culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

1. Ler

Nesta primeira entrega de “Cartas Marcadas” vou falar do que a algúns lles parecerá obvio e, por tanto, prescindíbel. Mais, ás veces, para nos centrar é necesario constatar a existencia do obvio. Vou comezar como eu ben gusto, con dúas ou tres referencias non canónicas que me dean o fío argumental. O resto é artesanía heterodoxa, pois como ben di Olivier Rolin a propósito dese seu libro L’invention du monde, "a literatura non debe ser necesariamente razoábel nin modesta". Conto con ter oportunidade de lles falar un día de L’invention du monde, gardado como o teño na gabeta dos tesouros.

12 / 4 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai pouco, nunha entrevista no suplemento Culturas co que cada sábado nos agasalla La Voz de Galicia, preguntado polo inminente fin dos libros, o ensaísta Alberto Manguel, dicía, cito de memoria, mais respectando como é necesario a esencia do seu discurso: “o home é un animal lector que recoñece o mundo a través das historias que conta, e os libros son o mellor e máis práctico receptáculo de historias, que continúan sendo necesarias. Sen os libros, sen non houbese lectores, xa non seriamos o que somos, senón distintos.” Esa última frase, sobre todo, quedou gravada no meu cerebro e dinlle algunha que outra volta, reflexionando sobre a actualidade e a necesidade da lectura, como a continuación se poderá comprobar.

Días despois, sentado no escritorio que teño na “mezzanine” do meu cuarto, lendo o primeiro borrador da tradución do holandés ao galego das “Cartas a Theo”, de Vincent Van Gogh, que está levando a cabo, Xosé María Sainz-Pena, din cun parágrafo que me chamou a atención. Fala Van Gogh referíndose á escrita de Shakespeare e ao pracer que atopa na súa lectura: “a súa verba, o seu punto de vista, son equivalentes a un pincel que treme de emoción e de arroubo, mais compre aprender a ler, como compre aprender a ver e aprender a vivir.”

Hoxe mesmo cando isto escribo, estou comezando a ler unha novela “The last Song of Dusk” do escritor hindú, Siddharth Dhanvant Shanghvi, do que espero ter oportunidade de lles falar no futuro. Na súa lista de agradecementos –extensa e porén certamente altruísta- Siddhart escribe: “Non estou certo que eu escribín esta novela; resúltame máis simple aceptar que se cadra me caeu en sorte e por azar: unha historia que me foi transmitida para que eu, á miña vez, a transmita (...) e mesmo se é unha man só a que escrebe, ela está mantida polo sangue, a lembranza, a ollada de todos os nomes que van a seguir...”

Podería seguir con citas e casualidades recentes, mais vou deter aquí, nesta trebede o sustento para o discurso: necesidade dos libros segundo Manguel, necesidade da aprendizaxe da lectura, segundo Van Gogh e a natureza do libro como transmisión e como resultado dun eco colectivo segundo Siddhart Dhanvant Shanghvi.


Os libros, obxecto necesario

A definición que fai Alberto Manguel do home como animal lector paréceme perfecta. Falo por descontado desde o punto de vista persoal. Hai grupos de poboación que poden vivir (e de feito viven) sen necesidade de libros, mais eu non podería vivir sen eles pois forman parte da miña vida. A nivel colectivo constitúen aínda soporte privilexiados para o estudo e para a transmisión de coñecementos e sen ese soporte para os transmitir seriamos certamente outros, como sociedade e como pobo. Non estou certo se mellore ou peores –detesto dicotomías reducionistas e maniqueas- mais con certeza outros. Non vou dicir que todo está nos libros, mais si unha parte moi importante do saber humano habita neles en maior ou menor medida.

En canto ao formato non se ten descuberto aínda un sistema máis eficaz para a transmisión de coñecementos, aínda que supoño que na evolución da humanidade hai adiantos técnicos que escapan á nosa imaxinación e que chegarán no futuro. Os avances realizados na transmisión dixital de arquivos informatizados non semellan ter acadado unha fórmula que resulte atractiva para o lector medio. O propio feito de denominalos “libros electrónicos”, xa fala de que o libro segue a estar na mente dos deseñadores dos novos soportes.

É probábel que as combinacións de imaxe, son e escrita constitúan xa un soporte ideal para certos tipos de informacións e que acaden nun futuro - xa está aquí, xa chega- unha difusión maior. Máis polo de agora a independencia que dá o libro non a dá o ordenador portátil por moi pequeno que este sexa, que require dunha fonte de alimentación de enerxía e dun dispositivo que sexa quen de recoñecer o texto.


Aprendizaxe da lectura

Non hai moitos días (foi en febreiro, no Carballiño), tiven a oportunidade de compartir cunha ducia de alumnos do Instituto de Ensino Medio, un obradoiro sobre microliteratura. Dixen compartir e dixen ben, non é falsa modestia, o máis capital dos pecados dun escritor. No inicio as cousas presentáronse mal, os rapaces non sabían ler. Literalmente, articulaban sons, mais descoñecían por completo o que era a entoación e o ritmo, que significaban as vírgulas e os puntos, a diferenza que existe entre un punto e seguido e un cambio de parágrafo, que é o que se fai cando nos atopamos cunha paréntese ou con dous puntos, cun guión no medio da frase ou cuns puntos suspensivos.

A primeira parte do obradoiro foi pois aprender a ler; non os códigos que os coñecían por descontado como é normal en aqueles que están a piques de rematar o ensino secundario, senón a música, o ritmo do texto, a súa estrutura interna, que non estaban claramente no seu acervo de coñecementos. Como se pode así gozar cos textos é algo difícil de entender, e se cadra está aí o cerne da non lectura selectiva, da ausencia de respecto pola estrutura e o ritmo, aprendidos como están a apreciar que o único que importa é o fondo, ou sexa o tema. Así un libro que reflicta os seus problemas cotiáns, o amor entre adolescentes ou a contestación freudiana a autoridade parental, é un libro interesante. Por contra, o que trate outros temas se cadra afastados do seu universo cotián, as novelas históricas, por exemplo, ou os problemas vitais de xente doutras idades ou outras culturas, son libros que non interesan, que están de máis, que son un lastre. Nútrense de prosas simples e lineais, de poemas mastigadiños e inanes, de literatura de nivel básico, de pouca sustancia e dificultades mínimas.

Como se chegou a esta situación está fora do alcance do meu coñecemento, pois non son profesor de ensino secundario e descoñezo, porén, os mecanismos do comportamento que levaron a semellante situación de miseria estética. A lingua é o instrumento, o material básico co que construír a literatura. O normal é que na aprendizaxe da lingua se siga un curso progresivo, de xeito que primeiro se aprendan os signos, e despois se continúe cunha apropiación progresiva de vocabulario, para seguir cunha tamén progresiva complicación na estrutura e no ritmo, no uso de todo tipo de licencias ata chegar a inter-textualidade e ao desenvolvemento de estruturas complexas. Despois, acadado o nivel analítico, será necesario educar na síntese, na capacidade de dicir o mesmo co mínimo de palabras, nunha viaxe de ida e retorno da simplicidade á complexidade, para chegar finalmente ao uso da lingua como un dardo, como unha ferramenta precisa, que se pode modelar á vontade.

Trátase dunha función binaria: para saber ler é necesario saber escribir e o mesmo acontece para saber escribir, que hai que saber ler. Nin todo o mundo o consegue.

Só cando se consegue este dominio da lingua, cando un é quen de analizar e sintetizar, de ler cos cinco sentidos é que a lectura resulta reconfortante. Só entonces un pode comprender o traballo da escrita, recoñecer o carácter experimental, sustentar unha opinión argumentada sobre tal ou cal traballo, delimitar planos e describir camiños abortados, abrir posibilidades ao futuro e expandir o propio coñecemento.


O libro como eco colectivo

Hai tempo que sei que os meus libros non os escribo eu só. Como refería Siddhart Dhanvant Shanghvi no seu capítulo de agradecementos, non é infrecuente que moitos escritores sintan un abraio especial ao reler os seus escritos. Senten así na propia pel o eco dos que os precederon e, se esa licenza é permitida, daqueles que os van continuar. Quizais por iso, algúns autores –se cadra sabios, se cadra non- néganse a reler os seus textos, con resultados empobrecedores para futuros traballos.

Cada obra literaria, por moi anovadora que nos poda semellar é un produto colectivo, unha amalgama de escritos, tradicións, soños, lecturas, visións e percepcións que o escritor leva acumulado no seu acervo persoal. Por iso falo dunha creación colectiva, do eco dunha sociedade, mesmo que este ecoar sexa pasado pola peneira do arte da escrita.

Ningunha obra literaria podería existir como tal, se antes non existise unha articulación de sons, un alfabeto, unha lingua falada e posteriormente analizada por gramáticos e lingüistas, unha tradición oral de contar historias ou alimentar rapsodos, unhas trazas escritas e unha tradición literaria.

Cada lingua constitúe un sistema de pensamento, un ordenamento do mundo segundo unha percepción inicial e unha análise colectiva, a que nos dá identidade ou nos dilúe nun mar de dúbidas. Pois ben, esa lingua, resultado de usos e desusos, de maneiras de pensar e de expresar con verbas e con frases. A partir desa creación colectiva os escritores moldean as palabras, as frases, os temas e as sentencias deica construír a súa obra.

Ser o eco da sociedade na que se vive non significa necesariamente repetir os esquemas e os gustos, os temas e os enfoques tradicionais dun sistema literario, senón reflectir unha opinión, un punto de vista, que terá necesariamente unha lóxica que arrinca da sociedade na que se vive (cada vez menos, por outra banda), mais que non ter porque ser nin continuadora nin enxebre, nas acepcións máis pexorativas destes termos.

Ata aquí unha serie de puntos de vista sobre a lectura, que non constitúen un ensaio canónico senón unha serie de reflexións extraídas de tres referencias escritas de orixe diversa. É un método de traballo non académico, mais que así e todo utilizo. Por iso mesmo, polo non academicismo, quedo aberto ás súas críticas e comentarios que non farán senón enriquecer o meu acervo persoal e axudar, se cadra, a un debate necesario.

Xavier Queipo
Bruxelas, Marzo 2007

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org