culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

As medidas do mar

A ninguén lle pasa desapercibida a miña devoción por Alessandro Baricco. “Seda”, “Novecento” ou “Océano mar” son paradas literarias obrigatorias na singradura contra a soidade e o silencio mesto da indiferencia. Personaxes que buscan. Cartas que aman. Mares que devecen por nós. Podería falar da novidade da súa última obra “City”, traducida xa a múltiples idiomas e de grande éxito en Italia. Sen embargo, hoxe recupero a Baricco para falar do océano. Do seu océano. Do mar como berro desesperado.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Coñecín a Baricco a través do monólogo teatral “Novecento”, esa fantástica obriña adaptada ó cinema por Giusseppe Tornatore baixo o título “A lenda do pianista no océano”. A bordo do trasatlántico Virginian aparece unha caixa de cartón cun bebé. Deciden chamalo Dany Boodman T. D. Lemon Novecento e o seu nome precederá á súa sona de pianista. É unha historia de auga salgada, música e paixón na que un home recoñece a súa imposibilidade para abandonar o océano no que naceu. Neste monólogo, Baricco mostroume a súa capacidade como narrador, pero tamén como sabuxo dos sentimentos e das máis profundas incógnitas e desvelos ó compás dunha melodía tan sólida como orixinal.


Hervé Joncour, o comerciante francés de “Seta” (“Seda”), mercaba e vendía vermes de seda. Cada xaneiro marchaba nunha viaxe fantástica a través de mil seiscentas millas de mar e oitocentos quilómetros de terra. A súa singradura ten a tatuaxe de cartas de amor en tinta china. Con este relato, Baricco conquistoume pola tenrura. En “Castell di rabbia” (traducido ó español como “Tierras de Cristal”) os estraños habitantes de Quinnipack asisten marabillados ó retorno das viaxes do señor Raíl, sempre precedido por unha caixiña de soños e paixóns enfermizas. Aquí Baricco sobrecolleume polo misterio e por esa esperanza posta no futuro da que eu carezo. Sen embargo, debo recoñecer que o escritor de Turín convenceume definitivamente polo arrecendo a argazo de “Océano mar”.


"Océano mar"



“Océano mar” é emoción en estado puro. O uso alternativo de diferentes técnicas narrativas permítelle xogar coa prosa poética, cos diálogos directos, coa ironía, coa sutileza, co silencio, coas reiteracións. “A cada historia correspóndelle unha música particular”, confesa o autor italiano, e aplica esta filosofía a cada intrahistoria, que logo combina á perfección no conxunto da obra. A pousada Almayer, situada á beiriña do mar, acolle nos seus cuartos a habitantes do máis singular. Nenos estraños, un pintor, unha muller fermosísima, un profesor, un cura cómico, un home misterioso. Alí, onda o océano, todos buscan algo, preguntas e respostas, un equilibrio do que carecen e anceian. Entrecrúzanse destinos nos que flúe o cheiro das algas, das penas e do xabre. Escoitalos é como pegar a orella ás buguinas, como acariñar gradicelas, como arrimar a cara á area manchada de escuma. De tódolos personaxes, probablemente o que máis me emocione sexa o señor Bartleboom, ese mestre feiticeiro que investigaba os lindeiros do mar. El procuraba a “Enciclopedia dos límites verificables na natureza cun apéndice dedicado ós límites das facultades humanas” e para iso miraba. Miraba, pousando o seu silencio onde acaba o mar.



“O mar inmenso, o océano mar que corre infinito alén de toda ollada –hai un sitio onde acaba e un instante-, o inmenso mar, un lugar pequenísimo, uns instante de nada”, dicía Bartleboom, ese filósofo que me regalou unha das reflexións máis bonitas da literatura: “O traballo cánsame e o mar rebélase ós meus obstinados intentos por comprendelo. Non imaxinara o difícil que podía ser estar diante del. E vago, dando voltas cos meus instrumentos e os meus cadernos, sen atopar o principio do que busco, a entrada a unha resposta calquera. ¿Onde empeza o final do mar? Ou máis aínda ¿a que nos referimos cando dicimos mar? ¿Referímonos ó inmenso monstro capaz de devorar calquera cousa ou esa onda que molla os nosos pés? ¿Á auga que cabe nas cuncas das mans ou ó abismo que ninguén pode ver? ¿Dicímolo todo cunha soa palabra ou cunha soa palabra agochámolo todo? Estou acó, a unha pisada do mar e nin sequera son capaz de comprender onde esta el. O mar. O mar”.


¿Onde está o mar?


Hoxe, tamén eu teño moitos interrogantes. Pregúntome onde está, entre outros, o mar de Cabanillas, o de Ana Romaní, o de Alexandre Nerium, o de Xohana Torres, o de Xurxo Souto, o de Manolo Rivas, o de Marilar Aleixandre, o de Manuel Antonio, o de Avilés de Taramancos, o de Modesto Fraga, o de Anxos Sumai, o de Antón Cortizas, o de Freixanes, o de Estevo Creus, o de Lupe Gómez, o de Dieste, o de Castelao, o de María Lado, o de Fran Alonso, o de Carlos Casares, o de Rafa Villar, o de Mónica Góñez o mar dos percebeiros e dos mariñeiros, o dos galegos do litoral e o dos do interior... ¿Onde está o mar? Non atopo resposta agás na indignación.



Nestes funestos días, xa semanas, busco aterecida de frío as medidas do mar. El parece capaz de engulir toda esta frustración, esta impotencia, esta rabia e ganas de actuar con accións máis contundentes contra as mentiras das autoridades políticas e dos medios de comunicación. O océano semella capaz de atrapalo todo baixo o seu manto de fuel. Sen embargo creo, coma os ecoloxistas, que, máis tarde ou máis cedo, o mar devolverao todo. Poden crer os gobernos que o petróleo se solidificará nas profundidades, pero o mar sempre devolve. Durante décadas traeranos o seu saúdo mortal dende as rías ermas e dende os cons arrasados polo hidrocarburo, como tamén nos irá traendo tódalas consecuencias desta carraxe social, desta vergoña, desta impotencia.



O mar. O mar sempre devolve. Que ninguén o esqueza.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org