culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

12. Escritores biólogos

Moitas veces temos a idea que os escritores son só iso, escritores, e daquela non teñen outra profesión nin beneficio. A realidade –en forma de pequeno historial ou biografía sumaria de cada un deles- fai que abandonemos esa idea romántica e baixemos a terra para ver, non sen abraio, coma só unha minoría de escritores son coma nós críamos, só escritores. O resto repártense nas máis variadas profesións. En Galicia, por razóns para min descoñecidas hai un grupo de escritores que son, ao tempo, biólogos. Biólogos e escritores. Sen animo de ser prolixo, sen consultar as biografías e só de memoria, sen que haxa vontade de esquecer a ninguén, podo citar a Marilar Aleixandre, Ramón Caride, Xosé Miranda, Xavier Paz, Ricardo Beiras, Jacobo Barros, Xurxo Alonso e quen asina esta carta marcada.

25 / 10 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A importancia de ver

Nunha conferencia pronunciada en Bruxelas na primavera pasada, o escritor e académico andaluz Antonio Muñoz Molina, insistía en que é a capacidade de observar a que permite ao escritor explorar os camiños nunca antes ensaiados, as varias saídas posíbeis para resolver o nó dunha trama. O importante é pois a capacidade de observación que os sentidos nos proporcionan. Acontece que case o 90% dos sinais que procesamos cos sentidos nos chegan a través do sentido da vista, porén a vista (entendida como capacidade de percepción)ten unha importancia capital para definir a condición de escritor.

Así o que fai de alguén que escribe un escritor é a súa capacidade para sentir o que os demais non poden ver, para observar dende outros puntos de mira aqueles detalles que outras persoas non poden ver nin sentir de xeito ningún e logo, ser quen de plasmar esas observacións coa axuda dun código de letras e signos relativamente reducido. O maior esforzo na escrita é precisamente ese, intentar por todos os medios posíbeis que a nosa prosa soe coma se producila fose un acto sen esforzo, cando en realidade a dureza está niso, en facer que un proceso extremadamente complexo semelle simple, natural, sen procurar necesariamente a “falsa simplicidade”.

Ao inicio esa capacidade de observar transcríbese ao texto como enumeración simple: conxunto formado polos elementos a, b, c, d, ... z. Unha maior sofisticación levaría á enumeración por grupos, conxunto formado polos elementos vogais e consonantes, e dentro destas últimas, labiais, palatais, fricativas, ... Un terceiro nivel de abstracción levaríanos a definir o conxunto simplemente como “o alfabeto”. Mais tarde esta sucesión de sucesos individuais comezan a tomar corpo como unha historia, algo que se conta. E. M. Foster escribiu algures a seguinte frase: “If you tell that the king died and then the queen died, that’s a sequence of events. If I tell you that the king died and then the queen died of grief, that’s a story, you feel that”(1), noutras palabras que se non nos limitamos a enumerar senón que relacionamos dalgún xeito esas enumeracións, sexan estas extensas ou reducidas, un instinto (modificado naturalmente pola experiencia vital, incluído o acervo cultural) vai facer que distingamos a diferenza entre unha historia e unha sucesión de eventos.

A importancia de describir

Mais "ver" diferente non chega. Desde os tempos no que o único que existía era a narrativa oral, a función do narrador foi sempre a de contar unha historia que mantivese a atención dun público(2). Para iso o que contaba o suceso tiña que expresar con palabras accións e sentimentos, e facelo dun xeito que os que o escoitaban o entenderan de vez e fose para eles un pracer escoitar a historia. E se así non acontecía o narrador modificaba o recitado ata chegar a construír unha historia que se convertía nun legado común e que se transmitía de xeración e xeración. Contiñan estas historias unha serie de coñecementos tanto técnicos como filosóficos que describían as ideas morais da sociedade onde se contaban, e que servían, pois, como aprendizaxe de vida. Cantas máis historias soubese contar un ancián e canto máis floreadas e aderezadas ao gusto as contase, máis rango tiña na comunidade como sabedor das cousas do mundo.

Nunha entrevista ao escritor americano David MacCullogh, este citaba aquilo que Charles Dickens repetía a calquera escritor que o quixese escoitar: “Make me see” (Fai que eu vexa), dicía. Dickens insistía pois na necesidade da descrición minuciosa, na importancia de describir ou trasladar a imaxes aquilo que nunca vimos e que temos que imaxinar. O escritor pintaría con palabras as imaxes que conduzan a narración.

Unha das actividades máis prestixiosas da Bioloxía nos inicios desa área da Ciencias como entidade separada, era a de poñerlle nome a un ser vivo descoñecido aínda para a Ciencia. Daqueles traballos de taxonomía(3), nos que era preciso describir minuciosamente o holotipo (4), ven, se cadra, a tradición biolóxica por facer unhas descricións minuciosas. De aí ven a tradición dos naturalistas de comparar, describir por extensión e comprensión os conxuntos, agrupar datos, fixarse nas minucias, procurar presenzas e ausencias, mostrar mapas de distribución (Cantos dentes ten un caracol na rádula? Cantas sementes no interior dun froito? Cantas ás ten unha sámara? Que distingue o pico da lura do pico do loro? Hai narvais no Hemisferio Sur? Cantas sedas ten unha miñoca en cada septo? Cantas liñas de dentes ten unha lamprea, máis ou menos que unha quenlla azul?)


E agora a viaxar, a ver e contar o que viches por eses mundos

Cóntase que a finais do século XIX o famoso naturalista da Universidade de Harvard, Louis Agassiz, adoitaba realizar cos seus estudantes unha proba de esforzo descritivo e concentración nos detalles, para inicialos así no camiño da investigación. No laboratorio de prácticas, Agassiz situaba diante da cada estudante un frasco de vidro contendo un peixe conservado en formol. "Ollade ao voso peixe", dicía. "Maña contaredes como é". Agassiz invitábaos a debuxar o exemplar, a abrilo, a medilo, a considerar os máis mínimos detalles da anatomía macro e microscópica (alá ata onde chegaban os instrumentos da época). Acabadas as descricións individuais, escritas ou deseñadas a man alzada, no día a seguir mudaba os frascos, de xeito que cada un dos estudantes tivese un peixe distinto diante súa cada día. Pasadas dúas ducias de clases, cando o curso xa ía mediado, pedíalles que relacionasen as características dos peixes que observaran ata dar cos trazos comúns; que os fosen liberando devagar de todas e cada unha das características que os diferenciaban ata acadar aquel grupo de peculiaridades que os identificaba realmente coma peixes e non coma calquera outro ser vivo, animal ou vexetal. Pasaba logo á seguinte etapa, que era escoller animais doutras categorías taxonómicas e así lles facía repetir o exercicio dicindo “look at your toad”, ata que cada alumno describía polo miúdo o sapo que tiña diante e ata que describía exactamente as características que o definían como sapo e as que o diferenciaban doutro sapo distinto. E así ata a extenuación, descricións, medidas, deseños e procura de semellanzas e diferenzas ían pasando sapos e lagartos, píntegas e iacarés, monos e bisontes. Cando acadaban un coñecemento que el consideraba suficiente nas artes da síntese e da análise, daquela estaban preparados para saír a percorrer o mundo na procura de novas especies para a ciencia.

Esa historia acada ben con esa época romántica do naturalismo asociado á descrición da natureza cando os naturalistas acompañaban aos descubridores de novas terras e se dedicaban a explicar e describir a diversidade do mundo. Charles Darwin e a súa viaxe no “Beagle”, Alfred Russell Wallace e as súas navegacións nos arquipélagos malaio e indonesio, as viaxes de Linneo por Escandinavia, as excursións de Merino herborizando Galicia de punta a punta, o periplo que levou ao Barón Alexander Von Humboldt a describir a Cordilleira dos Andes e os seus habitantes, Mutis e súa botánica do novo mundo, e tantos e tantos outros coñecidos ou menos, viaxeiros de longo percorrido ou andadores de camiños locais, que nos aprenderan as especies de seres vivos que no mundo hai, e os que viñeron despois para darnos razón de bacterias, de virus e outros organismos microscópicos, que aparecen e desaparecen do noso mundo, con ritmo dos cambios e as estacións.

Quizás sexan os biólogos, polas razóns expresadas e por outras que teñen máis que ver coa importancia fulcral que algunhas das súas disciplinas como a Xenética molecular e a Dinámica de poboacións, a Inmunoloxía ou a Viroloxía teñen acadado nos últimos tempos na escala de valores do desenvolvemento da civilización occidental, os que ocupen neste século o rol de científicos humanistas que antano lles correspondía aos médicos, coñecedores de síntomas e remedios, exploradores na física aplicada e un algo enxeñeiros, amantes da botánica e tantas veces naturalistas, admiradores da beleza e inventores de apócemas.

Se cadra todo isto é unha explicación a posteriori dun feito non probado, unha disertación baseada no empirismo e porén non científica e impropia do método hipotético dedutivo que todo biólogo debería seguir nas súas disertacións. Un escritor biólogo e con este nivel de incerteza?


Xavier Queipo

Bruxelas, 24 de outubro de 2007



1. “Se dis que morreu o rei e despois que morreu a raíña, iso é unha secuencia de eventos. Mais se eu digo que o rei morreu e daquela a raíña morreu de pena, esa é unha narración, podes sentilo.”
2. O teatro non deixa de ser unha historia contada con abundantes diálogos que se pode representar para facilitar ao que escoita a concepción da historia. A poesía non deixa de ser, por moi abstracta que ela se volva, a manifestación con palabras dun estado de ánimo (pode ir da micronarrativa do instante ata a gran saga do poema longuísimo).
3. Ciencia que consiste en poñer nome ás cousas, en clasificalas, en diferencialas das semellantes.
4. Espécime a partir de cuxa descrición se establece o canon ou medida para recoñecer a outros individuos da mesma especie e separalos de individuos de outras especies.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org