Retrato dunha alma núa
Supoño que é irremediable. Nestes días nos que o nome de Gabriel García Márquez está nos titulares dos medios de comunicación, xunto a outros como Bryce Echenique ou Ana María Matute por senllas novidades editoriais, temos a escusa perfecta para seguirmos a falar do nobel colombiano. Gabo, nacido en Macondo dende a concepción vital de que cada autor pertence á patria/matria da súa literatura, ofreceunos hai tempo unha obriña teatral que practicamente pasou desapercibida e que hoxe merece o noso comentario.
“Diatriba de amor contra un hombre sentado” recolle toda a brillantez da súa escrita en a penas oitenta páxinas de monólogo ininterrompido no que fica perfectamente resumida a esencia de toda a súa obra. Unha pequena xoia literaria, un retorto cavorco da alma.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
“Diatriba de amor contra un hombre sentado” está firmada en México no ano 1987, pero tería que agardar ata o ano 1994 para ser estreada no Teatro Nacional de Colombia coa representación da actriz Laura García. O seu proceso creativo foi, logo, posterior a “El amor en los tiempos del cólera” (1985), unha novela coa que garda moitas semellanzas froito sen dúbida da pegada que Florentino Ariza, o doutor Juvenal Urbino de la Calle e Fermina Daza. Un, aínda que o intente, non pode desbotar segundo o seu gusto a determinados personaxes, proxeccións e sentimentos. Hai moitos riscos na creación e este é un deles: que determinado episodio quede marcado a ferro na mente e necesite exorcizarse por medio da escrita nunha e outra obra como maneira infantil de matar os remorsos. Ás veces, os propios seres que inventamos acaban dándonos leccións maxistrais de vida.
O protagonismo do monólogo dramático (única, ata o momento, incursión de García Márquez neste xénero) é dual, por ausencia e por presencia, nun xogo que nos achega a “Cinco horas con Mario” de Miguel Delibes. Ela, Graciela, inicia o seu longo reproche ó esposo cun “¡nada se parece tanto ó. inferno como un matrimonio feliz!” xusto na véspera das celebracións das súas vodas de prata. El, espantallo que se agocha tras das páxinas dun xornal, fica impasible ó exercicio de memoria, autocrítica e recriminación dunha muller que se move drasticamente entre a ira e a desolación.
Palabras como dardos
Son palabras que se espetan como dardos. Eugenio Amaya, a quen o traballo dramático de Gabo parece insuficiente, comenta que “O monólogo da esposa desilusionada que verte unha amarga mostra de reproches a un marido-maniquí é literariamente impecable, dramaticamente estático e emocionalmente incompleto”. Persoalmente esta obra paréceme de todo menos emocionalmente incompleta. Á marxe do comentario sobre as acotacións teatrais, a posible posta en escena ou o seu ritmo, creo que a maior virtude desta “Diatriba” reside no valor emocional da muller: polo que di e polo que esconde nos seus silencios que se fan xeo. Non existe maior humillación que o feito de que unha persoa se ispa sentimentalmente ata o punto de matar todo o pudor. A perda da dignidade en certas ocasións supón un chanzo cara ó abismo. Sería preferible para o home-sombra que ela elaborase un discurso romanticoide e cheo de aldraxes a que ela recoñeza a súa vulnerabilidade na loita desesperada entre a razón e o corazón. A escravitude de Gabriela é a fidelidade ós sentimentos que a unen a el e nesta coherencia morre a súa alma de muller repudiada. Cando o único que ela quixera é que el a amase.
Creo que o valor dunha obra literaria, especialmente teatral, debe medirse non só polas súas palabras senón por todas as reflexións que xeran ás marxes dos parágrafos. Cada silencio e cada dardo forman unha amalgama de significados na que conflúen consciencia e desexo: “prefiro a liberdade de estalo buscando ata sempre que o horror de saber que non existe outro a quen poda querer como só quixen a un nesta vida”. Na boca de Graciela, esta asunción é veleno. Non hai maior escravo que o amante. E “Diatriba contra un hombre sentado” consegue que, malia a súa turbación, envexemos a Gráciela. Nesta íntima contradicción creo que está a plenitude emocional da obra.