culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Lupe Gómez e Alfonsina Storni: a descuberta do mar como morte

Cando Lupe Gómez atravesou o restaurante Rúa Nova aquela tarde o azar quixo que se escoitase “Alfonsina y el mar” como ruído de fondo, como ratificación e como promesa de océano. Ela falou e eu falei pero desa conversa quedoume sobre todo esa melodía que o envolvía todo e soñei que a poesía de Lupe era tamén o azul no que naufragara Alfonsina Storni.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
“O mar é morte, unha morte de lugares imprecisos. A imprecisión é necesaria. Eu non quero dicir a verdade, quero mentir, inventarme, reinventarme, deitarme. Eu quero soñar toda a vida. Eu quero que a felicidade non acabe. Esta felicidade de estar aquí, no mar, no amor, na morte” poetiza nesa súa prosa musical Lupe Gómez nun agasallo que a Revista das Letras número 43 nos ofreceu baixo a escuma do título “Ensoñar o mar”. Nesta obra, parida na beiramar atlántica das terras de Muros, esta muller do Fisteus interior desangra imaxes, versos e propósitos que teñen a dor do gume da navalla bicando as xemas dos dedos.



A Lupe esgázaselle a alma e o corpo en cada parágrafo de amor e tristura que atravesa a súa ollada escura para convertela en gargallada estentórea. Atrévese coa primeira persoa na súa poética nun acto que resume todo o pudor revestido de exhibicionismo dun ser que se busca e se pregunta. E dubida. “eu estiven no mar buscando sereas sen nome que me desen un significado, unha razón, unha pregunta. Dubidar é importante dubidar na vida. É importante deixarse levar pola corrente e cuspir veneno”.



A pegada da aldea



Esta nena de aldea está a piques de publicar un novo libro que supón un chanzo máis na súa fecunda traxectoria literaria. As súas obras (“Pornografía”; “Os teus dedos na miña braga con regra”, “Fisteus era un mundo”) foron acollidas con sorpresa. A súa voz soaba diferente, pura, cristalina e as verdades non sempre gustan nunha sociedade acostumada ós cinismos e ás dobres facianas. “Creo na violencia dun mar frío que rompe, para ser libres, para liberarnos, para abrir as portas, para soñar moito,para escribir libros, para facer casas de grandes portas enormes”. A poética de Lupe mira sen ambaxes cara ó seu interior e extrae as buguinas da súa inseguridade tinguida de aparente incomprensión. “Estiven no mar, coma quen está nunha festa. Estiven espida no mural da vida. Descubrín o misterio da fantasía e dos poemas”.



“Alfonsina y el mar”



Lupe lembroume, pola conciencia da súa obra e pola inconsciencia do momento, a tráxica historia de Alfonsina Storni e, especialmente, a melodía no tema que lle compuxeron Felix Luna e Ariel Ramírez e que se converteu en tan inmortal como a súa propia poesía. Storni, recoñecida poeta latinoamericana de inicios do século XX, suicidouse da única maneira da que ela, romántica e doente de paixón, podía concibir: internándose no océano. O Mar da Prata enguliu as súas últimas pegadas e na voz de Mercedes Sosa quedou a súa homenaxe póstuma: “Te vas Alfonsina con tu soledad ¿que poemas nuevos fuiste a buscar? Y una voz antigua de viento y de mar te requiebra el alma y la está llamando y te vas, hacia alla como en sueños, dormida Alfonsina vestida de mar”. Ela quixo que o océano abrazase os seus pensamentos cando xa fora obxecto da súa evocación poética en numerosos exemplos de comuñón coa natureza acuosa do infinito. “Perder la mirada distraidamente/ perdida y que nunca la vuelva a encontrar:/ y, figura erguida entre cielo y playa/ sentirme el olvido perenne del mar”.



Do mesmo xeito que soñou Alfonsina, Lupe Gómez morre no mar: “A morte é o inicio de todo. Hai que morrer para saber que estamos vivos. Hai que suicidarse un día para que o resto dos días sexan alegres. Hai que saír ata o fondo para logo comprender mellor todo e poder vivir mellor, con máis medo, con máis forza”. Lupe Gómez buscou nos seus versos o latexar das ondas que peitean a beira e sorriu entre as dunas. Como Alfonsina, esta muller de corazón de aldea atopou liberación. “O mar era tan fermoso, tan liberador, cheo de tanta anguria, unha razón para estar vivos,viva”. E nós, nestas tardes de outono lembramos o sabor doce do mar de agosto e confesamos, con Storni, esta morriña persistente do mar que é morte e é resurrección: “Quisiera esta tarde divina de octubre/pasear por la orilla lejana del mar;/que la arena de oro y las aguas verdes/y los cielos puros me vieran pasar...”



Gómez, Lupe:



Fisteus era un mundo, Vigo : A Nosa Terra, 2001



Os Teus dedos na miña braga con regra, Vigo : Xerais, imp. 1999



Pornografía, [Galicia?] : Lupe Gómez, 1995



Storni, Alfonsina:



Ocre, 1926;

Mundo de siete pozos, 1934;

Mascarilla y trébol, 1938



Delgado, Josefina:


Alfonsina Storni. Una biografía. Buenos Aires, Planeta, 2001

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org