culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Declaración de intencións e outras suxestións

Esta miña primeira incursión cibernética en culturagalega.org vai ser unha mera declaración de intencións e, tamén, de suxestións para ti, lector.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Primeiro: as intencións. Resulta esta unha declaración tímida e case silandeira por certas perversións que aniñarán nos contidos desta sección. Falo máis de ausencias que de presencias. Refírome, en realidade, a esas teimas que algún día chegaron ós meus sentidos e quedaron convertidos en literatura efémera.

Denomino literatura efémera, atrevidamente e sen ningunha pretensión de transcendencia, non ós textos de pequena extensión senón aqueloutros, os que nunca se revisten de corpo de tinta e fican convertidos en pantasmas. Estes ocupan, durante segundos, o tempo dunha viaxe en autobús, de arrincarlle a codia a unha laranxa ou de peitear o pelo ó ritmo do secador doméstico. Esa literatura de balde, tan caprichosa e tan exquisita, que aboia no mar do imaxinario ata se configurar como tramas secundarias e personaxes de reparto nalgún escrito roubado á nugalla do pensamento.



Ese roubo á preguiza


Se algo me é a literatura é o roubo á preguiza. Preguiza de sentarme, preguiza de cavilar, preguiza de enfrontarme a un personaxe ou situación que, máis que probablemente, me converta nunha demente absorta nas súas divagacións que, de novo máis que probablemente, non coincidan coas miñas. Confeso que odio algúns protagonistas e espacios de obras propias tanto como amo e devezo por outros. Resúltame inevitable. Pero por máis sentimentos encontrados que estes me provoquen nunca serán máis dolorosos que os que pertencen á miña literatura efémera. Os personaxes cos que non me atrevín a falar. As historias que ousei desbotar e non escribir. As loitas que non quixen manter e as victorias que refuguei. Todos eles, enleados e malditos, bolen con desdén pola marea das miñas cavilacións e teñen a afouteza de me sorprender nos intres máis insospeitados. Cando viaxo en autobús. Cando engulo un gallo dunha laranxa na merenda. Cando peiteo o pelo. Entón sorrín dende a súa atalaia repudiada e ganduxan unha historia sobre si mesmos que, unha vez máis, nunca será escrita.



Sei que a moitos lectores lles acontecerá algo semellante. Todos temos un paraíso literario propio inzado de anxos e trasnos, fadas e algún que outro borracho a quen inventamos diálogos enxeñosos. Caricaturizamos o cotío cun desexo oculto de o nomear, de sermos capaces de dominalo. Como unha sorte de deuses. As máis das veces non pasan de aí: de elucubracións que nunca toman corpo de palabras; e das palabras, frases; e das frases, parágrafos; e dos parágrafos, historias completas. Dános vergoña porque non nos sentimos quen de facelo porque, ás veces, eles, os personaxes, as situacións, son máis fortes que nós mesmos. E gáñannos a batalla do pudor.


Este escrito iniciático está dedicado ás tramas que nunca abordaremos e ós personaxes que nunca deixaremos falar. A outros, os menos, eses superviventes da nosa peneira literaria teñen suficiente existencia na lectura doutros ollos, no tacto doutras mans.



Suxestións


Primeiro: pedir perdón polas cousas das que nunca falarei. Segundo: a suxestións. Ademais desa que veño de nomear atrevidamente literatura efémera que nos sacode a todos nos momentos máis improvisados está a outra: a literatura. Esta permanece escrita en letras grandes e poderosas co privilexio que dá o estar considerada unha grande arte.

Pero, ¿que é puramente literatura? Non pretendo entrar en disquisicións filolóxicas nin de crítica literaria, tarefa que por certo me queda ben grande, senón baixar ó terreo dos mortais lectores que dedican horas e máis horas á seducción dunha obra literaria. A esas persoas reservaremos un espacio quincenal no que poderedes falar dos vosos personaxes literarios máis queridos, ou aqueles máis odiados; deses lugares que vos marcaron positiva ou negativamente... en definitiva, de como a literatura callou na vosa vida a partir dos motivos máis inverosímiles. Unha canción, unha luz determinada, un vello coñecido, un desamor... Lemos a partir de coordenadas emocionais e temporais que nunca deixan indiferente a asimilación do propio texto por iso, a miúdo, lemos só o que queremos ler. Calquera cousiña pode determinar inevitable e inconscientemente, o sentido do reloxo dunha obra literaria na razón dos lectores. Convídote a facernos partícipes da túa propia literatura.



Primeiro: declaración de intencións; segundo, a literaturización da vida ou apropiación persoal da literatura; terceiro: ti, lector, o verdadeiro creador literario

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org