culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

A hora dos lectores e lectoras

A Biblioteca Virtual Galega converteuse xa, ós poucos meses do seu nacemento, nunha festa da palabra, un lugar de encontro para as letras galegas na que autores e lectores debullan os tesouros das creacións literarias. Por fin na Literatura galega empeza a ser a hora dos lectores.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Laura Tato, a responsable do proxecto que desenvolve a Universidade da Coruña, comentaba con orgullo que a Biblioteca Virtual Galega estaba a ser un éxito de visitas e de intercambio de opinións. Engadía que resultaba sorprendente descubrir as ganas que ten a xente de falar de Literatura. É marabilloso que as letras flúan polo imaxinario dos lectores, que dean que falar e comentar, que permitan unir e odiar. Historias para amar e para repudiar.


O noso sistema literario será completamente adulto cando os escritores se encontren palabra a palabra, letra a letra cos lectores e lectoras. Non é cuestión de cifras, nin de subvencións, nin moito menos de maior ou menor calidade literaria. Actualmente podemos gabar de ter na nosa Literatura autores e obras con maiúsculas que non envexan a ningún outro país. Temos unha nómina de escritores con creacións excelentes pero que na maior parte dos casos quedan cinguidos á lectura de só dous sectores: o público escolar coas lecturas obrigatorias e a rede mesta ganduxada por amigos e familiares.


Un encontro necesario



Existe un terceiro sector constituído polos propios autores porque o certo é que somos un pouco endogámicos. Tecemos unha malla de creadores que nos lemos uns ós outros, asistimos ás presentacións dos nosos libros e mesmo quedamos para falar cun só punto excluído da orde do día: a Literatura. É bonito querernos e apreciármonos. Pero non resulta nin con moito suficiente. Necesitamos abrirnos a pel literaria e facer que os lectores superen a soleira da obriga. Hai que deixar que adopten o papel protagonista que teñen na Literatura que creamos. Cómpre que falen, que esfaniquen e que elaboren a partir dos retallos espacios e personaxes, que se apropien das historias que nós inventamos. Non resultan, autores e lectores, elementos antagónicos senón complementarios para a formación do discurso literario.


Falar de Literatura


Creo moi constructivo que o público nos compare e nos critique. Non hai que concibir as críticas como algo malévolo senón como un síntoma de aprecio por unha obra. Significa que o texto implicou ó lector tanto como para valoralo positiva ou negativamente. Non falo, claro está, das críticas insultantes ou das maledicencias senón das formuladas dende o respecto. Falo de falar da Literatura. Os autores deben respectar as opinións dos lectores, sexan boas ou malas porque a Literatura débese a eles, a nós, única e exclusivamente ós lectores. E os escritores deberíamos ser conscientes de que dende un libro temos o poder de estragar varias horas de lecer que, voluntariamente, nos regalou un lector para entrarmos na súa vida. Isto é unha responsabilidade.


O compromiso cos lectores


Temos que abrir as fiestras do terror ó público e escapar da arañeira perniciosa das felicitacións abusivas. Un autor debe ser amado pero tamén ser criticado pola súa obra. Ten que gustar en ocasións e noutras moitas decepcionar. O lector debe sentir a liberdade de expresalo e, sobre todo, sentirse oído. Paréceme un exercicio saudable para a nosa Literatura e para nós mesmos como sociedade madura. Non podemos vivir nunha urna de cristal polo temor a que nos destrúan as críticas. Mais destrúe o silencio, a indiferencia e, sobre todo, a autocompracencia de illarnos nunha esfera inmune ós comentarios. Para min escribir é un compromiso que atinxe de cheo ó público lector.



Por iso me gusta tanto o espacio virtual (¿real?) de Biblioteca Virtual Galega, un espacio que, como todo, ten moitos aspectos mellorables. Tal e como está concebida, os lectores discuten, rabean e póñense en contacto cos autores para dicirlles gracias por tal obra ou vaia decepción aqueloutra. Podemos visitar as creacións de autores aínda inéditos e tamén os dos xa consagrados e valoralos abertamente. Mesmo podemos darlles unha puntuación en función do que nos parecen. Os lectores toman por fin a palabra. Isto supón manter unha Literatura viva e, parafraseando un anuncio da Mesa pola Normalización Lingüística “Queremos unha lingua así: gastada polo uso”, atrévome a dicir que querería unha Literatura gastada polo uso. Unha obra non está rematada ata que un lector a conclúe cando lle abre as portas da súa mente e lle permite medrar. Ata que os nosos protagonistas e antagonistas non cobran voz propia e movementos de seu na cabeza do público unha obra non é máis que un feixe de anacos de árbores cubertos de sangue. Son os lectores quen os converten en eternos ou efémeros.



A outra gran virtude que, ó meu parecer, ten a Biblioteca Virtual Galega son eses marabillosos textos autobiográficos nos que os autores deixan de ser anónimos e se converten en persoas de carne e óso. Pero do seu valor literario e humano falaremos outro día. Ben o merecen.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org