culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Cancro e dragón en verso

Inadaptadas. Iso é o que somos nós. Inadaptadas. María do Cebreiro asume na súa segunda entrega poética, (“Nós, as inadaptadas”; 2002), a primeira forma do plural non como reivindicación dun colectivo senón como disolución do eu. Esta supón a primeira ruptura conceptual, unha ruptura que se estende ó longo de todo o volume e, a fin de contas, de toda a súa producción poética. O título achéganos á vez que nos afasta do mundo, de nós mesmos. Como resposta, como engano.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
María do Cebreiro busca neste poemario, galardoado co áccesit do Premio Esquío 2001, a confrontación nos versos e nas palabras, ó tempo que procura unha tensión que poña ó lector no punto de mira no espello cóncavo (¿ou convexo?) de si mesmo. Pasear polos versos de María e como deambular polo calexón do gato deformante de Valle Inclán nos que unha non sabe ben cal é a súa imaxe reflectida. O caso é que se multiplican os reflexos e non queda máis remedio que asumir a verdade do vidro. Di ela que tamén somos o que parecemos.



Esta muller, unha das voces máis lúcidas da cultura galega actual, mira de fite ó lector e esíxelle unha resposta. Nunca ambigua. A poeta ten superado amplamente o estadio primixenio do espello tralo que escudou a súa primeira entrega literaria para tentar ocultar a forza irreverente da súa voz atrevida e, á vez, profundamente tímida. Resulta imposible ficar allea ós seus poemas. Cancro e dragón anticipan ó seu pensamento e advirten das súas palabras que esvaran como orballo no deserto infranqueable das olladas mortas. María do Cebreiro preséntanos o verso como batalla, como adversativa desafiante do suxeito contra si mesmo; contra a representación das propias miserias. Fai énfase no que reside entre as liñas cunha paréntese subversiva e provocadora.



“Desengánate, os estraños somos nós”




O título, profundamente risquián, achéganos á vez que nos afasta. Implícanos e sérvenos de vinganza porque nos sitúa nunha trincheira contra o mundo. Dío moitas veces un amigo meu con resignación incómoda: “Desengánate, os estraños somos nós”, cando comentamos as barbaries que a actualidade nos cuspe con xenreira día a día. Non sei exactamente a quen se refire este amigo meu como nós, que círculo amplo ou máis ben concéntrico abrangue, pero si sei nas marxes da alma a quen toca María docemente cos seus versos que caen como pétalos de orquídea nun mar de salitre.




A ironía de María do Cebreiro manca por intelixente. O seu humor garda o segredo das viñetas de Castelao quen non buscaba facer rir (“non teño vocación de estupefaciente”) e a poeta logra que o seu humor, cheo de referencias do cotío, tradición popular e herdanza clásica, sexa como un coitelo que se espeta na lingua e no silencio.



Cantos de serea



O canto de serea que articula (Nós, as inadaptadas) sabe a mar do que a tristeza soubo defendela. Ofrécenos versos como establecemento de síntomas, diagnóstico e terapia para tatuarnos na pel amarela do cólera o hematoma da sospeita. Cólera como andazo e cólera como ira, auténticos males de inicio de século para os que nadan contra a corrente. As inadaptadas. Garda a súa cola de escamas escintilantes as palabras roubadas ó océano “que borra as letras esculpidas no vento para ser descifradas por nós ou por ninguén”. As súas batallas son as nosas batallas, máis cruentas e dolorosas que aquelas nas que se derrama sangue porque nas nosas vertemos ideas e frustración. “As zonas turbulentas da memoria permiten resolver/ o enigma das columnas/ dóricas/ mixolidias/ tamén fríxidas/ alicerces do tempo da razón/ vértebras da barbarie/ e sobre todo o inferno no corazón/ da esfinxe/ a improbable certeza dun exterminio dentro”. Os corpos de aluguer que esgrimimos como países vístense de bandeira trala que ocultamos as vergoñas máis apátridas e a poeta, lavada pola auga fría do monte do seu Grial, bota sal nas feridas, unha sorte de onda mareira na que suspiran as maragotas rubias dos versos.




Mais se algo berra nos espacios brancos das palabras son as frechas que ela ofrece como único armamento ós deuses. Peter Pan e Wendy non agochan as súas armas núas e “arde troia nos mapas do interior/ e atronan as trompetas do xuízo”. Sen embargo, en María do Cebreiro, Peter Pan sempre vence por goleada, que dirían os cronistas de guerra contemporáneos, ó absurdo dos adultos, tan semellante a adulterio en son e perversión. As grandes guerras adoitan ser silenciosas e as feridas resultan invisibles ós ollos dos cirurxiáns da epiderme. A traxedia garda dimensións épicas. “Porque despois de todo,/que pouca diferencia/ hai entre os vencedores e os vencidos”. Nos versos de María do Cebreiro estriba a diferencia. Alguén quixo que no Premio Táboa Redonda ó mellor libro galego 2002 convocado por varias cabeceiras periódicas galegas se situase durante varias semanas o título “Nós, as perdedoras”, no canto de “Nós, as inadaptadas”. Curiosa asimilación poética. Seica as inadaptadas levamos gravado a ferro quente o estigma de perdedoras.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org