culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O ocio e o negocio do libro

A Feira do libro de Fránkfort vén de pechar unha edición que disque demostra a crise que sofre o sector editorial. Segundo as fontes da propia organización, neste ano só se mercaron dereitos de aqueles libros dos que os editores estaban seguros, é dicir, dos que tiñan garantido o éxito no mercado. O libro, ademais dunha porta á imaxinación, é un producto mercantil que se compra e se vende e, polo tanto, como tal debe ser tratado. Cando falamos de literatura, guste ou non, falamos tamén de empresa: ocio e negocio.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Na conferencia de prensa final da Feira do libro da cidade alemana, o seu director quixo apuntar unha visión de futuro e indicou que se está a dar “un sinal de optimismo en momentos difíciles”. Sen embargo, outras voces proclamaban a necesidade de eliminar certas prácticas no mundo editorial como a proliferación de libros e os prezos desmedidos que se dan nalgunhas poxas de dereitos de autor de certas celebridades. Evidentemente.


Hai quen opina que os autores deben cinguirse a escribir e que deben ser os editores quen fagan o resto do traballo. Estou absolutamente en desacordo con isto. Creo que a literatura, como ocio e como negocio necesita ser un esforzo común, non só entre os productores senón tamén co propio destinatario: o lector. Na propia natureza do libro está o requirimento de ser compartido. Polo tanto, paréceme que a tan nomeada crise editorial da que moitos acusan directamente ó mercado ten un culpable moi claro nos propios productores.


A relación autor-editor


Razóns non me faltan para tal argumentación. Primeiro: é obrigado por parte dos editores o respecto ós autores. Hai editoriais que publican libros sen nunca ver cara a cara ó autor que se converte nunha voz telefónica e nun correo electrónico que envía un adxunto chamado novela. Hai editoriais que non fan promoción dos libros, nin sequera se preocupan de organizar unha presentación pública ou de que exista unha mínima distribución da obra. Hai editoriais que nos seus contratos de dereitos de autor (cando existen) ofrecen ó autor do libros un 7% de marxe de beneficio do prezo final de venta ó público, un 8%..., cando non lle fan asinar un papel no que renuncia a todo tipo de beneficio ata a segunda edición da obra. Hai outras que asinan contratos con dereitos de autor que ascenden a un 10% e, curiosamente, nunca pagan, mesmo néganse con escusas evidentes a comunicar ó autor cantos libros vendeu...

Loxicamente e por fortuna, este non é o caso de tódalas editoriais: existen empresas moi dignas que tratan de marabilla ós seus autores e que pagan puntualmente os dereitos. Non se trata tampouco de índice de facturación senón de bo facer, de querer facer. Hai quen se estraña de que o elenco de autores consagrados publique en determinadas editoriais. O que debería estrañar é que outros publiquen noutras. Nesta perspectiva, o negocio do libro é redondo para algúns. Ademais das subvencións de organismos públicos, todo o beneficio da obra recae no editor e algúns fican parvos ó escoitar falar da “crise no sector editorial”.


A relación libro-lector


Non me vou parar a analizar que é o que está fallando, aínda que poda sospeitalo á vista dos datos, pero si quixera facer algúns apuntamentos sobre como me parece que se pode mellorar a situación. Ademais da xa citada relación autor-editor, creo que na relación libro-lector hai moitos aspectos infinitamente perfeccionables. Aproveitando as posibilidades dos novos medios e partindo da base de que un producto seduce non só polo que din deles os críticos e a publicidade senón o boca a boca, penso que se podería explotar máis a propia interactividade da literatura. Encontros cara a cara cos autores, foros de lectura, correspondencia, unha maior presencia nos medios de comunicación..., en definitiva, unha boa campaña de promoción centrada na relación do autor da obra co destinatario final. Creo que isto non é só responsabilidade de editores e escritores senón que neste xogo teñen que entrar de cheo as asociacións culturais e a administración. As campañas de fomento da lectura ou de promoción dunha lingua non funcionan se se cinguen a pagar subvencións a fondo perdido por libro editado senón que deben abranguer un espectro máis amplo de actuacións que inclúan o compromiso de tódolos sectores sociais co libro.



Insisto en que entendo perfectamente a chamada “crise do sector editorial” (nalgúns casos o difícil é saber como hai empresas que seguen “funcionando”) pero non me vale ese pesimismo e esa maneira de botar a culpa implicitamente ó consumidor. É responsabilidade de todos que o libro non sexa só ocio, senón tamén negocio para ser capaz de se manter como producto cultural. Duns máis que de outros e hai silencios que tamén resultan cómplices.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org