culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A escada do ceo

O teu rostro non para de voar. Lévao facendo dende hai anos, cando saíches da túa aldea de Guinea-Bissau, ou de Malí ou de Níxer. Cando saíches da máis absoluta e degradante miseria. O voo partiu do inferno cara á esperanza e, polo medio, como peaxe necesaria, perdiches a inocencia. E agora tes en fronte de ti un simple valado de espiño. Dinche que nel podes perder as plumas, que impedirá a túa aterraxe, que o sangue anegará a terra de ninguén. Ti planeas no aire e sorrís dende as alturas. Dende esa inmunidade que alcanza quen moito ten sufrido e suma cicatrices nun corpo xa indoloro. Incoloro. Case transparente. Logo de meses de infortunios ningún valo será capaz de frearche as ganas de vivir. Porque sabes que o teu soño é máis grande ca ningún tratado internacional. Maior, incluso, ca ti mesmo. Por iso non haberá quen pare o teu voo kamikaze contra o arame do medo. Contra as espiñas da resignación.

Agardando as lagarteiras
15 / 9 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Poderías contarme unha chea de historias incribles. Historias que nunca che crería se non sentise as túas feridas. Historias de mil e unha noites de desvelos, contando mentiras e moedas para sobrevivir a un novo amencer no deserto. Poderías falarme do goberno de camaradas en Alxeria, das milicias, dos contrabandistas de esperanza, dos alibabás dos salvocondutos, do siroco cabrón que arrinca todas as pertenzas, mesmo as da alma. Poderías falarme da túa nai. Desa anciá de corenta anos que te despediu cun rito budú e soñou cun lapis de cores. De toda tribo que baixou os ollos para non verte marchar. Dos irmáns que esperan unha man para saltar os quince quilómetros que afastan o terceiro mundo do primeiro. Poderías dicirmo e sei que non mentirías. Vino no teu rostro desgarrado, multiplicado por centos, entre os chanzos dunha escada. A altura do ceo mídese en tres metros de madeira apuntalada na fronteira. Un salto mínimo para ti, que sempre fuches bo atleta e soñaches cunhas olimpíadas para catapultarte lonxe do inferno. Pero os saltos na area subsahariana sumaron intentos inútiles por vencer o destino. Nada máis. A evidencia golpeoute na cara durante meses, un tempo de remorsos, dúbidas e calvario ata que decidiches que agora ou nunca. Que os vinte anos non os has volver coñecer e a escada do ceo ten a penas vinte chanzos. E abrazaches o éxodo como derradeira oportunidade.

Coñeces perfectamente aos que tes enfronte. Sabes que non dispararán. Claro que o sabes. Lévancho explicando dende hai anos en arengas de valor e entusiasmo. Dixéronche que non han disparar porque non poden facelo. Que unha vez que chegues ao outro lado non hai maneira de devolverte. Son a penas uns metros. Deste lado a miseria. Do outro lado, a esperanza. E eses homes de caqui non han disparar. É unha guerra inxusta, sábelo, ti contra eles, pero non o han facer. Sabes que os seus gobernos negocian e ti aproveitas as circunstancias. Non es alleo a que es froito da inxustiza social pero tamén do oportunismo político. Sabes perfectamente que o teu paso da fronteira ten o sabor amargo da humillación saharauí. Que a túa viaxe cara ao ceo ten como salvoconduto a impunidade de Marrocos con respecto ao Sahara ocupado, aos permisos de pesca dos barcos europeos, ás intervencións inmobiliarias, á produción enerxética. Non es alleo a que ti, que voas alto, es alentado polos mesmos gobernos que te impiden vivir na túa terra como medida de presión cara á UE. Son eles quen inchan as túas as.

Exércitos desarmados

Es empurrado en exércitos desarmados para baterte nunha loita a cambio de créditos esixidos polo teu país de orixe. Véndente a cambio de subvencións. Ti es só unha moeda de cambio, o alimento da degradación das milicias que controlan o paso das fronteiras, a chantaxe da miseria. Non botes sobre o meu lombo todo o peso da túa dor. Non só o primeiro mundo ten a responsabilidade sobre o terceiro. Sabes ben do que fai o teu goberno e máis o exército. Sabes do control da produción agrícola e mineira, dos intermediarios comerciais, das manipulacións da axuda humanitaria, do lucro duns poucos. Sabes o que está pasando en Sudán. En Níxer. En Mali. En Marrocos. Sabes ben como se manipula a opinión pública internacional.

Porque se hai algo que aprendín é que a miseria económica non exime da miseria moral. Agudízaa. Non hai dor máis grande cás aberracións cometidas polos vosos propios compatriotas. A explotación da explotación. Seino. E ti tamén. Por iso non te culpo. Non sería capaz de sinalarte co dedo, a ti, ao que voa cara ao ceo da ilusión. Nunca te censuraría por querer vivir. Por querer construír un futuro mellor para ti e para os teus fillos. Por querer vencer ao escuro designio de corenta anos como media de esperanza de vida. Pero non me pidas que te empurre cara ao valo. Sei que contigo alentaría a suxa venda de intereses dunha e de ducias de ditaduras africanas a unha Europa que quere defender as súas fronteiras económicas. E non me pidas que lexitime a unhas nin á outra. Non me pidas que me apiade de ti e peche os ollos a este tráfico de escravos. A esta maldita transferencia comercial de almas. A esta vergonza que tingue as mans de sangue. O mesmo sangue que ti deixas no valado.

O mesmo sangue que nos circula polas veas. Polas túas e polas miñas.

E non quixera ver máis plumas de paxaros rotos nos arames da indiferenza.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org