culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

10. A cita , ese síntoma

De cando en vez aparece un escritor que gusta de introducir nos seus textos de prosa unha colección, ás veces abusiva de citacións. En xeral, hai nos lectores unha queixa pola abundancia deste recurso, que se interpreta habitualmente cun rexeitamento formal. Ás veces, a contrapeito, a obra é respectada, facendo a salvidade das citas, que se consideran excesivas ou alteradoras do ritmo de lectura.

27 / 9 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A definición de prosa é, pola súa banda, como a de case todos os xéneros literarios, ambigua e moitas veces flexíbel. Prosa sería –se a definimos por exclusión- todo escrito literario que non é poesía nin teatro, mais daquela aparece a figura da prosa poética ou mesmo a poesía prosaica, sen esquecer o cada vez máis ousado recurso ao diálogo integrado na prosa como parte da narrativa ou mesmo da poesía. Mais este é un sarillo do que desistín hai tempo de procurar unha solución canónica e por tanto limitada.

Unha deformación científica

Os ensaios científicos adoitan estar inzados de citas doutros traballos. Non se concibe a posibilidade dun traballo académico –sexa este a comunicación a un congreso ou a publicación dun artigo científico (refírome aquí tamén ás chamadas ciencias sociais e non só a aquelas que aparecen reflectidas nas revistas de "ciências") que non conteña unha morea de citas doutros traballos sobre o mesmo tema e que non conteña unha sección de bibliografía. Isto explícase non por unha incapacidade dun ensaísta para achegar ideas novas senón pola necesidade de basear os coñecementos en coñecementos adquiridos, ben sexa para refutalos ou para fundamentar as hipóteses que se sosteñen.

Ensinaranme así, primeiro na escola, un profesor de literatura magnífico como para min foi o profesor Manuel Quintáns e máis adiante na miña vida académica o pediatra Manuel Bravo e o experto en pesqueiras afastadas, o profesor Manuel Gómez Larrañeta. Todos tres “Manolos” foron os meus mestres, aos que lles debo a miña formación científica e humanística e aos que dedico, de corazón, este ensaio. Por iso, se cadra, parte dos meus traballos literarios conteñen abundancia de citas, como unha especie de automatismo temporal ou unha deformación profesional do método que consiste –xa dixen- en apoiar unha disertación ou un discurso en datos. En definitiva, trátase dunha manifestación de inseguridade, de dúbida, de necesidade de afortalamento das posicións propias, que pode ser aguda (resultado dunha dúbida puntual) ou crónica (resultado dunha dúbida existencial).

Unha marca psicolóxica

Pensándoo ben, nalgúns casos a existencia de citas pódese entender como unha manifestación de inseguridade ou de timidez á hora de presentar unha idea, negando, dalgún xeito, a posibilidade de que a premisa utilizada no razoamento ou a idea sexa propia. Sería como dicir: eu digo isto, que está ben dito, porque xa o dixeron Séneca, Confucio, Wallace ou Jerónimo Feijoo e Montenegro, por poñer catro pensadores presentes sempre, consciente ou inconscientemente, na expresión dos meus pensamentos. Psicoloxicamente isto remite a unha dúbida existencial (crónica) ou puntual (aguda).

Pódese tratar tamén dunha manifestación de pedantería, para amosar a quen lea, todo o que o autor sabe (medida indirecta do tamaño da propia ignorancia) ou todo o que leva lido (medida indirecta da dedicación do escritor ao cultivo pausado do coñecemento multidisciplinar), o que remite, tamén, a unha dúbida sobre o que se argumenta (que necesita, porén, dunha constatación por intermedio do que no seu día escribiran outros). A suposta pedantería actuaría como unha protección contra a inseguridade, como unha rede tecida arredor dunha idea para substanciala. A pedantería, é sabido, como o comportamento colérico e outras manifestacións extremas do carácter, non é senón un síntoma de inseguridade, de pánico –diría-, no grao basal da súa expresión.

Un recurso estilístico

Mais as citas poden ser tamén manifestacións estilísticas entre a ironía (unha ritualización da agresividade, como sostiña algures Eirenäus Eibl-Eisfelft, benquerido etólogo) ou a estratificación da información (que non deixa de ser dalgún xeito unha outra manifestación de clasismo intelectual e porén de agresividade ritualizada). É coma se o autor dixese: esta parte é para o público xeral (pobres rapaces) e esta outra (as citas convenientemente explicadas) son para os que coma el (o escritor) acadan un nivel superior de coñecemento (manifestación sintomática de arrogancia, outra vez síntoma de inseguridade).

No primeiro caso, o da ironía pura convértese nunha especie de estratexia de confusión (débense ler as citas? Son imprescindíbeis ou prescindíbeis? Que pasa se non as lemos? Hai diversos niveis de lectura?). Xa ven, dúbidas, cuestións, camiños alternativos, solucións varias.

No segundo caso, o da estratificación, dalgún xeito tamén un recurso estilístico coma os parénteses, os guións intercalados nunha frase ou as subordinacións excesivas e barrocas (moitas veces entendidas coma expresión da inmadureza dos autores e afastadas desas prosas mastigadiñas e inanes de sete palabras por período, sete liñas por parágrafo e un vocabulario que cabería no peto da camisa, que tantas veces se entenden como escribir ben, como ter capacidade de síntese, como non dicir máis cás palabras xustas).


A modo de corolario

Non desconfíen de quen fala con citas ensarilladas, é tan inocente e tan sen rumbo como se poida ser. Na fin, todo se reduce a unha dúbida, a unha inseguridade crónica. A non ser que o uso das citas, de notas explicativas, eruditas e curiosas e outros recursos para rachar o ritmo da lectura non sexan senón un xogo de espellos cóncavos e convexos, que non se trate dunha miraxe, que as citas sexan falsas, paradigma entón dun estilo sofisticadamente irónico.

É curioso que este é un dos poucos ensaios que levo escritos nesta sección de “Cartas Marcadas” que non leva ningunha cita (hai unha case cita camuflada, mais iso é parte do xogo). Será que non preciso fortificar os meus argumentos? Estarán os meus profesores decepcionados coa miña traxectoria cara á simplicidade? Non estarei dicindo máis que sen sentidos e entón, claro, tan imposíbel atopar citas que os sustenten. Non sei, teño unha dúbida.


Xavier Queipo
Bruxelas, cidade somerxida na néboa, setembro de 2007

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org