A maldita filosofía de vida dos fascículos coleccionables
¿Por que cada inicio de curso volvemos ás fórmulas colexiais e hai que encher a axenda de actividades extra escolares? Parece que se non tes un calendario ateigado de citas semanais co monitor de ximnasio, a profesora de canto ou o novo fascículo do quiosco non estás integrado na sociedade. Vamos, un animal estraño.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Setembro adiantounos nupcialmente pola dereita. Recoñezo que é un mes polo que sinto verdadeiro odio e, á vez, verdadeira devoción. Gústame moitísimo a súa luz horizontal cada vez máis tenue e o cheiro dos pexegos, das uvas e máis dos figos... Gústanme as mareas vivas, o moreno que se escapa e, tamén, o retorno das almas de asueto, esas aves migratorias que volven ós niños invernais do traballo e a choiva coa maleta chea de aventuras estivais. Gústanme os reencontros. Sen embargo, hai algo en setembro que aborrezo por riba de tódalas cousas: a filosofía vital dos fascículos coleccionables.
Escaparates de quiosco demoníacos
Unha rápida ollada ó escaparate do quiosco serve para poñer o pelo de punta de todas aquelas persoas que afrontan o novo curso co cinto afogado por mor da volta á casa, a volta ó cole, a volta á rutina. Podemos coleccionar libros, cintas de vídeo, coches e motos antigas, frascos de farmacia, mariquitas pérez, casas de bonecas, maquetas de barcos e avións que nunca conclúen, selos, moedas, condecoracións militares???, cursos de inglés, de bordado, de tai-chi e mesmo fascículos de cociña oriental. As revistas “de muller”, (sabemos que as revistas de muller son distintas das de home, de can, de neno ou de adolescente) caracterízanse neste mes por ter suplementos especiais dedicados a como prolongar o bronceado, dietas de depuración para estómago, pel e pelo tralos “excesos do verán” e novas propostas para a colección téxtil de outono - inverno. As academias e os ximnasios enchen as caixas de correo de propostas: aprender idiomas, estilizar a figura, cursos de informática, internet, danza, teatro...
Imbécil e lacazana
Estanme “estresando”. ¿Por que cada inicio de curso volvemos ás fórmulas colexiais e hai que encher a axenda de actividades extra escolares? Parece que se non tes un calendario ateigado de citas semanais co monitor de ximnasio, a profesora de canto ou o novo fascículo do quiosco non estás integrado na sociedade. Mal asunto. Como cando che preguntan ¿que proxectos tes para este ano? e respondes inocentemente “pois non sei... ler, escribir, pintar, saír cos amigos...”. Entón quedas como unha imbécil e unha lacazana. ¿Como non vas estar preparando vinte cursos académicos complementarios, algún máster, posgrao ou curso CCC por correspondencia?
Non estou en contra da formación continua nin moitísimo menos. Paréceme fantástico que a xente se preocupe por aprender cousas pero aborrezo esa febre compulsiva de acumular méritos, fascículos e cursos. Deberiamos preguntarnos para que vale tanto apuro por dominar mil materias distintas que logo non nos valen para nada, non nos aportan nada e, o peor, acabamos odiando. Non coñezo a ninguén que nalgún momento da súa vida non abandonase (ou quixese abandonar) a metade de curso unha actividade extra escolar. Normalmente non o facemos nun intento de amosar disciplina, tesón e capacidade de sacrificio. Todo o que se premia nesta sociedade como valores máximos dun bo traballador e mellor persoa. Parece que a xente ten medo a deixar minutos libres no calendario diario. Imaxina que nese tempo se lle ocorre pensar. Que abatemento. Para iso a mellor solución e converter a vida nunha filosofía de fascículos coleccionables. Acumular minutos de formación que, como as múltiples coleccións de cousas inútiles, nunca sabemos que facer con eles porque xa non caben no salón. Por certo, ¿a que te apuntas este ano?
(E o de que setembro nos adiantou nupcialmente pola dereita creo que non necesito explicalo. Que horror).