culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O centro do mundo

A Restreba. Así se chamaba a nosa unitaria antes de que lle puxesen un nome ben sonoro pero menos luxoso que o topónimo co que nos seguimos a referir a esa escoliña branca de grandes ventás e cadeiras diminutas. Tiñamos tres anos e o mundo permanecía choído naquel universo existente entre a casa e a escola. A penas douscentos metros por unha estrada militar sen alumeado nin beirarrúas. Os pícaros, en fila de a un pola cuneta, saudabamos co noso peito pequerrecho aos veciños que espreguizaban o sono durante tantas mañás en cadansúa eira. O mundo virou milleiros de veces nestes vintecinco anos. Deixou de se medir coa vara dos douscentos metros entre a casa e mais a escola e cóntase agora por quilómetros e ambicións. No entanto, nós continuamos sen beirarrúas.

Agardando as lagarteiras
18 / 8 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Con tres anos e medio sabiamos ler. Iso dábanos unha dimensión distinta do universo. Aos poucos, iamos construíndo sílabas, e con elas palabras e logo frases para, anos despois, sermos capaces de elaborar parágrafos e con eles as nosas pequenas grandes historias. Pero nós, antes das letras de tinta que esborranchan o papel, xa coñeciamos os fíos que ganduxan as redes íntimas do relato. O noso medio metro de altura non era capaz de conter o enxeño que labramos coa forza de quen sabe escoitar con tanta estraña paciencia coma a dos nenos que eramos.

Cada primavera, o cuco outorgábanos un ano máis de vida. Sentímolo durante anos pero nunca logramos velo. Ao saírmos ao patio, aquel campeiro en que cabía unha montaña de xabre e sete columbios, explorabamos minuciosamente os piñeiros do monte do lado para encontrar o paxaro que nos daba tanta dor de cabeza. Non houbo maneira de atopalo entre a agulla e os toxos pero todos cremos nel como se cre no futuro. Con fe inexplicable e absoluta certeza.

Aquela mañá non chovía. Seino porque, de chover, teriamos quedado na aula como tantos días ante a ausencia dun mísero patio cuberto. Tamén sei que era primavera porque xa escoitaramos o cuco, as margaridas e o azafrán rabuñaban as cunetas e o aire ulía a verán inminente. A marea fora ben cedo porque os percebelleiros viñan de volta e as redes e cachas repousaban da faena nas terrazas da aldea. Nós buliramos cara ao patio para espremer ao máximo aqueles escasos minutos lonxe da ollada do profesor.

Pero el non tardou en subir ao pozo. O pozo estaba situado na parte traseira da unitaria e era un dos varios lugares prohibidos pola autoridade escolar. El, burlando as ordes, empoleirou no muro e colgou os seus braciños do aro superior. Bambeaba no vento coma os piñeiros que nos rodeaban. Era primavera. Cheiraba a azafrán, a salitre e a pole que viaxaba no Nordés. El vibraba naquela arandela de ferro como unha gaivota no ceo da Frouxeira.

Esa visión quedou pendurada das nosas retinas como as grandes imaxes que marcan unha vida. Alguén deu a voz de alerta e todos corremos incrédulos cara a parte de atrás. E alí estaba el, desafiando á gravidade, ao vento e máis ao profesor que chegou practicamente canda nós. Ela, sentada no muro, ollábao con indiferenza. O mestre tentou convencelo de que baixase de alí. Os nenos formamos un anfiteatro de expectación. El insistía en que non baixaría de alí, non sen a aceptación dela. Entón ameazou con se suicidar. Nós emitimos un suspiro. O mestre preguntou quen era ela e el sinalou co dedo a aquela nena que, sentada no muro, presenciaba con desprezo a escena. O momento era tan tráxico que nin sequera sorrimos, só abrimos os ollos coma maragotas, incrédulos ante tal desafío. O profesor insistiu con paciencia pero el volveu negarse. Se ela non o quería, suicidaríase. Entón o mestre tentou conmover á nena ante tal mostra de amor pero ela continuou indiferente e fría como o vento seco do Nordés que nos varría. As pernas caíanlle do muro e abaneábaas con absoluto desprezo namentres el puña os pés enriba da tapa metálica do pozo. Non houbo maneira de que ningún dos dous mudase a súa opinión e houbo que proceder a un rápido movemento que levou ao namorado castigado para a aula. Ela, nin divertida nin orgullosa, só avergoñada, seguía os feitos arrubiada desde o poleiro de cemento.

Días despois encontrámolo encrequenado na area do patio e coas mans enzoufadas. Afeitos ás súas excentricidades, ocupámonos doutras lideiras, ata que aos poucos fóronselle sumando máis nenos. Todos furaban no xabre con paciencia e sen artellar palabra. Absortos nun labor en que se lles ía a vida, ignoraban os berros de guerras, vaqueiros, piratas, enfermeiras e carreiras de galgos que tecían o patio entre gargalladas e rivalidades.

Varios recreos máis tarde, todos os nenos e nenas da unitaria axudabámolo a cavar en completo silencio. Entón, a autoridade tivo a ben intervir. A estampa de vinte raparigos enlamados en terra –había tempo que atravesaramos a capa de area de xogar- non podía menos que inquietalo dados os precedentes. Preguntou que estabamos a facer.

-Chsssss.....

E ninguén respondeu. Como se non o escoitásemos, absortos na nosa obcecación por furar fondo, cada vez máis fondo. Daquela dirixiuse ao promotor da iniciativa, quen dirixía a cava con xestos decididos.

-Estamos buscando.

-¿Buscando, o que?

Estabamos a minar a súa máis que demostrada paciencia.

-¿Que vai ser? ¡O centro do mundo!

E seguimos cavando durante todo o recreo e ducias de recreos máis. Ninguén logrou disuadirnos da nosa determinación por chegar a onde só Jules Verne alcanzara.

Tiñamos tres anos e o futuro estaba por vir.

Tamén é certo que foi el quen acabou desenganándonos.

O centro do mundo estaba naquela Restreba.


Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org