culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Operacións triunfo no gran torreiro galego

Tenteino. E fracasei. Confeso que me resulta imposible evitar algún comentario, neste calendario de festas sucesivas e mesmo superpostas, sobre festas gastronómicas e outras operacións triunfo. Como ben diría a miña amiga Nuria “son unha praga”. E se algo caracteriza ás pragas é que devastan sen piedade todo o que existiu antes da súa chegada para impoñer a dictadura do seu pensamento único.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Houbo un momento en que, supoño que pola coincidencia de asasinatos por mor dun carballo en terras do interior ou batallas campais polo dereito de paso a unha finca, os medios de comunicación de fóra tiveron especial atención á realidade galega como máxima expresión da ligazón á terra e ó poder telúrico. Por sorte, hai tempo que non somos noticia nas canles estatais por ningún infortunio relacionado coa posesión territorial aínda que si, cómo librarnos desa maldición, polas víctimas de naufraxios.

Coa chegada do verán multiplicarase o outro discurso que prolifera nas pantallas á hora de abordar o día a día dos que vivimos deste lado do Padornelo. Virán cámaras europeas e americanas a gravar os curros coa extraordinaria rapa das bestas; os festivais folk cos seus conxuros e evocacións ás meigas e as procesións polas rías con virxes mariñeiras que choran bágoas de flores polos afogados no mar. Algo exótico para encher as inacabables grellas televisivas configuradas por alumnos de prácticas (co meu máximo recoñecemento para eles que non teñen poder decisorio ningún e si moita vontade). Algo livián e intranscendente. Ademais, dedicarán amplas fotos e minutos de colas en informativo á voluptuosidade dos manxares que se degustan fin de semana tras fin de semana nas pantagruélicas festas gastronómicas que inzan o territorio galego.





Mitos contemporáneos

Convertémonos para os medios de comunicación nun paraíso de traxedias do mar e da terra e nun gran torreiro con todo tipo de alimentos que festexar. Da festa da cebola á festa do carneiro ó espeto pasando pola da lagosta, a empanada, o pan, a pataca, a ameixa, o melindre ou a cereixa. Cando non son as operacións fartura son as operacións triunfo con adolescentes convertidos en millonarios a golpe de chunda chunda.



Estes novos mitos da canción, ídolos de púberes e progres abraiados co “ave maría”, choutan de vila en vila seguindo o calendario festivo do mesmo modo que fan os encargados da noria, das barracas de feira e do tiro. Son feirantes no máis puro estilo tradicional, a única diferencia é que eles gardan na faldriqueira miles de euros e dormen en camerinos de luxo. A súa é a historia da Cincenta e de tantos outros personaxes de contos infantís, personaxes tocados coa variña máxica das fadas (neste caso con rizos negros e antena de televisión) que pasan da miseria á paixón das masas. Téntasenos vender que son, non só xenios da canción, senón seres de carne e óso que chegaron tan alto polo seu esforzo e constancia (¿?). Así se nos vende a moto. Nunha sociedade na que a perda de valores e metas se estende como praga bíblica, a apertura do mar das oportunidades configúrase como o camiño a seguir polos novos moisés. Riqueza rápida e portadas de revistas. Non precisan máis. Engulimos caras de famosos como panos de papeis. Só serven para usar e tirar.


Causas e non consecuencias


Sen embargo, non vou ser eu quen erga a bandeira en contra dos rapaces de operación triunfo. Para min son a consecuencia e non a causa dun andazo que percorre a sociedade baixo a amparo e mimos dos sucesivos gobernos ¿centristas?. Converter á xuventude en imbécil é moito máis doado que tentar que pensen. Non me preocupan as Rosas, Bisbal e Chenoa. Non vexo que mal ten bailar unhas horas o chunda chunda na verbena da vila. Preocúpame a necesidade social de alimentarse de tales ídolos e de convertelos non nun episódico momento festivo senón nun modelo de vida e proxecto de futuro.


Operacións fartura


Do mesmo xeito me preocupa a expansión das festas gastronómicas. En si non me parece un mal intento de promocionar productos autóctonos pero o feito de que se eliminen outros fenómenos culturais por un maior investimento neses eventos paréceme unha verdadeira desgracia. Ten que haber de todo. Debe convivir a festa do pemento coa verbena de orquestra; a procesión do santo da aldea coa romería no monte. Son fenómenos compatibles e non excluíntes. Cómpre recuperar, en primeiro lugar, actos puramente tradicionais que se están a perder coa chegada destes fenómenos globais e uniformizadores. Non podemos anegar nas frías augas dos movementos efémeros cando temos valores culturais propios que hai que rescatar do esquecemento. As festas son, aínda que resulte obvio dicilo, tamén para os do lugar e non é necesario que acudan miles de asistentes para revalorizalas. É hora de asumir dunha maldita vez que non todo o que vén de fóra funciona mellor antes de que sexa demasiado tarde e vivamos como auténticos clons.



Pregúntome quen seremos o día en que só aplaudamos a Bustamante e comamos pementos o día da festa en Herbón. E pregúntome, tamén, que pensan os galegos cando na televisión só ven retransmisións deste tipo de festexos. Algúns rexeitarán, como no caso dos sucesos, esa imaxe de si mesmos e outros crerán que somos máis modernos por termos concertos miméticos a Granada, Almería ou Santander. Preguntaraste ti que ten que ver isto coa literatura. Agora imaxina que se crea un operación triunfo de narrativa dirixido por algún escritor "místico-televisivo". Non resulta necesario que che enumere as posibles consecuencias. O máis preocupante, coma sempre, son as causas.




Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org