14. Durmindo cun estraño (Micromemorias II)
Facelo nos lugares máis diversos con amigos recen descubertos
Pasaron os anos da adolescencia e da primeira xuventude, que tantas mudanzas procuran, e fun tomando en serio o asunto da lectura. Quería aprender o que non me ensinaran, desexaba a todo prezo me facer cun dominio da lingua que non tiña. Fun adquirindo así o costume de comentar na marxe os libros que ía lendo, fosen estes ensaios científicos ou literatura, subliñalos cun lapis(1) que sempre tiña a man, anotar palabras ao pé para logo procuralas nun dicionario, ou recoller pasaxes ou expresións que logo atopaban o seu lugar privilexiado nas páxinas brancas do final do libro ou nos meus primeiros cadernos de notas, que só conservo na memoria.
Pasei a ler non só nas noites –que tamén- senón en calquera situación onde gozara de tempo para o facer (e mesmo ás veces roubaba eses tempo doutras ocupacións maiores ou menores). Na sala de estar e na solaina, a carón do lume ou nas escadas dunha igrexa, nunha illa deserta ou na bañeira, na cociña ou na póla dunha cerdeira, no retrete ou na traseira do coche no que pai nos levaba á praia. Saía da casa sempre cun libro no peto, de ciencias ou de filosofía, de teatro ou de contos populares, de poesía amatoria ou da prosa barroca e alambicada, coa que tanto gozaba. Lía na cafetería da facultade ou deitado sobre a relva dos xardíns, nas escadas que baixaban do paseo da Ferradura ata a Residencia de estudantes, nas marxes do río Sarela ou no monte da Condesa, esperando aos amigos nun bar da rúa do Vilar ou no claustro de Fonseca, no autobús que me levaba á casa-matriz da aldea ou no tren que me achegaba de Compostela a Vigo. Esas lecturas desordenadas e voraces, atrapalladas se cadra e indagatorias sen dúbida, foron facendo acordar en min o gusto polas historias contadas e o devezo por un vocabulario preciso e variado.
Fíxenme visitador habitual de
García Márquez e
Lezama Lima, de
Manuel Puig, que daquela se puxera de moda con “Boquitas pintadas” e “La traición de Rita Hayworth”, con “The Buenos Aires affaire” e “El beso de la mujer araña”, de
Jorge Icaza,
Múgica Láinez e
Octavio Paz, que me ensinou a soñar en píntegas e monos gramáticos, de
Carlos Fuentes, que me conseguiu entusiasmar como ningún outro para ir logo perdendo ascendencia sobre min, de
Cortázar, con quen aprendín a amar as dúas caras da medalla e a camiñar sen compás, a quen –se cadra o único- intentei mesmo plaxiar sen arroubo. Lía tamén, levado polo meu interese científico, a
Phillip K. Dick e
Isaac Assimov, a
Ray Bradbury e
Aldous Huxley. Xa logo chegaron
Italo Calvino e
Jorge Luís Borges,
Lawrence Durrell e
Severo Sarduy, a quen salvando distancias maiores reivindico como mestre(2),
Vargas Llosa e
Bryce Echenique,
Franz Kafka e
Allan Poe, Melville e
Lovecraft.
Agromou así, co tempo e a resaca das lecturas, o ansia por escribir, por contar as historias que ninguén contara, por retorcer a linguaxe ata abrir novos camiños formais. (3)
Exercicios de estarricamento
Eu non coñecía o libro de
Raymond Queneau, "Exercises de style"(4), que tardaría anos en ler na súa versión orixinal, e houben de me contentar con aqueles que fun deseñando e que deron lugar a un manexo aceptábel da lingua castelán, que foi na que fun educado na escola e na casa(5). En poesía: construción sistemática de sonetos e romances, traballo inmenso para conseguir varias cuartetas de versos alexandrinos, paradigma para min do fulgor místico. En prosa e verso, indistintamente, permutacións de palabras, combinacións inauditas de adxectivos para atopar metáforas asustadoras(6), variacións sobre as mesmas rimas, aliteracións sintácticas, deseño de bucles, de fitas de Moebius que producían textos infinitos, ensaios reiterados de enumeracións gloriosas nas que o ritmo tiña unha predominancia especial, mestura de cantigas e diálogos, de parlamentos importados de falas estrañas con textos improvisados nos paseos pola foresta urbana (intuído labirinto de ruelas). Prosa automática e elipses varias, mestura de textos propios con verbas extraídas dos xornais ou de tratados científicos, series de palabras crecentes e minguantes, elos dunha cadea que se consumía a si propia como a serpe Uroboros, textos especulares e prosa definitivamente obsesiva, que dunha verba facía agromar un cento, regos de palabras deseñando espazos sinusoidais, de onda e vagallóns de maré, de pedras abrindo as augas dun estanque e producindo ondas, de ríos que sobordan en cheas e enxurradas, de bosques inzados de seres marabillosos e soñados. E logo caligrafía, caligrafía, caligrafía ata perder a habelencia para escribir, ata deformar os signos e facelos incomprensíbeis. Un ano, dous anos, quince anos de exercicios, que se di ben pronto... para logo –iluminado como Saulo, camiño de Damasco- mudar de lingua e de rexistro. Fundido en negro ou chimpo entre dous abismos.
O amante serodio
Pasaba xa da trintena, cando despois do silencio e o traballo de aprendizaxe, da conversión súbita e do abraio por unha lingua nova, redescuberta nos arquivos da memoria, da que cada día –sen faltar un- procuraba ecos nun pasado de neno feliz e bilingüe, comecei a producir os primeiros textos na lingua de escolla, no código onde batuxaba con indecisión e con pánico.
Volvendo ás lecturas, que agora se alternaban coa escrita, lembro o primeiro
Haruki Murakami(7) e
Kazuo Ishiguro,
Timothy Mo e
Banana Yoshimoto(8); a lectura integral de
Cunqueiro, sempre inspiradora;
Stevenson e
Conrad, Darwin e
Wallace; o todo
Beckett e xa logo a inmersión profunda na literatura francesa con
Camus e
Ionesco á cabeza e logo
Sartre e
Malraux, as dúas margaridas –
Yourcenar e
Duras-;
Hervé Guivert que morreu tan novo e
Michael Foucault, o seu amigo que non lle salvou a vida;
Pascal de Duve a quen tamén se levou a pandemia maldita, e a relectura tardía mais sempre a tempo de
Rimbaud, a quen volvín idealizar sen remedio, e a lectura atenta de Buffon e do conde de Lacépède, de
Montaigne e de
Proust, que chegou tarde mais chegou a tempo para me inspirar nunha tarde de filloas e conversas entre xeracións, e de
Jean-Philippe Toussaint e a súa “La salle de bain”(9).
Preguntaranse logo de dúas entregas o porqué destas “micromemorias”. Non o sei moi ben, que nunca fun home de moitas seguridades e certezas. Se cadra, penso, para me abrir unha chisca e amosar o que existe tras desa coiraza de protección, desas maneiras de falsa seguridade, deses biombos tras dos que fico espido á espera de ser descuberto. Se cadra tamén, para me sentir igual na diferenza, para celebrar o paso do tempo e este medio século que se achega, para evitar incomprensións ou fomentalas, para dar pistas falsas e logo ver coma alguén as copia como propias. Quen sabe. En todo caso, espero que lles gorenten, que só para iso foran escritas. Dicir tamén, a xeito de corolario, que de tanto durmir con estraños, acabei por ser eu o estraño de min propio, ser fantástico e automitolóxico.
Xavier Queipo
Antwerpen, Boeckenbeurs, novembro 2007
1. Os biólogos naturalistas temos unha especial querenza polo lapis como instrumento para a escrita. A razón está no carácter do noso traballo exposto a condicións atmosféricas por veces moi duras, no medio do alto mar ou baixo unha choiva permanente. Temos que tomar anotacións sobre cadernos que logo se poden mollar. Isto sería un desastre se escribísemos con tinta, mais se escribimos con lapis, as anotacións sempre se poden recuperar.
2. Como tamén o son aínda que non consten de xeito explícito Valle-Inclán e Cunqueiro, García Lorca e Basho, tan distintos en todo.
3. Estas son aspiracións de todo escritor primeiriño, que pensa que está descubrindo o mundo, que se sinte na súa mocidade invencíbel e inmune a todo mal.
4. Traducido ao galego como « Exercicios de estilo » por Henrique Harguindey e publicado pola editorial Galaxia (Vigo, 2000)
5. A excepción era nas longas tempadas na aldea, coma algures quedou dito.
6. Premonición das que máis adiante na vida serían as favoritas polo empeño fabulador de Manuel Rui e Luandino Vieira, de Mia Couto e Carlos Quiroga.
7. “La caza del carnero salvaje”, editorial Anagrama, 1992
8. Que confirmou en “Kitchen », que o mellor lugar para durmir é acarón da neveira.
9. Confirmación de que ler no baño, coma eu facía, non tiña que me preocupar especialmente, pois hai quen move unha parte da biblioteca á sala de baño, para non se mudar de lugar en varios días.