que facemos os escritores? Retornar. Retornar sempre, como Ulises logo de longa e demorada viaxe a calquera Ítaca ausente dos mapas, retornar na procura de Telémaco, que foi medrando en anos e sabedoría, retornar na procura de Penélope tecendo e destecendo sempre. Retornar para procurar acubillo na cabana de Eumeo, para tensar o arco que ninguén tensara, para reconquistar o lugar dos soños, o orgullo da estirpe, para volver ao pasado e vivir o presente, para deixar proba dun, pois pasado, presente e futuro non son certezas, senón versos dun mesmo poema.

Na fin Ulises vai regresar a Ítaca, mais primeiro diso ten que emprender a súa viaxe, na que experimentación, procura, interese polo presente e polo futuro, capacidade de abraio renovada serán as súas armas, pois esas e non outras son as armas do escritor. Pois esas e non outras son as armas do nómade: “andare”, “vedere”, “sentire”, “recordare”.



Xavier Queipo
Torino-Bruxelas 15-17 de maio de 2007

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org