culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Terra de sangue escravo

Sei que o tempo non se acabara porque aínda os nosos brazos suaban silencios intempestuosos na morna calor do Caribe. Os ollos brillábannos cun insaciable olor a luz. -Vai calor, dixeches. -Demasiada auga, respondín. E a luz dourada dos mogotes do val de Viñales, provincia de Pinar del Río, abalanzouse sobre as nosas olleiras.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O sol iracundo de Cuba esperta ben cedo, agarrado a un intenso troupelear de noites inacabables con sabor a daiquiri e mojito. A menta languidecía aínda no padal cando espertamos no son maino dun val de tabaco sen cultivar e ducias de galos empoleirados nas casas de planta baixa e cadeiras arrombadas nas solainas. O día acordou volver tras unha noite de fogos de artificio encabuxada no teito do mundo e un bruído afastado. E nós volvemos sorrir, cansos de lacazanear na terra vermella de sangue escrava e tan densa como un rito de vudú. Os nenos aliñáronse cara ás escolas e os campesiños segaban as cunetas con machetes de movementos de media lúa. Os cubanos ateigaban as beiras das estradas na agarda tranquila do camión de transporte que os levaría ao hospital, á plantación ou ás fábricas. Namentres, os vehículos dos turistas enchíanse de po e luz fosforescente na madrugada de Viñales, levando por diante a ollada –entre desexo e impotencia- dos que eternamente agardan. Un cambio político. Un camión de transporte. Un dólar de propina.

As covas comeron os nosos últimos desexos de liberdade. Naqueles refuxios de cimarróns agochados na maleza vexetal dos mogotes calcarios consumiunos a auga e a friaxe. Os escravos africanos fuxidos das plantacións de tabaco envolvíanse no corazón da montaña para invocar aos espíritos da terra. Algúns escoitáronos. Outros non. Esquecemos o mundo alí dentro, no sístole e diástole do cal perpetuo trenzado por lianas vexetais. Talvez por iso ou pola fartura de luz que deixamos ás nosa costas, a chuvia quixo redimirnos. Naquela estación, todos os días á mesma hora, a treboada tropical sacudía o mundo do oeste cubano. Un mundo alimentado de cabanas de pau, secadoiros de café, bestas famélicas e eiras de porcos e galiñas case invisibles. Un mundo de verde clorofila e ouro no aire que os enriquece cando as divisas internacionais aturan a duras penas o peso dunha economía embargada. Un mundo que anega cando a choiva torrencial arrasa os camiños e os homes espreitan dende as cubertas de palla en cadeiras que bambean ao que agarda. A quen sempre agarda.

De súpeto, os raios esgazaron o ceo negro e borraron a visión. O que antes eran campos de tabaco, azucre e arroz convertéronse nunha marea de auga quente. O baño de vapor trabounos na pel da Cuba amordazada e o ruído enxordecedor dos raios afastounos irremediablemente. Entre nós había un océano cheo de xenreira que nos impedía mesmo falar. Foi un océano de luz que nos cegou, un océano de auga que nos lavou, un océano de son que nos converteu en xordos extasiados polo salouco definitivo das nubes.

Sabes que non tiven medo polos raios que rabuñaron as nubes. Nin sequera os tronos me asustaron. Só tiven medo a que aquela treboada nos atrapara para sempre. Temín non poder fuxir nunca daquela choiva que corría polas nosas epidermes cansas de suor e agradecidas de auga. Temín que a lama vermella das cunetas nos arrastrase e nos convertese en vítimas ensanguentadas. Temín sermos escravos das plantacións do tabaco e térmonos que agochar nos mogotes para non deixar a mocidade entre coroas de tabaco e cuncas de café puro. Temín que o cheiro verde –a follas selva e terra vermella- que nos envolvía enxoitase a vontade. Temín que os campesiños que nos fitaban con ollos de café dende as cunetas, cubertos unicamente cun sombreiro de palla, nos roubasen a ollada.

E fixérono. O val de Viñales levounos consigo á súa cortiza de vermello sangue e ouro luz.

Por iso tanto ten o medo aos lóstregos que tronzaron árbores ao noso paso, tanto ten a choiva que varría o mundo e tanto ten aquel ruído enxordecedor dos tronos que remexía o estómago.

Que máis dá se a ollada daquel mulato que saudaba dende a cuneta nos secuestrou para sempre.

E dime ti como fuximos da vontade dun efémero trebón tropical que sacudiu o oeste cubano en vinte minutos e a nós hanos acompañar ata o fin dos nosos tempos.



A Pepe Cáccamo

Pero o medo é un asombro. E o tempo un desvarío que fabrica a paciencia das cousas diminutas, as minas ventureiras, os títulos sagrados das tribos e das pedras, o estralo dos aceites como agullas.

Eu toquei no arrabaldo das areas do fondo e fun raíz do cántico e vivín entregado á lámina das augas, os pés leite de neve e os ollos derramados por enriba do mar.

Na atmosfera máis fráxil do meu tempo sen lindes, calendario perpetuo, entrei na mina de auga. Auga é unha deusa escura. Auga é unha froita azul, un segredo que canta, un colo, unha semente, un misterio feliz

Calendario Perpetuo, 1997

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org