culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A Compostela, nesa entraña soidade

Santiago parécese cada día máis a unha esperpéntica voda amenizada por músicos cíngaros de Romanía. Con banda sonora de trompetas e pratos estridentes, deambulan pola cidade músicos proscritos, mimos amidonados, cunchas de vieira, panos multicolores, berros de oé oé oé oé oé, estudantes sen aprobados e turistas de padal exquisito en mariscos e albariños nun desfile grotesco digno dos espellos deformantes da calella do gato. Que a miña despedida sexa un –non sei se canto ou maldición- a esta cidade que nos anos xacobeos se parodia a si mesma cunha fachenda que roza o insulto para, no fondo, quedar tan soa. E hai quen somos xa estraños na multitude. E hai quen fica namentres ti marchas tan cheo de baleiro e me deixas tan borracha de nada. Como a propia cidade.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Este evento xacobeo que Santiago carrexa ás costas dende o ano 93 sérvelle de látego e de aloumiño a unha pedra que non debería precisar máis gabanza para crelo e, non obstante, atura sandalias de esparto e botas chiruca no seu lombo como prezo pola súa eternidade. Que San Pedro te deteña nas portas do ceo se non presentas a compostelana correctamente selada nos mil e un albergues que sementan un camiño que este ano é romaxe. E pobre de ti que non te ergas ás seis da mañá para saíres de primeiro e percorrer os corenta quilómetros do día ás carreiras para coller sitio no próximo albergue, ou polideportivo, ou campeiro, ou o que lle cadre para conciliar o sono. E non mires o que hai ao teu redor, e bule, bule que non chegas, e non fales que te cansas, e obvia esas maniotas que xa pasarán e tira ese papel que, total, un non se nota. E cando chegues, berra ata quedar afónico na praza do Obradoiro, e chora, e fai colas, e detente ante cada monumento, e obstaculiza o paso e enche restaurantes, e merca tartas de Santiago e botellas de ribeiro con agasallo dun pack de latas de sardiñas e foxe outra vez por onde viñeches, con tanta presa e devoción, cara á dársena de Xoán XXIII onde, logo de pagar o módico prezo de 12 euros, o teu autobús poderá recollerte para levarte, coa beizón divina e os bolsos cheos de gaitas estridentes e pezas de acibeche a esoutro punto do mundo en que habitas. Os comerciantes din que este ano non está a cumprir as expectativas, ben porque non pernoctas na cidade, ben porque non mercas o que eles calculaban. Tamén é certo que moitos xa adquiristes a cuncha de vieira no 93 ou no 99 e non estades por repetir recordo de na mesa do comedor xunto coa virxe de Fátima que alumea, o galo portugués que mide o tempo ou a estatuíña de San Pancracio co perexil para mimar os cartos. Que os salóns xa non dan para tanta viaxe da terceira idade. E ti sábelo pero a túa cuñada non.

O Obradoiro amortece todas e cada unha das bochas dos teus pés e da túa alma. A praza convértese, por obra e graza dun calendario, nun espectáculo continuo de luces e sombras máis parecido a un pase circense cá un centro de devoción relixiosa. E obviar o Libredón, a Raíña Lupa, o Pico Sacro, Prisciliano e mesmo o Códice Calixtino convértese nunha esixencia para non mencionar o nome do peregrino en van. Así, cómpre repetir ata a saciedade Casa Manolo, menú 10 euros; Restaurante parrillada C&B, menú especial 14 euros; Restaurante Maracaná, especialidade rodicio brasileiro por só 20 euros por persoa ou Restaurante Santa Isabel, especialidade en carnes á pedra, selección de catro carnes-2 persoas 17 euros na boca dos repartidores de ofertas gastronómicas que asaltan ao viandante a calquera hora da mañá ou da tardiña. Logo, eles deixarán paso aos máis modernos e atléticos repartidores de copas gratis que a vella pedra compostelá espreita con rubor cando cae a noite entre ritmos de rumba, pop mecánico de estopa, brillos de paulina rubio, gargarexos de pavarotti, samba na baía de Carlinhos Brown e, como esquecer o espanto, a galicia vente ya, vamos todos a cantar. Pero a pedra, esta que respira enxoita este verán, non deixa de abrir os seus poros graníticos con sorpresa cando, para gozo do Santiago Matamoros que preside Raxoi na praza que serviu como obradoiro dos canteiros da catedral, aparece polo arco de Xelmírez un séquito de douscentos boys scouts cantando aquilo que bote, que bote; amence do hostal dos Reis Católicos un grupiño de xaponeses precedidos polos seus obxectivos; os máis madrugadores devotos de Vilalba collen sitio cos seus sombreiros de palla para a Misa eufemística do Maior; ducias de policías esixen documentación e razón de paso; os cabalos da Casa Real petan coas súas ferraduras un cloqueteo amable e estraño no lastrado; os camelos que patrocinan o turismo canario turran coas súas cabeciñas de alfinete na choiva doce de Lorca; os soportais respiran sacos e calcetíns gastados nunha soneca de descanso último; trinta mil testemuños de Cristo amenizados por Paco Vázquez, un cento de bispos e Fifito bailan ao son de “mueve tu culo por Jesús”; miles de radios de bicicleta viran como a roda do muíño nas súas voltas derradeiras de sol e lama; ducias de cabalos babexan a súa sede e o seu estupor por chegar a un lugar sen bacías de auga; os executivos do BBVA, Central Hispano ou Citröen veñen cos seus panos de cores agradecer os bos índices bursátiles ao apóstolo que chegou morto río arriba dende Palestina. E que a barca de pedra flota ninguén o pode negar logo de visitar a Finca Galatea no Valadouro pero tamén resulta obvio que na “inventio” do Apóstolo, enunciada por Castelao e reafirmada por pensadores como Barreiro Barreiro, no sentido de descubrimento ou invención segundo sexa a perspectiva da ollada, o santo apóstolo é case o de menos. Neste parque temático instalado para goce de ti que visitas, onde os ferranchos das actuacións musicais que galonan as festas gabean ao ceo e descenden por obra e graza dunha noite de xolda, hai sitio para todos e non hai sitio para ninguén. E ti que chegas exhausto sénteste tan só como o propio Santiago de ollos serpe violentada que preside caladiño os oficios e os beneficios eclesiásticos.

Ti, que camiñas tan só, deberías saber que cómpre fuxir dos lugares comúns para deixar espazo ás hordas invasoras, estas que reinventan a cidade en cada conexión en directo da tvg, e só a coñecen como destino dun motivo relixioso, ecolóxico, deportivo ou sentimental. Que Santiago de Compostela non é só unha praza ou un destino xubilar sabémolo quen cada día bicamos con botas de goma as súas fochancas sentimentais de soidade extrema. Porque a Berenguela latexa luces e sombras de soidade cada noite en que as bocas abertas que admiran o botafumeiro na misa de doce non son capaces de entender a maxia dunha cidade que barrunta imposibles nos seus acochos nocturnos e esquiva fentos como un caracol cando escampa trala choiva. Porque Santiago non é só un abrazo a unha escrava de ouro nun altar de cheiro a suor e incenso. Nin é tampouco unha misa dende a porta principal ante dez mil devotos e, tamén, votos. Compostela non se respira toda nun bafo canso logo de camiñar dende Roncesvalles nin se consume nunha pregaria nas ringleiras acaricoladas –a espiral católica que sempre camiña cara a dentro- ante a Porta Santa na Quintana de mortos. Santiago vaise con cada un dos que marchades pero queda sempre para secreto acubillo de quen a ama. Como a amou Rosalía, Novoneyra, Marta Dacosta, Luz Pozo Garza, Salvador García Bodaño, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo, Bouza Brey, García Lorca, Méndez Ferrín, Hemingway, Carlos Casares, Manolo Rivas, Suso de Toro, Marilar Aleixandre, Cesáreo Sánchez Iglesias, Eugenio de Andrade, Francisco Fernández del Riego, Blanco Amor e tantos outros. Como a amamos quen a cremos con fe agnóstica e vocación humanística.

Nun pub de Cee, ás catro e media da mañá, aproxímaste entre bafos etílicos e sorrisos adormecidos.

-Mañá acabo o camiño en Fisterra. Veño dende Roncesvalles.
-¿Por que?
-Por un desengano amoroso.
-¿E?
-Nada, espero sabelo no camiño de volta.
-¿Gustouche Santiago?
-Non o sei. Non me deu tempo a velo.
-Xa
-Algún diría volverei con calma e visitarei Santiago. Din que é unha cidade preciosa.

Non chegaches a dicirme o teu nome.

E vaste a pé pola praia de Langosteira nese tramo último do parque temático onde tropezas coas cunchas e cos fardos de heroína, as luces e as sombras, dunha terra tan mítica como magoada polas lacras do paro, a droga e a síndrome do noroeste. Ao andares, ollas o faro de Fisterra e foxes outra vez polos carreiros de mar dentro pensando que talvez a resposta estea en América logo de tantos pasos perdidos pola lama e o asfalto que atravesa Europa. Talvez só lembres de Santiago, da túa meca de occidente, da Kaaba no abrazo do apóstolo e da Pedra Negra convertida en acibeche, que foi o punto final do camiño, un lugar que arde en fogos artificiais, histriónica nas súas gaitas de plástico e larpeira nos doces de améndoa que che reparten na rúa pero creme cando che digo que Santiago é algo máis. Non só as monxas que se escandalizan en San Paio coa festa do orgullo gai nin os músicos escorrentados a golpe de multa policial das zonas máis transitadas, nin tan sequera os mimos que empoleiran as súas maquillaxes como contraste coa pedra parda de envexas e loanzas. Santiago non só é o que levas contigo senón tamén o que fica comigo.

E iso non o poden roubar as hordas de visitantes que cada día me fan sentir máis estraña nesta cidade que algún día sentín como parte dalgún recuncho do corpo en que habito.

E ti marchas sen deixarnos nada porque tiñas demasiada présa. Tan só querías chegar para escapares, outra vez, aos hábitos cotiáns en que habitas.

E deixaches a cidade envolta en entrañas soidades no medio da multitude.

Por iso calamos o noso convencemento de que non entendiches nada. Porque a esta cidade a quen se lle esixe ser tan hospitalaria co de fóra non hai quen se deteña a querela na súa pobreza austera de granito e choiva.

A Compostela, no fondo, tan triste e tan soa.

Ata pronto

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org