culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

“O cadavre do Mar fixo do barco un cadaleito”

A marea negra tinguiume as letras con chapapote. Pregúntome quen me limpará o fuel do xabre, das penas, das plumas e das guerlas. Será a administración, os veciños, os ecoloxistas, o exército ou os voluntarios. Pregúntome quen varrerá esta lambida mortal da miña pel e do iris sen arrincarme cachos de carne e ondadas de sangue. Pregúntome quen me indemnizará con cartos europeos anticipados pola Xunta polas perdas desta cólera, desta tristura, desta intemperie. Quen me devolverá a esperanza cando me mataron, outra vez, este mar no que habito e no que me habitan as palabras. Os versos de Manuel Antonio anticipaban o aceite que contamina a alentía da alma.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Agoiraba Anxos Sumai, ese meu anxo da garda literaria, que estes días eu tería as veas lixadas de fuel. Oxalá navegase só fuel e non frustración, impotencia e unha ira que me entrecorta a respiración coa súa alentía macabra. O Prestige partiume en dous o corazón e naufragoume a un cento de millas da esperanza. Quixera escapar e non podo. Cada vez que abro os ollos espréitame o óleo dende a superficie acuosa da nada. Fítame cos ollos de par en par coma unha maragota esgazada nos tramallos do cinismo. Esas redes da indiferencia e dos discursos oficiais baleiros de contido pretenden arroupar cada falso latexo e non me collen. Sempre son máis rápida, un cabaliño de mar que anda a brincos pola densidade mesta de auga salgada. Nunca me capturan. Turran por arrastrar esa calma de sorrisos falsos e arelas que teñen que ver co ascenso a postos de máis envergadura política. Mais sempre fuxo. Nado desesperada polo magno distanciamento na procura dun destino que descoñezo. Suspíranme os xurelos no peto do silencio e as miñas fadas da ría de cons vermellos remexen o aire co seu bater de ás miúdo. Agárdanme indignadas e inquedas. Inquedas e indignadas. Tampouco elas cren nada e non hai mentira que lles valla. Fítoas con sangue na mirada e a alma esfanicada en pequenos anacos de cristal translúcido. Mantéñenme as meniñas imperturbables, nun estoico acto de dignidade, namentres a marea negra avanza perseguindo voraz o seu ronsel.


A pel manchada e o corazón baleiro



Teño o corazón cheo de chapapote e as ondadas de mentiras de quen non quere atallar a desgracia. Non hai consolo neste abismo de cheiro tan penetrante no que as aves choran. Os corvos mariños e as gaivotas afogan no rodopío dun vaivén aterrado. Pecharon as lagoas e as rías para que o andazo non se espraie cando, días despois, non hai armas para redimirnos. Próenme os ollos e este bronceado de petróleo na pel non me permite transpirar. Pegóuseme ás escamas e ás mucosas. Teño medo. E o Nordés non dá espertado nesta secuencia pecaminosa de prediccións metereolóxicas. Sopra sur para arrimarnos a traxedia e o temporal nunca escampa nestes días de manadas de garañóns desbocados que nos traen irremediablemente un bafo aceitoso. Os políticos sorrín e miran confiados para Europa. Namentres, os mariñeiros espreitamos aterrados as imaxes catódicas dun barco esgazado que non logramos afastar do encadre do noso obxectivo. “O cadavre do Mar/fixo do barco un cadaleito”.


Como se houbese consolo posible



O Prestige, ese navío pirata, vai e vén atado ó azar de nubes e amaños de despachos, inzando de lixo todo o litoral galego. Como se fose un consolo que estea agora en augas portuguesas. Como se o mar tivese murallas que delimitasen as posesións dos estados. Como se puidesemos fuxir. Os mariñeiros penetramos na superficie brillante do mar e suspiramos a nosa desolación ante tódolos altares posibles. Non quedan deuses ante os que orar nin prender fachos redentores. Non hai lume que nos salve cando xa a marea negra nos buscou as pálpebras do medo. As doas do rosario perdéronse no areal de corvos, paíños e arroases moribundos e as nosas pegadas camiñan cara ó desencontro. Coas palabras, co silencio, co futuro. Na alfombra de hidrocarburo que tolda os pensamentos aboian as víctimas da nosa indignación e non hai farallón posible ó que aferrarse para sobrevivir. Non existe misericordia. Homes e mulleres protestan pola falta de medidas e os outros, os que miran de fronte á foto, sorrín ante os titulares de prensa a cinco columnas. A súa comparecencia mídese directamente en rendibilidade electoral. Ela será quen determine o verdadeiro peso da victoria que adiantan a cada declaración. Quen se lembrará de nós dentro duns meses cando deixemos de ser focos informativos e as manchas de fuel manchen as nosas penas e o noso xabre. Quen escoitará a nosa pregaria cando as alentías sigan a cuspir babuxas negras e sintamos fame e frío por esta peste económica e sentimental. Quen nos sacará, en definitiva, a contaminación das lagarteiras da alma.



Fico muda, cos poemas como único berro de fe. Recollo nos tramallos as palabras de Modesto Fraga, este poeta fisterrán que me consolou na reclusión mindoniense cos seus versos de salitre: “(...)En Mar de Fóra/ adoito se mesturan/ as artes do tributo máis efémero:/ herdanza de salitre/ -a nosa-/ de homes e mulleres salitrosos./ porque levamos no silencio/ o rostro e a palidez/ salgada do traballo./ Ese traballo inxel/ de remendar nas redes do encaixe máis absurdo./ En Mar de Fóra/ as redes son o berce/ onde aniñamos, nós,/ alén da luz escura/ que nos sinala o día”.



No Mar de Fóra, este mar de tan dentro, tamén a marea negra luxou a ribeira das palabras, o océano dos soños no que, certo Anxos, choran os cadáveres dos paíños que nos traen a mensaxe dos malos tempos. E ficamos sós:




“Fume de pipa Saudade


Noite Silenzo Frío


E ficamos nós sós


Sin o Mar e sin o barco


Nós”





BIBLIOGRAFÍA




MANUEL ANTONIO: “De catro a catro”


FRAGA, MODESTO: “Mar de Fóra” revista Dorna, n.25, 1999, p.30


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org