culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Por que agardo as lagarteiras e outras esperanzas

Isto de Agardando as lagarteiras non acaba de convencer a moitos lectores. Existen dúas maneiras manifestas de demostrar esta desconfianza. Os que non me coñecen atrévense con tímidas suxestións a invitarme a que explique o porqué de tan retorto título de sección. Os outros, os que cren coñecerme un pouco mellor, dan directamente por perdida a loita para comprendelo e fican indiferentes, en moitos casos, á miña provocación. Non se trata dunha adiviña, nin tampouco dun xogo de palabras con arelas de picar na curiosidade de quen caia no enredo. Agardando as lagarteiras é unha reivindicación e máis unha esperanza.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Reivindico as palabras que mamei da boca dos meus pais como se fose a miña propia alma quen habita nelas. Amo alentía, acochar, lagarteira, degoirar, caínzo, estrobo, alboio, restreba e outras tantas porque, como os sons e as imaxes da infancia, levan en cada unha das súas letras a pegada dos meus soños e o xeito de me enfrontar a eles. Algunhas destas palabras veñen no diccionario. Outras non. Por iso temo que se perdan no balbordo de mil palabras técnicas de significado tan efémero como o motivo que provocou o seu parto. Resístome a que desaparezan porque son consciente de que con elas morrerá tamén un pouco de min, un pouco do meu pai, da miña nai e de todos aqueles ós que algún día axudou a definir un obxecto ou verbo de uso habitual.


Cando me morran esas palabras sei que perderei a noción do mundo que me acubilla e, en certa maneira, caerei nunha sorte de Alzheimer no que non haberá piedade para cos mudos. Como se me arrincasen a lingua cunhas tesoiras afiadas. Non quero atravesar ese río limiao do esquecemento e por iso turro en rescatar palabras, imaxes e sons do túnel do tempo.



Son só unha de tantas. Lupe Gómez recolle nas súas feridas abertas e aínda quentes o Fisteus que era todo o seu mundo. Tamén en Olga Novo e Medos Romero latexan os corazóns rurais que se resisten a perder aqueles seus paraísos perdidos. Úneme a elas a paixón pola terra e divídeme o amor polo mar. Porque moitas das palabras nas que navego proceden do léxico do mar, do meu mar, do mar que se remexe como un can sarnoso na ribeira entre o cabo Prior e mailo cabo Ortegal. Esas palabras rescatadas dos homes e mulleres que teñen nel o oficio e maila vida convértenme na súa cómplice. Conseguen que me achegue tanto como me distancian dese océano que Paz Andrade evocou como “o mar dos trobadores, pero tamén o mar da sardiña”. Agardando as lagarteiras e a reivindicación do uso desas palabras e, tamén, a esperanza de que non se lles seque o salitre que as mantén vivas. Por iso agardo as lagarteiras.


A recuperación de localismos


Hai iniciativas loables que buscan, neste senso, a recuperación de localismos. En Cedeira, Crisanta Bustabad, integrante do equipo de Normalización Lingüística do Concello, e o profesor do IES da vila, Andrés Toxeiro, están a acometer un interesante labor de recollida de léxico local que non aparece nos diccionarios e, consideran, estase a perder polo desuso. Os termos proceden do mundo da gandería, agricultura e do mar, as principais fontes de ingreso dos cedeireses e os seus responsables consideran que o volume podería pasar de mil entradas. O valor desta investigación, baseada no traballo de campo e uso de fontes orais, é inmenso e poderemos aprecialo nunha publicación que, calculan, verá a luz no día das Letras do 2003.



Non sei se as lagarteiras de Meirás aparecerán nese compendio. As lagarteiras son as mareas vivas que, dependendo do calendario da lúa, adoitan acadar o coeficiente máis alto anual no mes de setembro. Nesa lúa, cando existe unha maior distancia entre o punto máximo da enchente e o máximo da baixamar, prodúcense (segundo o estado do mar) as mellores mareas do ano para os percebeiros. A causa reside en que ó quedaren máis penas ó descuberto das ondas resulta posible cavar os percebes de maior calidade. O meu veciño, Vicente de Culás, di que lle chaman así porque na subida da marea as ondas chegan a bicar as rochas nas que os lagartos se poñen o sol. Razón non lle falta.



Amo alentía, acochar, lagarteira, degoirar, caínzo, estrobo, alboio, restreba e outras tantas palabras. Tamén agardo as lagarteiras, unha boa marea, eses tempos mellores que sen dúbida terán que vir.



TABOA DE MAREAS 2002



NOVO, OLGA: Nós nus, Vigo : Edicións Xerais de Galicia, D.L. 1997




GÓMEZ, LUPE: Fisteus era un mundo, Vigo : A Nosa Terra, 2001



ROMERO, MEDOS: Dubido se matei a Lena, Vigo : Edicións Xerais de Galicia, D.L. 2000



Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org