Os teus espacios: o universo das árbores de Cosimo
Un mundo divisado dende a atalaia acolledora das ponlas da imaxinación...
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Un dos lugares literarios ós que viaxo cada pouco é ó universo das árbores de Cosimo. Algunhas veces pasa, que un descobre unha paisaxe de libro e, sen se decatar, pasa a quedar colada nunha folla do seu álbum persoal de fotografías, que dá gusto revisar nas tardes de vagar. Pasa de cando en cando, que un chega a pensar que eses lugares foron destinos de viaxes estivais.
Cando me peta -ó que vou- collo avións co pensamento e déixome ir cara á paisaxe de árbores de Cosimo, que se incomodou co mundo e decidiu subir a unha árbore para non baixar nunca máis. Inventouno Ítalo Calvino en O Barón Rampante e, como o deixou inventado, vou alí con frecuencia, non pola variedade de especies do enorme bosque que pasea Cosimo, senón pola perspectiva que se ten do mundo desde aí arriba. Avanzo, coma el, dunha póla á outra, camiñando suspendida sobre o eirado. Como non o dou abranguido todo coa vista, fágoo co olfato, cos aromas verdes que leva cada golpe de vento. Gústame esa altura, suficiente para ve-las cousas desde outro ángulo e preto abondo da terra para poder falar coa xente sen sentir vertixe e gatuñar polas pólas sen temor ó baleiro.
E. de C.