Os teus personaxes: O sr. Fuco, don Saturio e don Ramonciño
Hai quen gusta da fala de vellos que perden o sentidiño polos amores de tres mociñas.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Tres personaxes ós que lle teño cariño son o Sr. Fuco, D. Saturio e D. Ramonciño, homes de longa vida e sorna abonda todos tres. Eles son daqueles que de vellos, gaiteiros, que polos bicos de tres rapazas novas perden a cabeza, as leiras, o corazón e mailo alento.
Coñecinos polas súas falas. Castelao non os definiu para nós con descricións extensas nin con accións relatadas. Escolleu mostrárnolos nas súas voces, en cadansúas frases dun texto teatral. Seica hai quen os ten visto ultimamente por Galicia adiante a falar en castelán. Non o creo, habíanos confundir con outros. Teiman en me dicir que non, que queren ser eles, nunha montaxe do Centro dramático ¿galego? Pero eses, desde logo, non son o Sr. Fuco, o D. Saturio e mailo D. Ramón cos que me eu encariñara. Castelao… ¡que o demo nos leve!
E. de C.