Burgo de eternos estraños
Disque hai lugares que cativan ó obxectivo cinematográfico. Un deles sería Nova York, no que seica se gravaron quilómetros de metraxe para retratalo nas súas máis inverosímiles formas, e outros poderían ser A Habana, Roma ou París. Literariamente acontece algo semellante e no ámbito galego temos unha cidade que ambienta os latexos e mailas pisadas de centos de personaxes. Compostela convértese no abrazo que rodea ó verso e ó parágrafo. Ben é certo que non deberiamos estrañarnos. O alento do botafumeiro parece impregnar as vellas pedras de letras que forman rodopíos atraentes nos escritores. E xorde un Santiago de ficción que ve limitada a súa beleza. Dificilmente as palabras poden apreixar o espírito deste antigo campo das estrelas.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Enumerar o elenco de creadores que citaron esta cidade nalgunha obra resultaría imposible. Poderíamos falar de Suso de Toro, Manuel Rivas, Antón Lopo, Xosé Miranda ou Marilar Aleixandre. Tamén Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Torrente Ballester, Xabier Queipo ou Bieito Iglesias, por non falar doutras ducias de autores nos que Compostela aparece dunha maneira ou outra: o estadio universitario, unha feira, un asasinato, un lugar de paso ou de encontro... ¿Cal é o engado da “maior aldea de Galicia”?
Gústame esta cidade aló, no amencer, cando o mundo dorme. Eses escasos días nos que o sol aparece timidamente por entre as nubes e ese fume húmido envólveo todo, unha curiosa comitiva de seres insomnes desfila polas rúas. Compostela é unha cidade sen o chifre das fábricas no raia do horizonte, sen operarios de mono azul nin tan sequera de camisa branca. Aquí tampouco hai lugar para executivos. Unha lexión de funcionarios de universidade e administración mírase de esguello nos pasos de peóns con receo e sen absoluto disimulo. Comparan as etiquetas da roupa e categorías laborais. Os estudiantes aínda borrachos tentan manter o bafo de alcol contraído entre as catro paredes da boca pero o abalo rítmico en zig zag pola beirarrúa delátaos e convérteos en proscritos. Os escolares que levan da man ás súas nais abren moito os ollos con desconcerto e elas apuran o paso. A luz do día descobre os últimos caprichos da batuta dos “after hours”, as miradas desorbitadas de garrafón, olleiras que bican os xeonllos e mans que se atreven no cinto de novos e efémeros amantes.
Os camións do reparto reptan polas calellas da zona vella como boas famentas que engolen os pensamentos dos comerciantes. Raia o sol con impertinencia no mercado de Abastos para marcar o mediodía dos vendedores cando a cidade aínda non ben abriu os ollos. Leitugas, peixe, flores e cestos custodian galantes o paso de acólitos que arrastran o seu corpo ata a praza da Universidade namentres os outros, os funcionarios, fichan e baixan ós cafés a espreguizar os pesadelos da hipoteca do piso, do seguro médico e dos suspensos do fillo do medio.
Granito de ouro
O granito de ouro atrae coma un imán as penas e mailas bágoas do ceo. Resulta unha pedra cantareira na que renxen os carros do tempo perdido, testemuñas impertérritas de cóengos que atravesan a Quintana cara ós oficios e guías turísticos que premen a o discurso diario no idioma correspondente. Inglés, francés ou alemán. As linguas de imperio. Na catedral, o silencio abanéase trémulo na primeira luzada e un grupo de devotas negras persegue ó cura na procura de confesión e eternidade. Xorden sombras que se moven lánguidas entre as naves. Os vagabundos rodeados do seu séquito de bolsas, tentan conciliar o sono e maila ansiedade ó abeiro da fe.
Bolseiros, parados, opositores e comerciantes. Cregos, vagos, xefes e universitarios. Artistas, borrachos, peregrinos, repartidores e rendeiros. En Compostela as tribos humanas enguedéllanse cos fíos de auga, o alento voraz dos bares e as reliquias dos todo a cen. Rosarios de acibeche e gaitas estridentes. Cidade roída con violencia polo sector servicios sen ningún tecido productivo. Cidade que vende o seu corpo ós visitantes pero agocha a alma amedrentada polo babel de linguas e culturas. Puro teatro, traxicomedia de oracións políglotas e músicos da rúa. En Santiago, no canto de bucinas que convocan ós operarios nas factorías, as badaladas da Berenguela convidan ó rezo e isto connota e denota o espírito da poboación. Esta é unha cidade que se abre ós estraños e fita ós propios con distancia, con orgullo con indiferencia. Aquí sempre nos sentiremos de fóra e daremos pasos perdidos polo Vilar, pola Rúa Nova, polo Preguntoiro, por Mazarelos coma se fose a primeira vez. En Compostela, sempre é a primeira vez.
Tampouco eu pretendo atrapar a beleza desta cidade con palabras pero ó mellor consigo levar o seu bafo húmido e de incenso ben lonxe. Mesmo a Venezuela ¿chegou, amigo Eduardo?
ALGUNHAS REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS:
IGLESIAS ARAÚXO, BIEITO: “A vida apoteósica”, Vigo: Xerais
ALEIXANDRE, MARILAR: “O tránsito dos gramáticos”, Vigo: Xerais
MIRANDA, XOSÉ: “Morning Star”, Vigo: Xerais