culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Os fillos da Hamada

Galicia fala hassanía estes meses de verán. As praias atlánticas énchense de olladas virxes que nunca antes lamberan o lombo infinito do mar. Son os nenos e nenas saharauís, acollidos por familias galegas no plan anual Vacacións en Paz. Nesta edición de 2002 recibimos no país a máis de cincocentos meniños que se repartiron en máis dun cento de concellos, entre eles, Vigo, Santiago, A Coruña, Ribeira, Fene, Oleiros, Redondela ou o Cangas. Os saharauís non só veñen buscando senón que traen unha mensaxe que cómpre escoitar atentamente. Eles son os embaixadores culturais dun pobo exiliado.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Un ano máis, regresan as olladas mouras, a henna, os risos amplos de dentes rillados pola mala alimentación, as melfas, a timidez, a sorpresa, os aneis de madeira negra e as rosas do deserto. Regresan a Galicia os nenos saharauís e con eles a reivindicación vital de todo un pobo choído en campamentos de refuxiados no máis árido deserto. Dentro de cada rapaz existe un embaixador cultural en potencia co que podemos aprender a coñecer (e en todo grao de coñecemento hai un pouso de amor) a súa identidade e, tamén, redescubrir a nosa. Serve, efectivamente, para mirármonos con outros ollos. Con tódalas nosas contradiccións e virtudes.



Como en tódolos programas de acollida temporal hai voces a favor e voces en contra. Esgrímense argumentos para tódolos gustos. Hai quen opina que esta resulta unha mala resposta a unha situación realmente dramática política e humanitariamente; que non é boa solución ter ós nenos durante sesenta días vivindo a toda fartura para logo devolvelos ó deserto; que o contraste entre condicións infrahumanas nas que viven todo o ano e o benestar do primeiro mundo é demasiado grande como para que un neno poda comprendelo. Outros, sen embargo, cren que máis vale un alivio, aínda que sexa temporal, a tanta miseria; que os nenos deben pasar revisións médicas mínimas e que o deserto durante o verán, con máis de cincuenta grados de temperatura, non é lugar axeitado para eles. Realmente non é o lugar axeitado en ningún momento do ano. Nin para nenos nin para adultos.



Trinta anos no exilio forzoso



Non quixera entrar nese debate onde tódalas formulacións son aceptables e todas levan boa carga de razón. O que si resulta obxectivo é que durante os meses en que os nenos saharauís viven coas familias galegas reciben vacinas e coñecementos dos que o deserto lles priva. Unhas escaleiras, alumeado eléctrico, o tren, as árbores... Todo resulta novo e excitante para eles. Non teñen medo, tal vez porque son conscientes de que deben gardar no alpendre da súa cabeza tódalas imaxes para un mundo horizontal e eternamente ocre e azul. Tódalas cores que apreixen na retina viaxarán con eles de volta no mes de setembro e encherán de brillos as pobres haimas do deserto máis ruín. Porque os saharauís sobreviven, cómpre repetilo continua e anoxadamente, en condicións paupérrimas no medio dun pedregal ó que os seus antergos, os comerciantes, os tuareg confinaban ós seus peores inimigos. O sueste alxeriano acolle as catro wilayas no exilio: Smara, El Aaiun, Dajla e El Ausserd, catro campamentos de refuxiados con miles de persoas amoreadas na máis absoluta pobreza por mor dunha situación política deixada das mans internacionais. O referendo de autodeterminación, aprobado pola ONU en 1991, segue sen se celebrar a causa de que os designios dos pobos son radicalmente opostos ós designios económicos marcados por occidente. Pero os nenos non entenden de reloxos de area auspiciados por compañías petrolíferas. Só entenden de pobreza e de fame.



Territorio ocupado



Dende hai case trinta anos os saharauís malviven en campamentos de refuxiados agardando unha solución que non chega. Os nenos que chegan a Galicia este verán naceron xa na metade da nada. Son certamente os fillos da Hamada, ironicamente da “hamada”, da tolemia internacional que elude o dereito de autodeterminación de todo un pobo ó que se lle roubou o territorio. Un de tantos. Autores literarios e xornalísticos de Galicia fornecéronnos notables reflexións sobre o conflicto saharauí. Dende Fran Alonso con “Territorio ocupado” (Xerais) a Xaquín del Valle Inclán con “Historias da cidade do deserto”, centrada en Smara, a Cidade Soñada (Sotelo Blanco, 1988), foron moitos os autores e autoras que amosaron a súa sensibilidade por este pobo entre eles Pablo González, Juan Arias ou Manuel Rivas.
Sería recomendable que as familias que acollen nenos este verán se aproximaran a estas obras para coñecer a súa historia un pouco mellor. Outra boa opción é recorrer ó sitio web de http://www.saharagalicia.org con referencias documentais e interesantes consellos para convivir con estes rapaces roubados á desesperación.



Embaixadores culturais



Pero, ademais de todo o que as familias galegas lles podan ofrecer ós nenos, cómpre escoitalos. Eles non veñen da nada. Teñen unha cultura de seu, firmemente ancorada nun espacio para o que soubo dar solucións; unha lingua de seu e uns proxectos de seu. Unha das experiencias máis marabillosas que vivín foi a de conversar cunha saharauí durante varias horas nunha casoupa de adobe. Non lembro o seu nome pero si que era a responsable de educación da súa daira en El Ausserd e, por riba de todo, o seu acento cubano herdado de moitos anos de formación na illa caribeña. Conservaba unha mirada virxe, dende a liberdade que dá o non posuír nada pero na firme convicción da súa loita política e cultural. Escoitar ás saharauís é como oír música. Cómpre abrirlles os brazos ós nenos de acollida, non só os da misericordia e compaixón, senón os do coñecemento e da amplitude cultural. Respectar ó outro dende a igualdade. Nós poderemos outorgarlle un benestar económico pero tal vez o seu proxecto existencial sexa máis amplo que o noso. Na medida en que saibamos abrirnos a eles seremos capaces de sermos máis libres.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org