Personaxes e espacios: Inmortal amor de verán
Hai personaxes e espacios que nos salvan. Da rutina, do medo, do incerto. Carlos e Helena rescátannos da abulia e devólvennos o sabor húmido e quente do amor de estío. As praias de Vigo e maila Casa de Beiro convértense en lugares máxicos onde soñar o verán. Ese polo que sempre devecemos. Polo que morreriamos.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Se tivese que elexir un personaxe deste verán, Rosa, sen dúbida rescataría a parella Carlos-Helena. Adoro a Carlos polo seu espírito incombustible, pola súa intelixencia ferintemente crítica e pola súa incondicional entrega a Helena. Helena a doce...¡Canto envexo a Helena! ¿Quen merece que lle sexa entregada unha vida por amor senón Helena? Inxenua pero apaixoada Helena.
Se, pola contra, me pides que escolla un escenario, confésoche Rosa que deixaría o noso apreciado mar por unha escapada ó Carpazal ou por pasar as horas mortas dunha noitiña de verán na solaina da Casa de Beiro, mantendo unha desas interminables conversas de sobremesa que se prolongan sempre ata intempestivas horas da madrugada, pero que nunca cambiarías aínda que puideras por horas de sono. Trasladaríame, por qué non, á Harley de Carlos para fuxirmos ata unha praia de Vigo a nadarmos espidos baixo a lúa. ¡Que verán...!
Para min, esta época do ano é vital, de feito, creo que se non existise o verán non sobreviviría, como os peixes sen auga ou as flores sen luz. Mais este verán foi angustiante para min e este libro irrompeu no meu illamento voluntario por vez que amargo –Lupigna, ti dirías que foi un sinal deses de Alquimista- para facerme superar este irremontable agosto e devolverlle a aura que merece.
Pregúntome se poderá haber amizade máis sinceira ou amor máis puro que o de Alondra e Suchai, o de Carlos e Helena de Troia? Tráxico pero inmortal amor de verán.
Por S.L.B.