culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

6. É posíbel escribir no mar?
(Unha experiencia persoal)

E fomos ficando sós
O mar, o barco e mais nós

(“De catro a catro”, Manoel Antonio)

Hai quen diga que narrar é contar outras vidas que un ten vivido no proceso de creación, por medio do cal a experiencia se transforma en arte. Se o que escrebe acerta no empeño, consegue recrear unha realidade distinta, mais tan verdadeira como a realidade mesma. Isto pode acontecer no mar ou fóra del.

21 / 6 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Que literatura e mar combinan perfectamente xa o explicaba o filósofo Roger Bacon no século XIII cando afirmaba: “É un acontecemento estraño que nas viaxes por mar, nas que só hai para ver ceo e auga, a meirande parte dos homes escreben un diario, mentres que cando viaxan por terra, onde a cada paso atopamos motivos para o abraio, poucos o fan, como se as eventualidades incertas fosen máis próximas a nós e para ser consignadas por escrito que as observacións reais.”


Combinan tan ben literatura e mar porque o mar contén a vida e a morte, o amor e desamor, que son eses e non outros, desde que se escribira a epopea de Gilgamesh, os únicos grandes temas da literatura. Así é o mar protagonista principal na epopea de “Odiseo” no seu regreso a Ítaca, para tensar o arco que ninguén tensara e defender o orgullo da estirpe, e o mar inspirou tamén a viaxe de “Jasón e os Argonautas” na procura do Toisón de ouro, e as aventuras de Sinbad o mariñeiro polos mares arábigos, e esa alfaia da literatura clásica portuguesa que son “Os Lusiadas” de Luis de Camões, por falar só de textos canónicos.


Non é pois verdade, senón prexuízo do que nunca navegou, pensar que o mar non é lugar apropiado para a escrita. É verdade que os estímulos externos se concentran nunha sucesión de ceo e mar, mais iso non é senón unha simplificación excesiva do que en realidade acontece. Nin todos os ceos teñen a mesma cor, nin todos os mares tampouco. Se a isto engadimos as mutacións experimentadas por ceo e mar na sucesión dos días e das noites, as distintas percepcións que das estrelas hai consonte a latitude na que naveguemos, os encontros xa non con outros navíos senón con multitude de obxectos aboiados, a pluralidade de animais mariños que saen ao noso encontro ou deixan traza do seu paso, tales como cardumes de peixes voadores ou de atúns mesturados con golfiños, chafarices que anuncian a presenza de baleas e cachalotes, rosarios encadeados de argazos ou de carallos á vela (1) que remontan coas correntes chegadas do Golfo de México, tartarugas que aboian cando o mar está tranquilo ou manchas de medusas, ata accidentes da natureza, como trombas ou espellismos, como montañas de xeo ou placas que forman a banquisa onde se moven con torpeza focas e leóns mariños, daquela non se pode falar de ausencia de estímulos.


Aínda máis, a vida a bordo do buque de pesca ofrece tamén abondosas posibilidades de comunicación e porén innúmeras historias para ser contadas. Nisto a reclusión nun pesqueiro asemellase a todas aquelas comunidades pechadas onde non hai outras alternativas de lecer que os vicios solitarios(2) (a lectura e a música, por descontado, mais tamén pequenas artesanías ou pasatempos) e as conversas que enchen os intres de lecer, inspiradoras tantas veces da mellor literatura. Cóntanse así historias de afogados, de pescas milagrosas ou animais fantásticos, treboadas que fican na memoria colectiva, sucedidos extraordinarios que a continuada transmisión oral fai que se asenten como auténticas lendas do mar, historias inventadas en tal ou cal arribada a porto (consideradas sempre terreo propicio para a épica amorosa que a colectividade pechada nega), historias escoitadas cando de descanso na casa, onde se confunden anos e situacións, referencias xeográficas e humanas, discusións de política ou de fútbol, de pesca ou aparellos, que son temas recorrentes de conversas.


Están tamén con riqueza de estímulos para quen saiba ou queira observar: escritos nos cadernos de bitácora, onde se refiren sucesos ligados á navegación ou aos incidentes da tripulación, observación atenta nas cartas mariñas inzadas de anotacións da propia man dos capitáns, referindo naufraxios, nomes de pedras ou accidentes singulares (As Rochas Virxes, o Mar do Rapaz, O canón do Ruso, A pedra “sarnosa”, o Mar do Milagre...), natureza do fondo (area, cascallo, rocha, lama) ou simplemente lugares de pescas ventureiras; portuarios amosando as enfilacións para entrar na badía de Saint John’s ou na angra acolledora de Saint Pierre et Miquelon; calendarios mariños onde se recollen eclipses e mareas, correntes e situación dos farois que gobernan a navegación costeira ou os corredores marítimos, onde se explican tamén os sinais luminosos ou as claves de transmisión con bandeiras, as canles de seguridade na radiofonía ou as manobras de ensaio para abandonar o buque no acaso de incendio ou de naufraxio. Están tamén as visitas dos equipos de inspección rusos ou canadenses(3), para levantar acta da situación legal e facer intercambios de revistas ou noticias, para avisar dos ciclóns que se achegan ou das zonas onde hai placas de xeo ou icebergs á deriva, para tomar unhas copas de caña ou poñerse ata as cellas de cervexa. Non son infrecuentes tampouco as consultas médicas a través da radiofonía, chamando pola canle de seguridade as estacións de Finisterre radio ou Pozuelo del Rey, ou nos casos máis graves a Saint-Pierre et Miquelon ou aos servizos de rescate do Canadá. É curioso que os capitáns teñen todos un libro –o mesmo- no que o corpo está dividido en cuadriculas, de xeito que comunican que o tripulante ten unha dor en E3 ou unha mancha vermella en C8, ou un proído en D7, ao que o médico responde receitando as pílulas 3 do caixón H, ou a pomada 2 do caixón D, ou se cadra o colirio 5 do caixón A.(4)


Dáse tamén a condición de afastamento e soidade propias do escritor pois este precisa normalmente do illamento e a reflexión en solitario para ordenar a materia básica coa que construír o seu texto. É ben certo que se pode escribir nun café, mentres se espera un tren ou un avión ou na consulta do dentista, mais esas son normalmente notas para elaborar máis de vagar cando en soidade. A vida transcorre no mar lonxe de familia e amigos, dentro dun espazo reducido, sen solución de continuidade e sen que se poidan distinguir moi ben uns días dos outros(5), nun medio hostil no que hai que tomar decisións mais no que abundan os períodos de inactividade, pois non é infrecuente na pesca do bacallau á parella (6) (que é a que eu coñecín e da que aquí falo), que se fagan dous lances ao día, sendo cada un deles recollido por un navío, o que proporciona períodos de descanso de ata doce horas. Daquela non é infrecuente tampouco o sentir o chamado da nostalxia, o darlle voltas á cabeza sen acougo, e para iso, xa se sabe, o mellor remedio é escribir o que un pensa en cartas longuísimas, en notas e billetes soltos para descargar así o peso da ansia.


Escribir no mar é pois posíbel e a súa épica inmensa en estímulos e posibilidades. Daquela se somos ou nos temos por unha nación de mariñeiros, porque non hai unha literatura marítima vizosa? A pregunta queda no aire para que os nosos académicos fagan o seu traballo de investigación, elaboren as súas hipóteses e nos ilustren cos seus razoamentos sabios. Eu pola miña banda fixen o que estaba na miña man para explicar ese mundo que continúa sendo fonte de inspiración e abraio permanente.


Xavier Queipo
Saint Malo, Bretaña, 15 de Xuño de 2007



1.Trátase de "carabelas portuguesas" ou Physalia spp, invertebrados mariños providos de tentáculos que producen urticaria, que posúen unha vexiga en forma de vela que lles proporciona a capacidade de flutuar e de se mover seguindo as correntes mariñas.

2.A aparición dos xoguetes tipo "play station" e mesmo a presenza a bordo dos navíos de pesca do vídeo e a súa evolución o DVD é posterior ás experiencias que aquí se relatan.

3.Naquel tempo aínda non eramos membros da Unión Europea (daquela chamábase "Comunidade Económica Europea") nin existía unha inspección comunitaria.

4.Hai que dicir que nos tres barcos nos que naveguei, os botiquíns estaban incompletos e nalgúns casos os medicamentos caducados, o que fala dun desleixo imperdoábel nos capitáns dos navíos e nos inspectores do Instituto Social da Mariña que tiñan que dar o visto e prace aos botiquíns antes do barco poder zarpar.

5.Na década dos oitenta do século XX, que é cando as miñas viaxes tiveron lugar, no día sábado había sempre callos á galega, ou sexa con garavanzos, e nos domingos preparaba o cociñeiro un caldo e cocido galego e por un día había sobremesa, que adoitaba ser flan. Mais era imposíbel distinguir os outros días da semana pois tiñamos unha dieta monótona a base de bacallau, solla e escarapote.

6.Se cadra habería que falar en pasado, pois son poucas as parellas que agora quedan e as características desta pesquería mudaron co paso do tempo, cos avances tecnolóxicos e co aproveitamento alternativo doutras especies e non só do bacallau.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org