culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Ollada de papel

Non me olles así, dixeches. Non sei ollar doutra maneira, respondín, aínda sendo consciente de que mentía. Sei mirar con devezo, con melancolía, con pavor. Sei chiscar os ollos como se fose miope. Sei abrir as pupilas ata o infinito. Sei rifar e máis sei agradecer cunha simple mirada de auga. Pero a ti, o que realmente che molestou foi a miña aparente indiferenza. Ese modo de avanzar pola túa ollada de papel como se fose un simple souvenir. Eu nunca crin iso. Tan só fuxo das imaxes de Chile, de Marrocos, de Nápoles e de Capri para non evidenciar o meu silencio. Esa estraña nostalxia do descoñecido. Quizás roubado.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Mírame neste espello, son eu, repetiches. Non o xures, insistín, e sei que volveu doerche esa maneira de mirar sen amar. Como dicirche que a distanza é a única maneira de sobrevivir a ese rostro que me persegue dende os negativos de toda unha vida. Poderías titulalo “Toda unha vida en negativo” –insinueiche e ti repichaches o fociño, como se nunca te entendera. Como se non comprendera da túa mensaxe nada en absoluto. E sei que non houbo ninguén con máis amor á vida ca ti, e mira como morreches, nun taxi ás carreiras por Vigo, deixando que fose unha secuencia fugaz de planos o último que ficase retido na túa retina. Pero neste álbum que me emprestas tes o relato enteiro dos acontecementos onde epiderme e alma xogaron á comba durante breves instantes. Nese efémero triunfo do vivido e do recordado.

Percorrín contigo a costa chilena, os bazares de Marrocos e máis o balbordo de camisas nos tendedeiros de Nápoles. Regresei á Roma multiplicada por mármore mil veces en si mesma. Tamén vin ducias de regueiros de auga preñada de pontes e gamelas e abafei gabeando os cumios pétreos de San Pedro de Rocas e Muros. Pero se algo amei, por riba de todo, foi a túa devoción polas enrugas da pel que se comprime co tacto da amizade. Amei a Lorca e Alberti, a Castelao e Otero, a Maruja Mallo e Luis Seoane neses planos que confunden rostros e devocións, veneración e abraio estético. Porque aprendín desa maneira túa de entender o mundo a admiración pola beleza. Por aquela que destila a paisaxe e tamén aquela que se agocha baixo os humores do cotío.

Este álbum só se entende contigo. Coa túa máis íntima satisfacción persoal por te mirares no espello. Por deixar algo máis de ti ca esas palabras que tecen historias pero agochan a beleza do que, como Narciso, se deixou enguedellar por si mesmo. E ti non te comprendes sen esas fotografías que berran sobre o que fuches, sobre o que es, máis alto que a propia literatura. Hai persoas que se ispen en palabras, outras fano con imaxes. Ti, home avaricioso, quixéchelo facer con todo o teu corpo e alma, sen deixar nada ás escuras dese escaparate que foi a túa vida. Querendo ser lonxevo, ata a máis afastada perpetuidade, entregando todo o que fuches aos praceres tanxibles de quen te sucedemos no tempo. Velaquí a túa loita contra a morte. A loita contra o olvido que considerabas a máis cruel vinganza. Contra o esquecemento: beleza testemuñal do vivido. Que che quiten o bailado esas linguas malévolas que tanto moviches. E alá quedaron no seu hermetismo efémero. Lonxe da vitoria da eternidade.

Mírame agora, díxenche. Tanto ten, respostaches con desprezo. Non aturarías unha simple ollada de indiferenza, preferirías o odio, a envexa, o amor, o rancor... calquera cousa agás esa aparente nada. Non fuches creado para pasar desapercibido e loitaches ata o último minuto por permanecer na memoria. E conseguíchelo. Pero, non me pidas que te olle de fronte. Temo perderme nas viaxes que non fixen, nas persoas que non coñecín, nas augas que non me fluíron, nos silencios que non me acompañaron. E prefírome acovardada no meu anonimato á sombra da túa pegada, Eduardo. Como un mero desexo da túa vontade estética.


Blanco Amor, Eduardo: A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973. Vigo: Editorial Galaxia, 2004

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org