culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

23. O tamaño importa (I)

“Es vergonzoso que uno no se permita
de ningún modo ciertas metamorfosis.
El carácter es la selección entre las metamorfosis.”
(Elias CANETTI, El suplicio de las moscas Ed. Anaya & Mario Muchnik, Madrid 1994.)


Se cadra para comezar, recoñecer a miña devoción polo conto. Esta querenza ven, con certeza, de cando na aldea me contaban anécdotas e historias, que logo máis tarde vería reflectidas en compilacións de contos populares, ou de cando naquela nenez sen límites, os seres máis próximos, tanto me querían que me lían contos na hora da sesta, ou contábanmos de memoria naquelas tardes infinitas, nas que chovía tanto que non podiamos saír xogar á rúa ou ao eirado. Contos verdadeiros ou falsos, tanto ten, de animais coñecidos ou de príncipes e dragóns, de magos perversos ou fadas madriñas. Ás veces en galego e outras en castelán, moitas en italiano ou francés, linguas inventadas para a ocasión, máis soñadas que reais.

27 / 3 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Para comezar tamén, dicir que dende a miña mocidade me convertín nun lector entusiasta de contos e narracións breves, que non podo dicir que prefira ou deixe de preferir ás novelas, mais que estou certo que ocupan un lugar especial, ora na miña formación como escritor, ora no meu abraio diante do arte da escrita. Sen ser exhaustivo –non podería-, teño en Horacio Quiroga, Roberto Arlt, Bioy Casares, Jorge Luís Borges e Julio Cortázar(1), referentes indispensábeis para as distancias curtas(2).

Non sei entrever o porqué de semellante tendencia, mais en certos sistemas literarios respéctase o conto ou a narración breve (novelas cortas ou nouvelles), mentres noutros ocupan claramente un papel secundario, totalmente afastado do centro, das listas de éxitos, das recensións televisivas e das críticas literarias dos xornais e das que aparecen na rede, que son as que a meirande parte dos lectores consultan. Logo están as revistas académicas, onde as veces acadan certo recoñecemento, mais estas adoitan ter unha linguaxe só apta para iniciados, ou sexa, para público especialista, gañado de antemán.

Non é infrecuente atopar nos suplementos literarios galegos referencias a novelas premiadas e prescindíbeis, cando coleccións e libros de relatos curtos pasan totalmente desapercibidos para os (re)censores(3). O mesmo acontece no sistema literario español, e o reflexo no galego, pode ser tan só iso, un reflexo, unha manifestación de mimetismo mülleriano, de sistema literario “periférico” en si mesmo (en Galiza lese máis en castelán que en galego), que pretende imitar a outro sistema considerado “de referencia”. Non esquezamos que o mimetismo –que sempre foi celebración do que no outro hai de engaiolante- constitúe un dos comportamentos máis frecuentes nas sociedades occidentais(4). Copiase o que fan outros. Non estou certo se, intrinsecamente, iso está ben ou mal.

Un país como o galego no que a tradición dos contadores de contos está tan enraizada, semella preferir, sempre segundo os que arriscan os cartos, á novela como expresión máxima da narrativa, un xénero burgués e decimonónico, en certa medida elitista. Se cadra isto é certo para un sector do público, mais nin sempre foi así, nin coido que forme parte da nosa idiosincrasia lectora(5). Ademais, en certa medida, vai contra o ritmo dos tempos, onde a vida está máis fragmentada e, polo tanto, a continuidade na lectura é máis difícil, o que non se aplica ao conto, normalmente de extensión lixeira, que se pode adaptar a unha viaxe en tren de proximidade ou ao descanso necesario, cando saímos do escritorio ou da aula a tomar un café, para logo continuar co traballo ou co estudo.

Daquela, se hai razóns haberá que explorar se damos con elas.


Narrativa de segunda?

Sexa polo que sexa, os libros de relatos breves non adoitan encontrar un público maioritario, e moitos se refiren a eles como “libriños”, o que non deixa de ter unha connotación despectiva, coma se fosen de segunda división narrativa ou coma se fosen doados de escribir por calquera en contraposición ás novelas particularmente se estas superan un número de páxinas que semella mítico (poñamos máis de catrocentas) e a partir do cal entramos na “gran literatura”(6).

Se consideramos as dúas maneiras que para describir o mundo nos presenta a teoría de conxuntos, teremos que estes se poden definir por comprensión ou por extensión. Se dixese que unha fonte está chea de todas as froitas da estación estaría falando por comprensión, nomeando, sen o facer explicitamente, todos e cada un dos elementos que constitúen ese conxunto. Pola contra, se definise unha a unha todas e cada unha das froitas que hai na fonte, referindo de cada elas cor e textura, número e grado de maduración, estaría falando por extensión de todos e cada un dos elementos do conxunto e mesmo da estratificación en clases que entre eles se poden establecer.

Mais isto é unha simplificación excesiva que non adianta moito no discurso. Velaí que se pode escribir unha novela con simplicidade no vocabulario e na trama, cunha bagaxe de complicación mínima, simplemente estendendo a acción no tempo, ou manipulando ao narrador para que nos detalle todos e cada un dos recunchos do cerebro de esta ou aquela personaxe, cada reviravolta do labirinto da trama, cada espira dunha hélice que non se detén, que se pode transformar nunha triloxía, nunha tetraloxía ou en mil libros que repitan, nunha saga sen fin, unha historia única, de ramificacións impensábeis. Pódese, polo contrario, escribir un libro de relatos barrocos, terribelmente complexos na sintaxe e no vocabulario, sen que isto condicione que a súa longura sexa mínima. Daquela o estilo compresivo ou exhaustivo e minucioso, non condicionan necesariamente a lonxitude da narración nin, por descontado, a súa calidade.


Xavier Queipo, Bruxelas
Marzo de 2008


1.Todos eles arxentinos, mais están tamén Mia Couto, José Luandino Vieira e Manuel Rui entre os africanos, e Otero Pedraio, Manuel Rivas e Álvaro Cunqueiro entre os galegos de nación.

2. Sen que isto se converta nunha confesión de referencias asumidas, dicir que Severo Sarduy, Alejo Carpentier e Lezama Lima, os tres cubanos, son os correspondentes das distancias longas. Hai outros, por suposto, noutros sistemas literarios e no propio, mais non tan marcados como estes.

3. O xogo de palabras non é inocente. Non pode selo. Nas mans dos que adoitan colaborar nas tarefas de recensión ou crítica nos medios de comunicación (nas publicacións especializadas o sistema se modifica substancialmente) está unha parte importante da visibilidade dos libros (outra son os premios). Hai unha tendencia moi marcada a saudar as novelas e deixar de lado outras formas de expresión narrativa (agás contadas e saudábeis excepcións). Nesto, seguen, nobreza obriga, moi probabelmente, máis os criterios impositivos dos seus contratantes que os propios, mais esas son eivas do sistema ben difíciles de erradicar.

4. A limitación as sociedades occidentais, é por ser estas as que mellor coñezo, mais podería aportar o comentario de Kohl de Carvalho no seu libro: “Os jâponeses e nós”, cando refire a anécdota dun xaponés de visita en Europa, que cando atopaba algo interesante poñía unha nota “bo para copiar”.

5. Non creo equivocarme se digo que dos nosos narradores máis reputados, Manuel Rivas deu o chimpo adiante con “Un millón de vacas”, Premio da Crítica española, e Suso de Toro ergueu a cabeza para amosar a súa diferenza de estilo con “Polaroid”, ambos libros de contos. Por non falar de Anxel Fole ou do propio Castelao, de Álvaro Cunqueiro ou de Rafael Dieste, entre os clásicos, ou de Gonzalo Navaza ou de Rosa Aneiros, de Fran Alonso ou de Samuel Solleiro, de Méndez Ferrín ou de Ramón Caride, de Miguel Anxo Murado ou Camilo Franco, por poñer exemplos actuais dos que, para min e con todas as reservas de se eles concordan ou non, se moven mellor nas distancias curtas.

6. Terán que entender que non dea nomes de novelas horrísonas con máis de 400 páxinas. Se queren exemplos do contrario, de novelas que merecen un respecto, citaría no sistema literario galego « Os libros arden mal » de Manuel Rivas, a triloxía evanxélica de Xavier Alcalá (unha única novela cortada en tres anacos, para consumo en doses), “Ganga” de Antón Lopo ou « Evora » de Xosé Carlos Caneiro.


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org