21. Escrita e enoloxía
As veces, no noso gusto polo xogo e a experimentación, escritores e artistas en xeral, mais tamén filósofos e científicos, adoitamos relacionar conceptos que nun principio non o estarían claramente. Eu gustei dende sempre desta mestura de coñecementos e risco na selección dos pares. Gustei máis aínda cando atopei nos camiños da vida, sinuosos e abraiantes coma eles son, xentes que tamén gozaban con esta técnica de procurar relacións alí onde a evidencia non as acha.
Foi nunha sobremesa demorada, logo dun xantar fantástico, non lembro moi ben se na Póvoa de Varzim ou Matosinhos, mais iso si, hai dous anos, falando co poeta portugués
Daniel Jonas, experto en
Milton e xa só por iso de lectura recomendábel, que falamos das analoxías entre xeracións e colleitas de viño (el falou, eu escoitei abraiado, para ser máis preciso). A idea pareceume interesante, mais pasado o tempo logo daquela conversa non sei de certo o que hai de propio e o que foi recollido naquela sobremesa no que lles vou contar. Tanto ten, citado queda o nome de quen me falou do asunto pola primeira vez, facendo eu meus os argumentos gravados no aquel da memoria ou improvisándoos para a ocasión.
Falando hai un días cun amigo, abraiábase este da colección tan grande de escritores galegos do que el denominou a colleita do 1957 (1), pois todos naceran bendicidos polo galo chinés, símbolo rexedor dese ano. Por citar algúns que veñen á memoria sen outra prelación que acudir ao chamado:
Alberto Avendaño, Antón R. Reixa, Bieito Iglesias, Gonzalo Navaza, Luísa Villalta, Manuel Rivas, Pilar Pallarés, Ramón Caride Ogando, este que escribe o comentario, e outros que a memoria non trae e que disimulen que non hai vontade de esquecer. Mesturáronse as dúas cousas no morteiro que machuca os miolos, a conversa con
Daniel Jonas e a lista de escritores, e din en argallar este texto que vai a seguir.
Dos viños, sen que eu sexa un consumado enólogo, nin tan sequera un coñecedor de estirpes e de cepas, sei dende que así mo aprenderan os meus maiores, que caste, colleita e envellecemento teñen unha importancia capital na consecución dun viño con corpo e personalidade.
Facendo unha transposición conceptual arriscada poderiamos adoptar o mesmo trípode conceptual para definir a unha xeración de escritores ou se cadra para negala de raíz: caste, colleita e envellecemento.
Caste
A caste ou castes das que se vendiman e mesturan para fabricar un viño ten moito a ver co resultado final. Así coma non é o mesmo un Rías Baixas fabricado en exclusiva cunha estirpe única, - o alvariño como caste máis coñecida- que outro que leve na súa composición unha mestura de varias uvas, -treixadura e caíño, por poñer exemplos. Tampouco é o mesmo un escritor que se alimente case con exclusividade dun sistema literario único, que outro que teña referencias procedentes de varios sistemas.
Non é o mesmo ler nunha única lingua de referencia (por moi boas que sexan as traducións, que esa é fariña doutro muíño, que se os sistemas literarios aos que se ten acceso proceden de varias linguas e porén de varias sensibilidades e de varios xeitos distintos de entender o mundo. De aí, que para mellorar o dominio da súa lingua de expresión literaria, un dos mellores exercicios para un escritor sexa o da tradución, mesmo que non publique os seus traballos.
Ao mesmo tempo a expresividade en varias linguas –a daqueles, por exemplo, que escreben indistintamente en galego e castelán, e mesmo noutras linguas nalgúns casos, confírelles unhas calidades especiais. Non vou valorar agora se melloran ou non o resultado, pois a casuística é tan diversa que merecería un estudo máis polo miúdo que o meu descoñecemento das súas vidas e os seus métodos de traballo non me permite abordar aquí.
Colleita
A colleita ten para un viño unha importancia fundamental, tendo unha mesma viña anos bos e malos, dependendo as máis das veces de factores externos mais non só. A poda e o atado ben feitos, as xeadas a destempo, as infestacións por pragas e o uso máis ou menos xeneroso de pesticidas, o exceso ou defecto no aporte de auga, o sachado das viñas, o grado de insolación, a fase da lúa cando se fai a vendima e outras variábeis poden influenciar que unha colleita sexa mellor que outra. Mais non deberiamos esquecer, que mesmo extraídos na mesma colleita, algúns viños poden ser fantásticos e outros ruíns, pois xogan para eles un sen fin de variábeis microclimáticas.
E serían os factores externos os que identifican unha xeración literaria da seguinte, os que identifican unha colleita e a fan diferente de outra. Sen ir máis alá, poderiamos pensar que as lecturas, os programas de televisión, os filmes que pasaban no cinema, a estrutura da sociedade no momento de se formar esa xeración na escola e na vida, e outras variábeis socioeconómicas que configuraban o ecosistema no que se desenvolveron os primeiros anos desta rapazada, teñen algo ou moito que ver co resultado final da súa escrita. Falo de experiencias comúns (a guerra do Vietnam que aparecía todos os días nas pantallas dos primeiros televisores, a chegada do home á lúa retransmitida en directo, o crecemento económico na última fase do franquismo, as tensións sociais que se vivían, a experiencia de vida na aldea e na cidade), de lecturas sen dúbida comúns (os poucos libros de galego que había nas librerías, as bandas deseñadas de guerreiros ou de heroes lendarios, a literatura sudamericana), as músicas escoitadas (o primeiro pop español e galego(2), a canción protesta mesturada co jazz ou co primeiro punk), a militancia política máis ou menos intensa (en todo caso a oposición ao réxime fascista ata onde eu chego de coñecemento de todos eles), a ausencia case total da lingua galega na educación escolar e universitaria(3).
Envellecemento
Todo iso que falei no apartado anterior pode configurar un marco común, mais logo chegan as diferenzas, por exemplo o ano de primeira publicación. Hainos que comezaron a publicar con dezaoito anos ou mesmo antes e os que comezaron ben entrados na trintena. Ou o que é o mesmo, que madureceron na escrita a distintos niveis e a ritmos diferentes(4).
O envellecemento dos viños pódese facer en barricas de carballo americano ou en toneis fabricados cunha outra madeira calquera, ou mesmo en depósitos de aceiro inoxidábel, que din que non dan malos viños. Eu son un pouco clásico e penso aínda no tratamento que lle faciamos aos toneis con mechas de xofre e unhas cadeas de aceiro para os limpar, de como os lavabamos e os deixabamos a inchar, de como logo de secos eran tratados con melaza ou con brandy para lle dar aromas a madeira.
Pola súa banda o envellecemento dos escritores mídese pola súa capacidade para innovar ou para se repetir a si mesmos ata a saciedade, para se renovar ou para ficar ancorados nun estilo e nunha temática que lles proporcionara unha seguridade en si mesmos. Aquí, nesta particular colleita, hainos que medraron máis rápido ou menos, os que persisten ancorados en receitas do seu pasado ou os que abandonaron case a actividade literaria orientados a outras esferas da creatividade.
Corolario para escépticos
Dicía
Daniel Jonas nunha das súas afirmacións tallantes que os debates sobre a existencia desta ou destoutra xeración son como os debates entre labregos no que non se acerta ben a saber de que se está a falar. Se cadra é un esaxero, mais mesmo que se poida recoñecer unha certa actitude vital con paralelismos e conxuncións diversas, non hai entre todos os citados anteriormente unha confluencia nin na temática nin no estilo, que nos poida levar a pensar nunha xeración estruturada e uniforme. Hai entre os escritores citados, mestres da liña clara e pretendidos barrocos, consumados estilistas e poetas seminais, populistas e satíricos, requintados e ata románticos empedernidos.
Noutras palabras e volvendo ao viño, cada un deles é diferente, pola mestura de cepas e de estirpes, pola colleita que uns fixeron antes e outros deixaron madurar máis a uva e polo envellecemento, que para uns non supón merma e a outros resta frescura (5).
Pois ben, para os escépticos coma min –neste caso particular arte e parte- dicir que se cadra haxa alguén máis coñecedor das nosas obras que poida establecer unha sistemática descrición dos puntos comúns desta xeración da transición política, desta colleita do 57. Desculpen a ausencia de contención no que ao diagnóstico se refire, pois teño por certo que esta colleita dou e seguirá dando resultados tan satisfactorios para a literatura galega. Outros virán (6), pasado o tempo, que fagan de nós uns clásicos, mais polo de agora, meus, aquí estamos, para escribir e ser felices.
Xavier Queipo
Peterhead, 21-22 de febreiro de 2008
1. O mesmo ano –surprise, surprise- do Tratado de Roma, o anticipo do que hoxe é a Unión Europea
2.Cos ”Tamara” como referente absoluto.
3. Ía dicir deles, mais xa vai sendo tempo que diga “nós”.
4. Eu, que son de todos o escritor que mellor coñezo, síntome máis próximo daqueles que naceran ben entrada a década dos 60.
5. Isto identificaría ao público lector como experto en degustación, aos críticos como “sommeliers” e aos editores como enólogos expertos na fabricación do viño, se non fose se cadra ir lonxe de máis, coma pretendín explicar na anterior “Carta marcada”, referente ao arte de editar.
6. Xa están chegando, e aí temos a Santiago Jaureguizar, a Anxos Sumai, a Francisco Castro e mais recentemente a Diego Ameixeiras, a Sechu Sende, a Francisco Constenla ou a Samuel Solleiro, abríndose paso todos eles con elegancia e con ritmo. E outros que esquecín sen maldade e os que non coñezo, e os que agora están sentados diante do ordenador escribindo como anxos e sereas, como cabaleiros vingadoras ou mulleres de armas tomar.