culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

2. A ficción, fábrica de realidades

Se callar tería que comezar negando os conceptos aos que se refire o título escollido. Si, seria o mellor pois non acredito en categorías absolutas, excluíntes, opostas. Educado na explicación dialéctica do mundo, acredito no transito, no fluxo, nas formigas de Escher camiñando sen fin sobre fitas de Moebius con dúas caras infinitas. A realidade non existe, ou cando menos non existe como concepto uniforme e igual para todos. A percepción individual – tan variábel – é, ao meu parecer, a que separa realidade de ficción. A vida tampouco existe como tal, e, do mesmo xeito que a morte non é eterna, senón instantánea: non somos e xa somos, somos e xa non, o presente, a realidade, non é senón transito fugaz entre o pasado e o futuro, un aquel de ser e non ser ao mesmo tempo.

26 / 4 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Era Jorge Luís Borges, quen referíndose ao Quixote dicía: “Podría decírse que la literatura fantástica es casi una tautología, pero toda literatura es fantástica (...) La segunda parte del Quijote es deliberadamente fantástica; ya el hecho de que los personajes de la segunda parte hayan leído la primera es algo mágico, o al menos lo sentimos como mágico.” De Borges pódese esperar calquera saída, mais esta foi boa: toda a literatura é fantástica, o que dá a razón a aqueles que rexeitan o naturalismo e o realismo (sexa este sucio ou limpo).

O único que existe, e aquí se callar o concepto salvador chega do Período Heian no Imperio xaponés na súa definición de realidade, é o presente, que é a realidade. Outra tautoloxía. O pasado xa foi, e con o selectiva que é a memoria – esa desmemoriada, xa non é realidade, senón recreación do que a realidade foi, do que deixou de ser. O futuro non é aínda e pertence, pois, à categoría do soño, do desexo, do potencial e, daquela, non é realidade tampouco, senón ficción. A realidade é, porén, unha categoría que pertence à esfera do instantáneo.

Non se debe falar, pois, de escritores realistas e fabuladores, xa que o propio proceso da escrita: selectivo, demorado, transformador, non pode ser nunca realidade. Aínda más, está o proceso de interpretación, non necesariamente linear, de quen le o que está escrito. Proceso que se acompaña de imaxes, de percepcións, de lembranzas, de asociacións de ideas, de sentimentos elaborados e non necesariamente homoxéneos en cada un dos lectores, que descodifican a ficción ata a converter na súa realidade sentida. Poderíamos dicir que, na escrita, o presente, a realidade, é a lectura e esta é realidade instantánea e, polo mesmo, ficción de realidade, que se transforma e esvaece logo do seu ser efémero.

Se aplicamos à escrita, por exemplo, unha versión ben que simplificada da filosofía taoísta (O Tao da escrita), poderíamos dicir que en cada instante creativo hai vida (acción, realidade) e morte (realidade tamén, o xa acontecido). O Yin e o Yang da escrita, o equilibrio entre as ideas e os signos, entre o ritmo de escrita e o de lectura, entre a realidade (o que está marcado polos signos) e desexo (o que se quer expresar). A contradición dialéctica da que falaba o bo de Marcuse, por suposto.

Onde se sitúa, neste contexto, o escritor? Sen dúbida no terreo da ficción. No do tránsito. No do movemento. No da transformación. No da acción, en definitiva. A imaxinación (e de algún xeito a marxinalización) é, pois, o territorio do escritor. Por iso mesmo, seguindo Demócrito ou unha interpretación que de ele fai Séneca, “se un quer levar unha vida tranquila, non debe actuar moito, quer na esfera pública quer na privada”. Outra vez o Tao: a sabedoría da non-acción. Como corolario evidente, se me permiten o comentario (en si mesmo contraditorio), a sabedoría está en non ser escritor. Non o intenten, é droga debilitante e infestación invasora.



“Antagonías”

Do mesmo xeito que en economía os termos seguranza e gaño non son necesariamente antagónicos (alta rendibilidade e risco elevado constitúen unha combinación posíbel, segundo lin nalgún número atrasado de “The Economist”, que é o que leo cando vou á lavandería, se cadra para limpalo de toda a súa ganga de ideoloxía perversa) e do mesmo xeito que en bioloxía acaso e necesidade tampouco constitúen, con certeza, termos opostos, acredito que, na literatura, realidade e ficción non son termos opostos. Nin tan sequera procesos causais. un non produce o outro, nin viceversa, e os dous son o mesmo e o contrario. Hai un fluxo constante, unha mestura imprevisíbel, no seu ritmo e proporción.

Trataríase, seguindo o modelo dinámico de distribución dos gases en un espazo fechado, da coexistencia do gas realidade mesturado con o gas ficción. Ambos gases tenden, pola lei xeral dos gases, a se expandir ao máximo no espazo creativo, de xeito que resulta difícil, verbo imposíbel, discernir onde está un e onde está o outro. Os dous están, os dous son, sen que se podan illar o un do outro. Descendendo de nivel ata a esencia estrutural da materia que os forma (os gases), vemos que ambos dous están compostos de partículas, dos elementos básicos da materia literaria, que non son outros que os elementos constitutivos de calquera materia, a saber: neutróns (pasado, memoria, narración), protóns (presente, observación, diálogo, descrición) e electróns (futuro, desenvolvemento da trama, proxección das ideas, acción).

Regresamos aquí, de pasada, a Aristóteles cando explicaba que os misterios comprendían tres partes miscíbeis (“ta drômena, ta legômena, ta deiknamena”, probabelmente me trabuquei na transcrición, mais son preguizoso demais para procurar a fonte bibliográfica), as accións recordadas (pasado, narración), o que se diz (presente, diálogo), as cousas desveladas (futuro, proxección das ideas).


Conclusión

Disimulen que o mesturase todo: Aristóteles e a dinámica dos gases, a mecánica cuántica e a literatura mesturada con unhas pingas de Demócrito e de taoísmo básico. Disimulen, pois isto que eu digo non é realidade senón ficción e divertimento de quen nunca leu Aristóteles, de quen esqueceu o que aprendera da mecánica cuántica, de quen na soidade dunha biblioteca pública consultou unha versión abreviada do Tao, de quen só coñece de escoitar falar aos amigos quen foi Marcuse, de que se contradí nun parágrafo si e noutro tamén, de quen usa da realidade para construír ficción e de quen se move en permanente esquizofrenia de unha categoría à outra. Disimulen pois ás veces un baixa a garda e fabula, ou retoma das gabetas da memoria historias no límite entre a realidade e o soño, trolas que non o son porque se cren con fervor relixioso, omisións que existen mais das que non son consciente e así toda unha variedade de imprecisións voluntarias ou non. Disimulen, pois o que isto escribiu só é un escritor que de sempre escrebe para poupar o psicanalista, para saír do escuro, para seguir sendo feliz e diferente. Disimulen, pois, se callar, o único que existe en realidade é ese rapaz que vai camiñando perdido na néboa, que fala só e está tan triste pois non encontra ninguén con quen falar.

Xavier Queipo
Bruxelas, abril 2007


(Traballando sobre un texto orixinalmente escrito en portugués, como se comprobará por certas construcións pouco frecuentes no galego normativo e por algunhas verbas que ficaron prendidas no texto.)

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org