Personaxes e espacios: O derradeiro latexo da Berenguela
Santiago de medo, de néboa, de auga e de misterio. Unha das últimas entregas literarias ambientadas en Compostela chámase "Trece Badaladas" e está asinada por Suso de Toro. Nela, a cidade que esquiva a cregos, estudiantes e peregrinos, agocha o mal, un mal que arrastrará inevitablemente a curiosidade do lector. Silvia López Ben deixouse seducir polo enxeño creativo do grande autor santiagués e ofrécenos a súa viaxe literaria guiada polo son das badaladas da catedral.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Suso de Toro amósanos o lado máis escuro da nosa cidade, Compostela, na súa última novela "Trece Badaladas". A cidade vella é o escenario dun thriller fantástico ambientado nos nosos días pero que recupera unha vella lenda, de inspiración masónica, que xira entorno á catedral. Espacios cotiáns e familiares como o Paseo da Alameda, a Rúa do Vilar ou a Praza da Quintana transfórmanse en lugares poboados de sombras e fantasmas, fiando un escuro halo de misterio sobre a histórica cidade. Lugares polos que acostumamos vagar a cotío e que vencellamos na nosa memoria colectiva a espacios cangados de bohemia e academia, cultura e xoldra, tórnanse enclaves estratéxicos na loita contra o Mal, un mal cuxa natureza non é desvelada ata o final.
É como se a catedral, ese inmenso monumento pétreo, reclamase que lle fose devolto o seu carácter relixioso e dirixise de súpeto as vidas dun heteroxénero grupo de composteláns; dende a agnóstica guionista corentona Celia ata o prateiro e beato Ramírez, pasando pola encarnación do mesmo demo na figura dun xove productor, Xacobe. Compostela vólvese máis agoniante que de costume e a chuvia incesante reprégase sobre os personaxes fechándoos nun círculo de rúas do que non poden saír.
Por Silvia L. Ben