culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Unha trama periodística convertida en ficción literaria

“As voces da noticia” é o título da obra galardoada na XXI edición do Premio Blanco Amor de Novela Longa que este ano organizou o concello de Santa Comba. O traballo, que presenta unha complexa estructura narrativa, obtivo o recoñecemento do xurado por maioría nunha edición caracterizada pola cantidade e calidade dos exemplares presentados. A plica premiada agochaba o nome de Xosé Monteagudo Folgar, de 37 anos e natural de Moraña , quen non podía disimular a súa satisfacción. Anticipamos algunhas das claves das súa poliédrica versión dun suceso.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O pasado sábado día 9 un denso manto de néboa aniñaba na estrada que une Santiago de Compostela con Santa Comba. Por entre o bafo húmido do outono xurdía unha Galicia de herba, arado romano e carro. O concello das Terras do Xallas podería ser a Brea da novela de Xosé Monteagudo Folgar, un escenario rural no que conflúe o presente dunha sociedade moderna coa tamén presente sociedade tradicional. A estigmatizada e mal chamada “Galicia profunda” xorde cun sabor novo e dignifícante. “As voces da noticia” non é unha obra ruralista nin arcaizante senón unha construcción contemporánea de algo que nos vén de moi dentro. Os diferentes discursos que configuran a novela están tecidos con veracidade e unha gran solidez narrativa baseada, principalmente, no uso de variados rexistros lingüísticos.



Gústame a novela e non sei en que medida a aprecio máis, se no ámbito da miña profesión ou no da devoción literaria. O texto de Monteagudo afonda, como parece doado percibir polo título, na realidade dun labor, o xornalístico, moi de moda na actualidade. O periodista é devecido e odiado nesta sociedade nunha romana practicamente equilibrada. Neste caso, o protagonista configúrase coma unha testemuña allea e distante dun feito acontecido dez anos antes que el pretende reconstruír a partir das voces dos que o viviron. O autor pontevedrés sérvese de transcricións de cintas, correos electrónicos, entrevistas, actas xudiciais e apuntamentos para coñecer un suceso do que non temos constancia ata ben avanzado o relato. A fin de contas, o que lle interesa é a percepción que os protagonistas tiveron do feito e a transcendencia que tivo este nas súas vidas.



Esta narración paréceme enriquecedora tanto pola presencia dunha polifonía equilibrada de voces que engaden matices sobre o pasado como pola ausencia da versión do auténtico protagonista, xa morto. A introspección psicolóxica resulta determinante para o lector no fluír do relato e, baixo o meu punto de vista, tece unha serie de fíos manifestamente críticos que abrollan do discurso.



A estigmación dun delicto



Habitualmente nos medios de comunicación, o tratamento xornalístico dun crime por mor dun carballo, o dereito de paso dunha terra, conflictos de parcelaria ou herdanzas resulta ridiculizante. O argumento empregado quere manifestar a predominancia dunha sociedade urbana e afastada da ligazón á terra que é falsa en tódolos seus aspectos. Considérase máis moderna ou xustificable a morte por un axuste de contas, trata de brancas ou narcotráfico que asasinar a alguén que nos quere arrancar aquilo polo que os galegos levamos loitando dende hai séculos. Os dramas de emigración e escravitude laboral provocados pola arela de mercar os ferrados que se traballan non maduraron na memoria colectiva. Esas feridas fondas permanecen abertas e aínda supuran.




Creo que non se pode dar un paso á modernidade sen asumir a nosa propia conciencia e na novela de Monteagudo percíbese ese desexo de dignificación e asunción da identidade galega. Sen burlas nin sorna. Cando alguén mata por unha leira está evidenciando un dos nosos instintos máis primitivos: a defensa da propiedade. O pontevedrés, funcionario da Axencia Tributaria e licenciado en dereito, pon de manifesto non só o seu esforzo narrativo senón unha profunda reflexión social. A súa entrada no mundo literario galego (’O engado do triángulo’, obra gañadora en 2001 do Modesto Rodríguez Figueiredo permanece inédito) non podía ser con mellor pé. Resta a publicación da poliédrica “As voces da noticia” para que o público poida ler unha gran novela. E cadaquén que sexa sincero consigo mesmo e pense se mataría por ese cacho de terra.




Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org