A perla do sur
A area é branca e finísima, escorrega das mans como se fose fariña e zarrapica os pés tostados polo sol. Parecen roscas de canela nun leito de azucre moído. Díxenche isto sen pensalo e de corrido, como quen reza o rosario e nunca mide os pasos. Díxencho coa ollada perdida no azul que é case neve no amencer e se dilúe en silencio na auga. Igual ca un bico. O tenue sorriso da escuma peiteaba as nosas pisadas na beiramar e beliscaba todas e cada unha das nosas incomprensións. Ti ofrecíasme un colar e eu amosábache o meu colo abrazado de corais e cunchas do Mar de Andaman. Non entendías por que non tiña un dólar para ti. A grande onda veu explicalo todo. Por que eu son unha prioridade dunha embaixada europea e ti un número sen rostro.
Agardando as lagarteiras
28 / 7 / 2005
A illa de Phuket consumiu a derradeira ollada virxe que me quedaba. Palpo os meus petos aínda húmidos e cargados de lama e busco un mísero enderezo que me leve a ti. Cando xa non hai camiños que conduzan ao teu sorriso de nena princesa, deusa budista dunha relixión sen mulleres, de socato rodeada de túnicas nun inferno de auga lamacenta. Como laranxas amargas aboiando nun naufraxio de soños. A perla do sur, nesa Tailandia de elefantes e exuberancia infinita, tatuada en flores de corolas insultantes e barcos piratas nos guións de Hollywood, esperoume nun roibén de decembro. Chamoume a berros dende as praias brancas de acochos insospeitados para o meu corsario sen bandeira nin patria. Un corazón en tebras á deriva da sorte. Botei o meu corpo escuálido de polisón nas augas do ceo e arrastreime ata o areal tentando calar as voces do cotío que me esculcaban no silencio do ir e vir das ondas. E alí estabas ti, logo do aeroporto e do visado, dos cheques de viaxe e das propinas, mirándome co teu silencio de brillos chineses no peitoril dos ollos. Como se sempre soubeses que naquela remesa de turistas, naquel navío de bandeira negra, chegaba unha náufraga .
Olláchesme detidamente, analizando todos e cada un dos trazos do meu rostro de marusías. Pousaches as pupilas nas miñas patas de galo, no estertor dos ollos, na fumegante rabia do balbordo de mil terminais e ningún destino definitivo. Detivécheste no rosmar da pel, no canso movemento dos brazos, nos exiguos saúdos de ducias de epidermes mortas. Viches como achegaba os pés á auga con sorpresa, como deixaba que os dedos naufragasen nos restos de coral e como enxerguei ao horizonte na procura do silencio. Soñaches cun dólar a cambio dun colar de pedras tan laranxas como as túnicas dos monxes que encontrara no mercado. E a túa esperanza converteuse en decepción ao comprobares media ducia de corais rabuñando o meu colo, os meus pulsos e os meus dedos enrabechados polo sol. Tentei dicirche que xa tiña abondo, que non podía mercar máis alfaias, que acababa de chegar, que o tempo se me escapaba, que só necesitaba ollar o mar e, talvez, esquecer por que fuxira ata tan lonxe. Por que o Mar de Andaman ía ter comigo a indulxencia que non tivera o Atlántico. Ti non afastaches eses ollos indonesios –metade conquista portuguesa metade imperio chinés- do meu fociño pelado e estendiches a man coas túas pedras coloreadas. A min sobrábame e a ti faltábache pero a linguaxe enguedellou as nosas intencións.
Entón, a onda varreu as nosas preguntas sen resposta. Enxergounos de lonxe, dende o abismo das incomprensións e cabalgou ruidosamente nunha carreira desbocada en torno aos nosos fracasos. Envolveunos nunha loita frenética por tronzar o que un día foramos. Pero tivemos sorte, o instinto quixo salvarnos a nós sen admitir incongruencias. E arrastramos o noso susto, a nosa rabia, o noso desasosego a través dun areal tronzado de palmeiras e barcos de despece, esquivando corpos derretidos polas brasas dun volcán de auga e barro. Entón, só entón, ofrecinche toda a miña nada. A cambio dun colar de corais houben pagar ducias de desvelos, un insomnio tormentoso que me persegue dende aquela corrente, esta gran marea de furia que me remexe os miolos. Logo de que todo pasou, a penas dez minutos despois xa alguén deletreaba o meu nome no hotel cando ninguén preguntaba nin preguntaría por ti nesa que era a túa casa e para min unha brincadeira. E marchei co posto, cun único instante para fitar as túas perlas negras chorosas dende o cristal do autobús que me levaba ao aeroporto. Deixeite alí, rodeada de lama e refugallos, un rostro infantil sen identidade que vagaría polos arrabaldes da que un día fora a túa aldea e o meu descanso. Do que hoxe é a túa reconstrución e o meu pesadelo. Este pesadelo continuo nas noites en que abrazo a almofada e aínda me sabe ao ferruxe daquel coche á deriva que nos salvou. Ou que nos matou para sempre.
Que non sei se a morte é un transo ou a repetición do teu rostro de nena que pregunta por que ti quedas orfa e sen nome nese inferno de lama cando eu foxo nun avión camiño do meu acubillo europeo de conforto e tormentos.