culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

22. Utilidade da lectura

Hai tempo xa lles falei da lectura partindo de tres experiencias propias.

13 / 3 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Regreso hoxe con insistencia testán por consideralo de xustiza. Xustiza comigo propio, para comezar.



Hei confesar que unha das maiores decepcións que na vida tiven foi coñecer os índices de lectura na nosa sociedade. A decepción foi por ver que o que considero unha medida da felicidade humana, rexistre índices tan miserentos. Poderase argumentar que a lectura foi sempre cousa dunhas elites, mais tamén o era o acceso á hixiene entendida esta dende o punto de vista sanitario, é dicir, salubridade no tratamento dos residuos, prevención de pragas e infeccións, asepsia, acceso a unha alimentación equilibrada, e todo aquilo que contribúe a unha vida máis san, física, psicolóxica e socialmente, que é idea que de saúde teño. Tamén o era a educación, a posesión de transporte privado e de residencia de seu, que son hoxe comúns entre todas as clases sociais, e ninguén pode negar o seu avance, o que non se dá no eido da lectura.

Concentrareime a seguir no meu discurso en tres verbas que considero inherentes ao hábito da lectura: evasión, reflexión e aprendizaxe, sen que exista entre elas unha prelación especial.


Evasión

Falar de literatura é case sempre falar de testemuño e fantasía, de ficción e realidade, de dous gases que se mesturan entre si co resultado dunha obra pensada –conscientemente ou non- para a evasión dos lectores.

Evasión non quere dicir divertimento absurdo ou negación do noso mundo interior, dos nosos problemas e da nosa realidade vivida. Evasión significa fuxida da tiranía da rutina, fuxida dos automatismos miméticos, fuxida do conformismo, fuxida ata acadar un punto de vista excéntrico, afastado do punto de vista cotián. Dalgún xeito este pracer da lectura ven da expansión que para o noso universo persoal supón a fantasía, o coñecemento doutras vidas e doutras xeografías (de aí que non coincida con aqueles que sosteñen que un escritor deba escribir, exclusivamente, sobre o seu tempo e a súa terra). O feito de que alguén pretenda dicir aos escritores o que “debemos” escribir non ten outro nome que chantaxe, imposición do pensamento único, ou no peor dos casos totalitarismo puro e duro.

Evasión significa vivir outras vidas para relativizar a propia, para sometela a unha análise permanente, mais significa tamén non vivir a propia vida sen saber o que a outros acontece, aprendendo da historia (das historias) e da sensibilidade (sensibilidades) doutros (doutros individuos, doutras culturas).

Hai quen teña medo da evasión, como aqueles personaxes do Quixote, que vían no exceso de lecturas de Alonso Quijano, circunstancia propicia para a súa tolemia sen remedio. Hai quen lle teña medo tamén por pensar que coa lectura ocupa un tempo que podería dedicar a outras actividades mais pracenteiras. Mais o medo esencial que teñen os poderosos e que esa evasión (ese divertimento) poida conducirnos á reflexión e porén a por en dúbida a estrutura da sociedade tal e como ela esta ordenada. De aí a unha revolución (violenta ou pacífica) só van uns pequenos matices e algo de tempo.


Reflexión

Cando escollín a verba “reflexión” fíxeno tanto no senso de axudarnos a cavilar coma no senso de reflectir a xeito de espello psicanalítico as nosas propias vivencias e contradicións. Cantas veces o lector síntese próximo a unha das personaxes, que considera en certa medida un igual a si propio, ben porque existan semellanzas no carácter e nos comportamentos ou porque algunha das personaxes atravese perante o desenvolvemento da trama por vivencias semellantes ás do lector. Deséñase así un continuo entre realidade e ficción, entre o que está no libro e o que acontece no exterior do libro, de xeito que se produce unha situación de pre-esquizofrenia, onde o lector experimenta, ben que temporalmente, dúas personalidades. Nese continuo, nese ir e vir das vivencias propias as reflectidas no que se está lendo, prodúcese na fin un regreso a nós, unha reflexión sobre os nosos comportamentos (por mediación coa personaxe).

Dalgún xeito, esta transposición psicanalítica (un dos tradicionais mecanismos de defensa do eu), leva ao lector a “aprender de si”, a entender o mundo nun saudábel exercicio de memoria comparativa. Comparar as solucións encontradas polo autor coas solucións propias aos mesmos problemas. Esta características de procurar nos libros unha aproximación ao “eu”, por persoa interposta, estaría sen dúbida na base do éxito comercial que na literatura anglosaxona teñen os “interiors”, as narracións en primeira persoa centradas en diarios (reais ou ficticios, que ese é outro conto) de persoas correntes coas que é doado se identificar (por exemplo, que me veñan á memoria nos Diarios de Bridget Jones).

Acontece tamén cunha infinidade de libros de relatos de viaxes (1), os máis deles tamén no mercado anglosaxón e dun interese mínimo, onde o autor conta as súas experiencias por mínimas que sexan, cunha óptica estándar, de universitario rebelde en viaxe de fin de estudos (teño na mesa, “Fever Trees of Borneo”, de Mark Eveleigh, que pode corresponde a este tipo de libros, pois as corenta páxinas que levo adiantado non presentan o mínimo interese).


Aprendizaxe

Aprendizaxe aquí tamén de dúas cousas diferentes. Da linguaxe en toda a súa variedade de matices e dos temas dos que se trata, no que sería unha aprendizaxe por comparación.

Cantos libros non hai (regresemos aos libros de viaxes e aventuras, mais agora aos que transmiten ideas e imaxes de interese para o lector), que nas súas descricións detalladas apréndennos como é o deserto, como se vive un temporal no mar, os sufrimentos de atravesar a selva amazónica ou na procura do Paso do Noroeste, a beleza das praias das illas de coral, o ambiente no Bronx de Nova York ou nas rúas de Compostela ou Salvador de Baía.

Están tamén os libros que por nos presentar situacións que poderíamos definir como arquetípicas do comportamento humano, constitúen unha arma para a aprendizaxe do que é a vida, de como funcionan os mecanismos da mente humana por riba das clases sociais ou os continentes, das etnias ou as nacións. (Pénsese en “Hamlet” de Shakespeare, na “Odisea” de Homero, na “Isla” de Aldous Huxley, en “Cobra”, de Severo Sarduy) Tamén están os que nos aprenden o contrario: como se confrontan os celos, como se interpreta o incesto, cales son os tabús de sociedades parellas á nosa, e porque esta serie de interdicións é inaudita noutras sociedades afastadas dos nosos canons (no tempo ou no espazo).


Corolario

A lectura require educación, para aprender a descubrir por nós propios o que nos gusta e o que non, mais logo de ter experimentado nos mecanismos de análise, sen apriorismos. Non se trata de facer ler aos rapaces calquera cousa (esa teoría estrafalaria que sostén que tanto ten o que lean), nin que lean o que os seus profesores leron cando tiñan a súa idade (o mundo muda a unha velocidade de cruceiro abraiante), ou exclusivamente clásicos (as doses son o fundamental na alimentación), ou so best-sellers anglosaxóns traducidos ás présas para ocupar nichos de mercado (nun mundo cada vez máis mimético).

Trátase de fuxir (evasión) para retornar (reflexión) nun camiño de ida e volta que é a aprendizaxe da lectura. Trátase de ler para entender o mundo, o externo e sobre todo o interno, para comprendernos a nos propios nunha viaxe de ida e volta, para construír o futuro coas cinzas do pasado, para descubrir a variedade e a flexibilidade da lingua (benqueridas verbas polisémicas), para avanzar na sabedoría e no coñecemento do mundo.


Xavier Queipo
Bruxelas, Marzo 2008


1.- Non falo aquí dos grandes libros de viaxes, senón da proliferación de libros-anecdotario de viaxes a lugares exóticos, seguindo a estética Lonely Planet ou National Geographic, mais sen os medios financeiros destes últimos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org