culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Xa fixemos o agosto literario

“La Voz de Galicia” entrega cada día deste mes unha escolma de textos literarios que abrangue os Relatos de verán de autores con obra publicada e anónimos; o premio de Novela por Entregas e, por suposto, a colección Biblioteca 120. Coa cabeceira coruñesa os lectores galegos fixemos o agosto literario. E nunca mellor dito.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Chega agosto e neste país acabáronse as chamadas de teléfono a institucións públicas, as peticións de material ou as tarefas urxentes. O mundo detense neste mes, estival no calendario e incerto no metereolóxico, no que un ten que parar, queira ou non. Traballar é complicado con horarios de veráns exiguos e azos minguantes a medida que se acentúa a calor. Chegou a hora de folgar e desconectar dos, ás veces, claustrofóbicos hábitos cotiáns. Pero se algo alén do incremento do tempo de lecer caracteriza ós últimos agostos galegos é a afirmación que día a día vive a nosa literatura. Cómpre aquí citar a “La Voz de Galicia” por varias iniciativas loables: os Relatos de verán, o premio de Novela por Entregas e, por suposto, a colección Biblioteca 120. Coa cabeceira coruñesa fixemos o agosto literario.



Libros para toda unha vida



A Biblioteca 120 supón un éxito sen precedentes para a difusión do libro galego. É unha magnífica forma de celebrar o aniversario da fundación da rotativa coruñesa e unha mellor maneira de proclamar a vitalidade da literatura galega. Por un euro, calquera lector pode adquirir unha obra dos máis recoñecidos autores galegos, dos clásicos ós máis recentes. Énchense os andeis das bibliotecas particulares de títulos consagrados que poderán adobiar as horas de lectura de miles de persoas.

Como ben lle escoitei a alguén, se facemos un cálculo estimativo hai lectores (os menos adeptos) que teñen libros xa para o que lles resta de vida. Fagan números: un libro lido por cada dous meses danos lugar a que teñen lecturas ata dentro de ¡¡20 anos!! Hai outras persoas que están a xuntar varias coleccións, unha para cada fillo, e isto confórmase como un precioso enxoval para a súa vida adulta. Que lles parece: no canto de xuntar toallas, sabas ou cristalerías, deixar de legado unha colección de libros galegos. Sería fantástico e un gran agasallo para os, cada vez menos, nenos galegos.



Relatos de verán



Cada día deste mes, “La Voz de Galicia” preséntanos outras boas ofertas de lectura. O premio de Novela por Entregas deste 2002, “O repenique de Beatriz Goldar” escrita por Suárez Abel e ilustrada por Norberto Fernández, encabeza unhas páxinas nas que atopamos relatos para tódalas tendencias e gustos. Temos por un lado os textos dos autores con obra publicada que nos regalan mostras, habitualmente inéditas, do seu bo facer literario. Ademais encontramos relatos de ducias de persoas anónimas que teñen nesta iniciativa de “La Voz de Galicia”, unha oportunidade para deixarse ver e, sobre todo, deixarse ler.

Non se imaxinan a ilusión que, para alguén que practica esta normalmente agochada inquietude das letras supón ver un relato publicado. Penso que tódalas persoas que se esforzan por contar historias deberían gozar deste privilexio que é comunicar. Se no mundo televisivo dise que tódalas persoas teñen dereito a un minuto de fama, aquí tódolos autores gañan o dereito a vintecatro horas de recoñecemento polo seu labor calado. E os lectores gañamos o privilexio de escoitar voces novas e frescas que, en moitos casos, chegarán ben lonxe no panorama literario.



Non é todo. “La Voz de Galicia” presenta tamén cada semana páxinas con entrevistas ós autores de Biblioteca 120 e comentarios das súas obras, o que constitúe unha gran tarefa periodística de difusión da nosa lingua e da nosa cultura. Mágoa que este exemplar e frecuente uso do galego nas páxinas de cultura non sexa extensible ás outras seccións do rotativo. Así a celebración das nosas letras sería completa. Con todo, feliz agosto literario.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org