culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

5. Algunhas consideracións sobre literatura e blogosfera

Hai varias razóns para falar de blogs [1] , a primeira sen dúbida porque é unha realidade que esta aí, se cadra pouco utilizada nas súas posibilidades e a outra porque é un instrumento que pode axudar a mudar mentalidades, a espallar ideas, a exercer a liberdade de expresión... en definitiva a resistir contra a onda de uniformización e de simplificación que xa nos comeza a asfixiar. Tamén se podería abordar o tema desde o punto de vista dunha sociedade exhibicionista como a nosa é, por descontado, mais este é un enfoque que supera os límites do meu coñecemento.

7 / 6 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Dos fundamentos da teoría de conxuntos á astronomía recreativa

Cando me propuxen este tema, pensei de contado na teoría de conxuntos e daquela imaxinei a blogosfera en termos de interseccións, unións, subconxuntos (blogs) e relacións entre eles (links, posts/ ligazóns, espinhas [2] ou mesmo cabazos [3]), constituíndo redes de tipo unívoco (dun subconxunto a outro) ou biunívocas (dun elemento “a” dun subconxunto a outro elemento “b” e de este elemento “b” ao elemento “a”). A unión dos elementos de todos os subconxuntos posíbeis (é dicir, a unión de todos os elementos dos distintos blogs) daría lugar ao “universo blogosfera”.


A verba “universo” fixo acordar en min a idea de “universo” en termos astronómicos. Se existía un universo, falar podía de estrelas. Cada blog unha estrela pendurada na arañeira. As estrelas, segundo as reaccións termonucleares que acontezan no seu seo e os blogs segundo a cantidade de información que conteñan, pódense dividir en: “ananas brancas” (blogs recentes, cheos de enerxía); “xigantes vermellas” (blogs xa antigos, con grande cantidade de información, mais unha chisca rutineiros, coma sen forza), “estrelas marróns” (blogs que se apagan progresivamente, que perden interese e visitas). Xa logo pensando noutras variábeis teríamos categorías como os “buracos negros” (blogs que xeran ao seu arredor un campo gravitacional, que atraen comentarios de toda parte, que moita xente consulta e comenta), os blogs “sol”(referenciais), arredor dos que outros blogs subsidiarios se alimentan e viven, sendo estes os blogs “planeta”, sen luz propia e facendo a función de repetidores de ondas, ecoando o que acontece nos blogs “sol”.


Se en troques de falar de enerxía utilizamos coordenadas temporais haberíaos de curta duración, ben por desidia do que os iniciou ben porque foran programados a tempo fixo, como os que se fan para promover un libro por exemplo, estariamos, daquela, diante dos blogs “estrelas fugaces”. Tamén habería blogs “cometa”, que pasan e deixan un ronsel de información ou influencias, que poden deixar mesmo trazas e orixinar modificacións do seu contorno, ou blogs “estrela da mañá”, que son os primeiros en estrearse en dar unha información actualizada. Hai, por descontado, blogs “lúa”, que ciclicamente moven as mareas e as modas, que xeran eclipses e aparecen e desaparecen de continuo. E hai, como non, (para iso están as ligazóns), “galaxias” e “constelacións” de blogs, que se asocian por tenas ou afinidades. Non podían faltar as “supernovas”, resultado de intercambios de enerxía/información entre blogs binarios, con orixe no mesmo nauta ou non. As supernovas, segundo me explicaran nos anos xa afastados da escola, son aquelas estrelas que captan materia e enerxía doutras estrelas próximas, que actúan como parasitas e acaban por lle roubar o material todo, para elas propias acumular a enerxía binaria. Os links (ligazóns) actuarían como “buracos de verme”. Os “buracos de verme” son hipotéticas características topolóxicas do espazo-tempo, descritas nas ecuacións da teoría da relatividade xeral (una especie de atallo a través do espazo e do tempo), que é o propio que acontece coa información que se move (aparece) entre blogs (que se replican, que se repiten, que se citan, que se comentan os uns aos outros).


Antecedentes e características dos blogs

Un pensa que o concepto de blog é moi novo, pois une verba escrita con imaxes e son. Postos a pensar en termos arqueolóxicos (paleo-tecno-antropolóxicos) os blogs teñen os seus antecesores (os seus devanceiros) nos diarios literarios entre os que poderiamos lembrar a Franz Kafka, Leon Tolstoi, André Gide ou Anais Nin, por poñer exemplos ben coñecidos da literatura occidental. Máis recentemente, o antecedente pódese procurar ben nas autopublicacións (fanzines ou "jazz poetry", con Ferlinghetti á cabeza) ou ben no fenómeno dos “pal pens” , relativamente frecuente nas décadas dos anos 60-80 do século XX. Os "pal pens" ou amigos da escrita, eran aqueles que -moitas veces sen se coñecer en persoa- mantiñan unha correspondencia frecuente para se contar as súas vidas, para partillar experiencias, para estar ou sentírense menos illados (un pouco o que hoxe acontece nos “chats” ou “faladoiros”). Moitas veces intercambiaban casetes (son) e fotografías, diapositivas ou pequenos filmes en superoito (imaxes). Combinaban pois escrita, son e imaxe, mais carecían dun sistema operacional que puidese integrar os tres elementos.

As características que marcan a diferenza –grande diferenza- entre aqueles antecedentes e os blogs son, entre outras, as seguintes:


a) o inmediato da transmisión (o "clickwriting"); esa demora mínima que fai que o texto chegue ao lector cando se está producindo;


b) a politopia, ou posibilidade de que unha mensaxe (texto, imaxe, son) estea ao mesmo tempo en varios (potencialmente moitos) lugares a un tempo, unha especie de “ubicuidade” da mensaxe.


c) a capacidade do “lector”/”receptor” de modificar os contidos (por medio dos seus comentarios). O texto xa non é algo estático, inamovíbel, senón que pode sufrir unha transformación permanente.


d) a posibilidade de seguir un texto en construción, que mesmo pode ser deconstruído, en terminoloxía importada de Derrida, é dicir, descuberto na súa orixe, analizado, modificado e mesmo disecado deica definir a súa estrutura. (Cantas historias non comezan agora como pequenos fragmentos nun blog, que logo se transforman en libro) [4]. Pódese dicir que, polo de agora, a maioría dos blogs con ambicións literarias, teñen como destino final a publicación en papel, pois continúa a ser o libro (por canto tempo?) un artigo de distinción, un obxectivo de recoñecemento, unha obra tanxíbel.


e) o autor pode incrementar a súa presenza e mesmo utilizar o seu blog como medio de auto-promoción, por exemplo, poñéndolle ao blog o nome do seu próximo libro, adiantando fragmentos...


f) o autor ten a posibilidade de “vixiar” aos seus lectores, saber quen e cantos o consultan, de onde son e mesmo que páxinas da arañeira e que outros blogs frecuenta [5]. Todo iso nun tempo “récord” (pode mesmo trazar a quen fixo o comentario e contestarlle, pois pode ter acceso ao seu enderezo electrónico).



Algunhas conclusións posíbeis

Como todas as tecnoloxías (ou case todas) e como todos os métodos de comunicación actuais, ten os seus detractores e os seus ferventes admiradores. Ensaio (nin sempre consigo) pensar con racionalidade e sosego. O meu diagnóstico é que non se trata de algo abominábel nin de algo marabilloso. Para min é unha etapa intermedia no desenvolvemento tecnolóxico. Nunha década ou mesmo antes estará superado por uns sistemas moito máis sofisticados que combinen a imaxe gravada con subtítulos automaticamente traducidos na lingua solicitada pelo receptor da mensaxe, de xeito que poderemos escoitar a un amigo chinés falando en chinés e subtitulado en portugués ou en búlgaro, en galego ou en romanés, ou escoitalo mesmo coma se estivese falando directamente na nosa lingua materna e non na súa propia.

Alguén podería pensar que a existencia dos blogs democratiza a escrita: calquera persoa que teña unha computadora pode “publicar” o seu blog na arañeira e chegar aos catro cantos do mundo, o que se entendería en principio como democratización, xa que “publicar” deixaría de ser privilexio das elites. Algúns van tan lonxe como para dicir que é un acto “antiburgués”, e que se hoxe vivise o Che Guevara escribiría o seu diario de guerrilla en forma de blog (como non dubidou en facer o seu imitador-continuador O sub-comandante Marcos). Mais se reflexionamos unha chisca máis darémonos de conta como sinalaran nunha conferencia na que participei en Portugal os meus colegas escritores de Mozambique (Guita Júnior) e da Guiné-Bisau (Wilmar Araúxo), a idea de democratización arrefría un pouco. Quen ten unha computadora en Mozambique? quen ten subministración eléctrica ou liña telefónica en Guiné-Bisau? Non será mais un avance tecnolóxico que nos separa e que non nos aproxima?



Xavier Queipo
Bruxelas, 5 de Xuño de 2007




1.Fálase de “cadernos de bitácora” unha denominación que me agrada particularmente, mais que acadou pouco éxito e quedou eclipsada polo termo anglosaxón “blog”.

2.Este é o termo que atopei nalgúns blogs portugueses.

3.Nome que se lle dá as contribucións exteriores no caderno de bitácora www.cabaseira.web

4. Acoden agora á memoria os libros de Inma López Silva “New York, New York”, recentemente publicados ou ese xa clásico de Anxos Sumai “Anxos da garda”, publicado inicialmente como diario na páxina Culturagalega.org .
5.Hai unha chave USB, chamada snoopstick que permite ao utilizador instalar un sistema espía en calquera ordenador e analizar as actividades web do utilizador dese ordenador espiado.


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org