culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

19. Notas sobre a tradición marítima no sistema literario galego

Dende hai unha serie de anos hai quen diga que a literatura galega ten poucas páxinas escritas sobre o mar, e menos aínda escritas dende o mar. O primeiro non é certo, non hai máis que pensar que dende Martín Códax (“e cercáronme as ondas que grandes son”) ata un poema recente de, por exemplo, Ana Romaní (“as mulleres de sal, con argazos de sombras / xorden das últimas mareas”), hai toda unha serie de textos sobre o mar dunha calidade innegábel. Certo que as máis das veces falan do mar visto dende terra. Abráianse os que así sinalan as carencias, da moita historia que os nosos pescadores teñen, que son, segundo eles, nun reducionismo chauvinista que desprestixia a quen así fala, os máis afamados e afoutos do universo mundo. Nunca estiveron sen dúbida a bordo dun pesqueiro taiwanés ou coreano, non viron nunca unha rede armada con mallas en hexágono polos mestres redeiros xaponeses, nin aprenderon dun instrutor de Singapur a sangrar os alabotes un a un, logo de lles pasar coidadosamente un cepillo polo lombo para lle retirar o moco e que ao conxelalo non adquira un gusto estraño, nin saben virar espetóns coa técnica dos mariñeiros das Illas de Anamán. Descoñecen as técnicas de pesca dos indios dos Territorios do Noroeste no Canadá, e na vida se lles ocorreu pensar que os pescadores mais expertos na captura do atún con obxectos flutuantes procedesen das Illas Filipinas e Indonesia, que é onde primeiro experimentaron a técnica. Pensan que a pesca é unha actividade case lúdica, como andar ás fanecas no verán ou erguer luras con engado nos baixíos do fondo da ría (de calquera ría). Confunden o traballo escravo e mal pago dos nosos mariñeiros cunha especie de aventura tipo “Capitáns intrépidos”, con Spencer Tracy facendo de Manuel, un mariño portugués.

31 / 1 / 2008
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Son os mesmos que falan de navegar os “sete mares”, e cando lles preguntas cales e onde quedan eses sete mares teñen dificultades para nomealos e nin tan sequera refiren que os “Sete mares”, así, con maiúscula de nome propio, non son os cinco océanos que no mundo hai máis dous mares calquera, (algúns dirán o Mediterráneo e o Báltico, nun eurocentrismo exacerbado), senón as sete barras, os sete baixíos de area que hai que atravesar para entrar finalmente en Venecia. Do mesmo xeito que un dito popular galego sostén que “quen pasou a Marola, pasou a mar toda”, facendo referencia explícita á dureza do mar na entrada da ría da Coruña, outro fala de “navegar os sete mares” como sinónimo de destreza dun piloto que é quen de pasar eses sete areais na entrada de Venecia.

Ademais diso, da ignorancia extrema sobre que é o mar e seus segredos (non, o mar non é facer mergullo no Mar Vermello ou na illa de Pinos, o mar non é ver o temporal dende a costa nin cruzar nunha barquiña de Mugardos a Ferrol), confunden o mar coa pesca, e pensan que deberiamos ter unha literatura marítima vizosa, pois somos pobo con fartura de mariñeiros, que espallados polo mundo fan erguer atúns no Océano Índico, bacallaus máis aló do Círculo Polar Ártico, luras no mar aberto da Arxentina, camaróns en Mozambique ou pescadas coma mundos (eran outros tempos) nas praias que baña a Corrente de Benguela, fronte por fronte á Costa dos Esqueletos.

A literatura marítima ten como temas recorrentes descubertas e aventuras, travesías e peripecias no encontro cos piratas, dificultades para atopar tal ou cal porto e treboadas históricas, monstros mariños reais ou soñados, fame e dificultades sen número, escorbuto e sarabullos tiñosos, infestacións de ratas e piollos, dieta monótona de galletas e biscoitos, de auga podrecida con vermes e miasmas, e velas, mastros e grumetes, remuíños fantásticos que envolven ás embarcacións, morganas no mar que fan voar aos navíos, rémoras xigantes, leviatáns que do mar erguen os aparellos. Desa literatura temos pouca, certamente, que non hai tradición de ser os nosos navegantes descubridores de mundos e distancias. E se a hai, está expresada na lingua de Castela, a potencia imperial dominante na xeira das descubertas(1).

Non lles falarei por iso de Cornide de Saavedra (máis de mar que de terra) nin de Sarmiento de Gamboa (máis diplomático que mariño), nin de Mourelle de la Rúa, que navegou o Pacífico todo e do que atopei unha páxina do seu diario de navegacións publicada en inglés por unha universidade dos Estados Unidos de América, nin daqueles navegantes afoutos de Pontevedra, (como se chamaban aqueles irmáns home de pouca memoria?) que fixeron a carreira do Pacífico americano ata chegar ás costas de Alasca, pois eles deixaron pouca traza escrita das súas singraduras, e se a deixaron non nos chegou como debera, na lingua dos nosos, senón na lingua dos conquistadores. O noso é un pobo de mariñeiros mais do que de navegantes, e porén de xente pouco ilustrada que non adoita deixar testemuño escrito dos periplos. Por descontado que houbo navegantes, e descubridores, pois non en van á illa de Chiloé, na costa este de Chile, se lle chamou no seu día Nova Galiza, que supoño que algún dos nosos a bautizaría con ese nome por querenza especial á nosa terra. O que acontece é que aqueles navegantes non tiñan conciencia de nación, e os que despois viñeron non tiveron azos ou estímulos para escribir na nosa lingua detalle dos seus periplos. O caso é que esgotada a carreira das Indias xa hai ben de tempo, a nosa historia marítima é pobre e non exenta de lagoas e carencias.

Estraño sería que tivésemos tradición de literatura cando as experiencias foron poucas e os relatores menos. Temos certamente novelas de tema marítimo da man de Víctor Freixanes (O triángulo inscrito na circunferencia, A cidade dos Césares, aínda que as dúas só dun xeito parcial como acontece noutras ocasións con outros autores(2) ), de Xavier Alcalá (Alén da desventura), de Álvaro Cunqueiro (Se o vello Sinbad volvese ás illas), de Marilar Alexandre (A expedición do Pacífico) e deste que lles escribe (O Paso do Noroeste, Ártico e outros mares, A illa dos lémures, Saladina), por falar das que teño lido e sen ánimo de ser prolixo, mais non se pode falar dunha tradición consolidada. Os mariñeiros non escriben novelas e cando algún oficial de mando na ponte ou un observador científico o fai, son as máis de pobre factura e trama pouco interesante.

Non temos nin tivemos nunca unha mariña mercante importante, que levara as nosas mercadorías dos portos galegos polo mundo adiante, e que dos confíns da terra trouxera sedas e óleo de copra, cacao e xenxibre, pementa e peles de urso. Na carreira das Indias, as mercadorías entraban polos portos do Sur, alá en Andalucía, por razóns estratéxicas e xeográficas, de centralización do comercio, e fuxida dos temporais do norte peninsular e da navegación diante das costas portuguesas.

A meirande parte da literatura galega escribiuse nos últimos corenta anos, cando non había instaurada unha épica da navegación a vela e xa desapareceran na súa maioría os transatlánticos que levaban os emigrantes galegos ata as costas do Caribe e da América do sur. Con ese panorama, non é doado ter unha literatura vizosa de temática mariñeira. Faltan estímulos directos, tradición de historias contadas na nosa lingua e modelos clásicos que sirvan de referente. Mais non hai “oco” ningún que encher, non hai que fabricar ansiedades de carencia como se fixo aloucadamente con outras temáticas, con resultados non sempre interesantes. Os escritores temos que escribir do que nos pete, do que consideremos que é mellor para a expresión das nosas inquedanzas, do que estimemos en cada momento que pode ser de interese e sempre sen tutelas nin indicacións externas, tantas veces miméticas. Xa aparecerá quen teña algo que narrar, xa chegará sen procuralo, como as mellores cousas do mundo, aquelas que nos abraian de vez, que fan que saiamos do tedio para entrar no nirvana da felicidade. O que así non o entenda non entende a diferenza entre un creador e un funcionario ao servizo dos intereses do partido, sexa na ciencia ou na literatura, na escultura ou na música.

Xavier Queipo

Bruxelas, xaneiro de 2008



1. Non hai que esquecer que o inicio do declive de España como potencia marítima (e Galiza non foi dende a súa integración forzosa, senón un apéndice de España) comeza coa Armada Invencíbel e cae en picado ata a Guerra de Cuba e a Independencia de Filipinas, cando definitivamente deixou de ser Imperio.
2. Acoden á memoria algunhas páxinas ben interesantes cun léxico marítimo ricaz de Alfredo Conde, en “Azul Cobalto”, onde o autor relata a vida do Marqués de Sargadelos ou máis recentemente en “María das batallas”, onde relata a historia do cerco da Coruña pola frota inglesa ao mando de Sir Francis Drake. Cómpre dicir, se cadra como curiosidade, que Alfredo é mariño mercante de formación, mesmo que na súa escrita as historias marítimas non teñan moita presenza.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org