8. Insomnio, dromomanía e outras debilidades
Souben de sempre que vivir cun escritor debía ser tarefa de heroes, pois os máis de nós somos ególatras e dificultosos, maníacos e un pouco prosmas. Os que sofren a nosa presenza cotiá ou aqueles que nos teñen abandonado no camiño saben, sen dúbida, do que estou a falar. Hai tempo matinei en escribir a xeito de autocrítica sobre esas dificultades. Logo pareceume obvio e pouco específico e deixeino pasar.
Esta fin de semana, mentres camiñaba polos acantilados de Dover, ocorréuseme o título que leva esta carta. Levaba dous días durmindo mal e pouco e agora estaba alí, nos acantilados de Albión, camiñando sen parar dende que tres horas e media atrás deixara o autobús nas aforas de Dover. Dise decontado, mais para alguén que frisa o medio século e leva máis dunha década sen facer deporte, semellante camiñada é abonda para dar cabo do corpo por varios días. En chegando ás proximidades do faro que hai cara ao norte, sentei nas ruínas dunha batería de costa e pensei no duro que debe ser vivir a carón de min. Daquela xurdiu a frase.
Agora teño, pois, que apandar e dar un contido ao título sen saber moi ben que é o que isto vai dar. Máis a preocupación non é tanto esa, como estar seguro de que o que conte terá tamén algún sentido para alguén fóra de min propio. Vou cometer un crime, vou falar en xeral partindo da experiencia propia, sabendo como sei de excepcións próximas e afastadas no tempo e no espazo.
O Insomnio
“Os días foron difíciles, mais as noites foron doces”
(Shadows on the Grass, Karen Blixen)
Intuitivamente, coidamos que a actividade do noso corpo sofre ciclos ou oscilacións repetidas. Moitas desas oscilacións teñen unha periodicidade de 24 horas (circadianas) e son controladas polo xogo de numerosos factores moleculares. Nos mamíferos este reloxo circadiano está constituído por un núcleo de 15.000 neuronas situadas na rexión do hipotálamo anterior do cerebro que recibe o nome de "núcleo supraquiasmático"(1). Este núcleo recibe información de outros tecidos de órganos periféricos, o que o insomnio e as súas formas teñen que ver co reloxo interno, que rexe o noso metabolismo e varios tipos de comportamento, incluíndo o ritmo sono-vixilia. A luz do día e os ritmos nutricionais (o réxime alimenticio) condicionan os chamados ritmos nictemerais ou circadianos (con ciclos de 24 horas).
Dito isto, a dieta e os ciclos de luz aos que os escritores están sometidos vai modificar os ritmos diarios do seu metabolismo e, porén, o seu ritmo de durmir e, que o impide?, o seu tipo de escrita. A afirmación é arriscada, mais é unha hipótese, que mentres non se refute ten o mesmo valor que a hipótese contraria, é dicir, que o ritmo de soño e vixilia non afecta ao tipo de escrita dun escritor. A hipótese compleméntase coa afirmación ou hipótese secundaria de que un escritor ten sempre insomnio, sexa este da condición que el sexa. É unha hipótese, agora queda demostrala e para iso son necesarios tempo e experimentación. Mais para refutala tamén son necesarias idénticas variábeis.
Comezarei por confesar que no momento presente non sufro de insomnio verdadeiro senón máis ben de todo o contrario. Son quen de durmir en case en calquera circunstancia e posición, en calquera medio de transporte e a calquera hora do día. Non sufro, mais sufrín en variadas épocas da miña vida, xa non curta. Escribo, pois por experiencia propia. Non estou certo que haxa un estudio serio sobre o tema do insomnio e os escritores, como non os hai sobre outras tantas cousas, fundamentais ou fútiles, e non pasa absolutamente nada, pois destas nimiedades só nos preocupamos algúns seres marxinais. Podo dicir que coñezo un número considerábel de escritores que din ter insomnio, o que os leva a escribir en horas ben apartadas dos horarios de traballo do común da xente, o que ten, sen dúbida, consecuencias inesperadas sobre os resultados da súa escrita. Isto dáse moi en particular naqueles escritores (saiban que son lexión) que teñen unha outra profesión “alimenticia”, que lles permite vivir sen ter que depender dos dereitos de autor (case sempre mínimos). Así, un dos desacougos maiores dun escritor é ter que parar no proceso, deter o teclado no medio e medio da enxurrada de palabras, pois no día a seguir hai que se erguer para acudir a ese outro oficio alternativo. Ás veces, saiban, o que máis prestaría e seguir escribindo, ou erguer a media noite para anotar unha frase, para argallar un poema, para repensar un parágrafo. Ás veces o que máis prestaría é o benquerido insomnio reactivo, esa facultade de non durmir á vontade, de seguir ata o esgotamento das fontes.
Mais, que entendo eu por insomnio? Se permiten o desprazamento anatómico-semántico, o insomnio poderíase dividir en tres tipos, como as costelas: verdadeiro, falso e flutuante. O insomnio verdadeiro non precisa moita explicación, simplemente é unha imposibilidade para durmir ou un acordar continuo durante a noite. O insomnio falso é aquel que é percibido como tal polo suxeito-escritor, mais que en realidade non pode ser constatado por máis ninguén. Acorda pola mañá e di que non durmiu ben, mais quen partille o leito ou o cuarto con el pode contradicir esa afirmación. O insomnio flutuante é aquel no que viven a meirande parte dos escritores, que non distinguen moi ben cando están en estado de vixilia e cando en estado de alucinada fabulación (algúns axúdanse de sustancias psicotrópicas como o café, o alcohol, os derivados do cannabis, os opiáceos de diversa procedencia ou as drogas de síntese, mais moitos deles nin precisan de axudas externas). Por iso, dalgún xeito, pódese dicir que os escritores sofren de insomnio flutuante, de afastamento crónico da realidade, de crises de autismo, de procura voluntaria do silencio no medio das multitudes.
A Dromomanía
“Os montes fican inmóbeis: mais nós, cando é que nos imos deter?”
(“Hyperion”, Friedrich Hölderlin)
Hai definicións de dromomanía máis científicas nos manuais de psicoloxía e psiquiatría e hai mesmo quen a relacione como síntoma dun tipo de esquizofrenia, mais a definición que me presta é a de "afección morbosa ao vagabundeo". Coñezo a moitos escritores, galegos e non galegos, que nisto das tribos convén andar mesturados, e sei que a meirande deles son grandes paseantes(2). Adaptan os seus paseos ao estado de saúde ou á estación, mais todos eles camiñan e camiñan sen parar mentres van cavilando en solitario ou falando a dous (mal, por suposto) dun terceiro ausente. Ao contrario que no caso precedente, eu sufro de dromomanía en grado extremo e non me importa percorrer vinte quilómetros dunha paseada para ver un teixedo ou unha lagoa, andar a praia de Carnota de punta a punta ou subir as costas pinas das Ardenas ou do Courel.
Hai no vagabundeo morboso unha clara vocación exploradora. Os escritores que así actúan, entran en contacto coa realidade do mundo que os arrodea e non somentes coa clase social ou o recuncho xeográfico ao que pertencen, procuran outras falas e outros modos e enriquecen a súa bagaxe cultural e lingüística con unha manchea de verbas e de sons, de sabores e recendos variados. Hai nese vagabundeo, nese “saír pasear como asasinos de compases”, que dicía
Cortázar por boca dunha das súas personaxes en “Rayuela”, toda unha exploración do eu na pretendida “fuga controlada e recorrente”, toda unha procura no externo do que nos falta ou non sentimos como propio. Conseguimos así “andar, ver, sentir e recordar”(3), é dicir, modificar as coordenadas do propio e expandir os horizontes do eu consciente, que non é pouco.
Está descrito como exemplo paradigmático de dromomanía a vida do escritor suízo
Robert Walser, que non podía durmir e que tiña como divertimento para as súas angustias o de realizar paseos longuísimos. Na súa obra dáse unha mestura de percepción e precisión, a do camiñante que observa o mundo con abraio permanente e unha sensación estraña, como de afastamento e non pertenza, coma se tivese pánico que alguén detectase a súa presenza, como se tivese medo de rachar o engado.
Mesmo sen se mover de casa, sen máis que dar paseos pola banda de “Chez Swan” ou pola de “Chez de Gourmantes”,
Marcel Proust non deixou de ser paseante compulsivo, como tamén o foi
Jules Verne, que nunca estivo na lúa, nin no fondo do mar, nin no centro da Terra. Experimentaron ese tipo de manía que consiste en moverse nun insomnio alucinado polos territorios fantásticos dos libros (un tipo particular de insomnio flutuante).
Outras debilidades
“Pódese entender a vida ollando cara atrás, mais só se pode vivir ollando cara adiante” (“Credo”, Sören Kierkegaard)
Se cadra unha das debilidades de todos os escritores que coñezo é a lectura case compulsiva, e máis en particular a lectura crítica e analítica. Non hai escritor que non sexa tamén lector aproveitado. Cando digo aproveitado é porque, a partir do momento no que coñece xa as regras do traballo, os secretos da artesanía e o uso das palabras e das formas, resúltalle máis sinxelo analizar os procesos que levaron a outro escritor a acadar tal ou cal resultado(4). Ábrenselle así portas e camiños inexplorados, é quen de detectar os trucos ou as trampas doutros colegas, de apreciar as dificultades ou rirse da pretendida orixinalidade de tal ou cal texto, dos que tanto sofren na procura da orixinalidade, coma se esta non chegase de seu, co propio exercicio da escrita (5).
Non sabería delimitar cales son as outras debilidades que o común dos escritores teñen e que fai a convivencia con eles (con nós) pouco menos que dramática. Mais na fin as debilidades dos escritores van condicionar as súas coordenadas creativas. Son estas: os soños, as observacións e experiencias vividas, os diálogos escoitados ao longo dos seus periplos e as lecturas atentas.
Como conclusión, nós non seriamos sen unha chisca de insomnio e unha certa tendencia ao vagabundeo. O día que durmamos ben e que deixemos de explorar todo estará dito e non terá sentido nin tomar unha notas nun caderno de peto nin sentarse diante do teclado do ordenador.
Xavier Queipo
Dover-Canterbury, 14-15 de Xullo do 2007
1.Grimaldi, Benedetto e Paolo Sassone-Corsi (2007), "Metabolic clockwork", en Nature: 447; 386-7, Maio 2007. Ver tamén en caso de necesidade de aprofondamento Liu,C; Li, S: Liu, T; Borjigin, J e J.Lin. (2007) Nature 447:477-481 (Mai 2007)
2.Tamén sei a historia dese gran escritor que foi Juan Carlos Onetti, que escribiu unha boa parte da súa obra deitado no leito e cunha botella de güiski ao alcance, mais pódese entender como excepción e non como regra.
3. Ver carta marcada número 4. "Literatura en viaxe".
4. Coñece dalgún xeito, a carpintería do edificio, as engrenaxes da máquina, os camiños explorados, os camiños abortados, os recursos do oficio.
5. As veces non chega co traballo cotián, mais iso acontece en todas as profesións, onde para acadar a excelencia sempre é necesario xogar cunha mestura de talento e sacrificio.