Onde quebrar as suas ondas
A derrota da selección portuguesa na Eurocopa conmocionou ao país luso, quen viviu nunhas semanas a euforia dos triunfos futbolísticos como se fosen índices bursátiles de empresas propias nos mercados internacionais. As portadas e cabeceiras dos medios españois enchéronse de imaxes de Rui Costa, Cristiano Ronaldo, Deco ou Carvalho que lamentaban a caída ante o equipo grego. Non obstante, algo máis pasou en Portugal estes días e poucos ou case ningún medio se fixo eco da noticia. A morte de Sophia de Mello Breyner Andresen, a aristócrata da palabra e, ironicamente na metáfora futbolista, tan amante da beleza helénica.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Premio Petrarca, da Associação de Editores Italianos, Grande Premio Calouste Gulbenkian de Literatura para Crianças (1992), Premio Vida Literária, da Associação Portuguesa de Escritores (1994), Premio Camões (1999), Premio Rosalia de Castro, do Pen Club Galego (2000), Premio Max Jacob Étranger (2001) e Premio Rainha Sofia de Poesia Iberoamericana (2003). Livro Sexto, Ilhas, Mar Novo, Geographia, Dual, O Cristo Cigano, O nome das coisas, Coral... e así ata vinte títulos poéticos de sobranceira repercusión no ámbito lusófono e tamén internacional. Atrás desta traxectoria literaria só podemos encontrar o nome de Sophia de Mello Breyner Andresen. Unha pulcra homenaxe á fermosura.
Ela é a grande aristócrata da palabra portuguesa. De familia acomodada, esta muller soubo aproveitar a súa boa situación familiar para enchouparse de coñecemento e así deixarse embebedar por un dos seus máis íntimos praceres, a cultura helénica. A luz mediterránea que alumeou o seu intelecto quixo apagarse para sempre hai unha semana cando a autora portuense contaba con 85 anos de idade. E, non obstante, a súa obra sobrevívea non só a través dos poemas que herdamos como memoria fascinante senón tamén a través a propia creación literaria dos fillos da súa carne mortal. E Sophia de Mello marchou deixándonos o seu fardo de palabras como homenaxe á resistencia na ditadura salazarista e como resistencia descarada contra a fealdade do mundo. A construción poética do tempo e do espazo consumíronse en versos esfiañados polas páxinas como arquitectura tan efémera como transcendente. O seu activismo cívico nunca impediu o poder da palabra e para nós queda o seu berro melódico de trazos puros e ollada grega. Esa herdanza que nos conduce ao futuro. E que a súa presenza poética sexa facho e tebra para as letras que veñen. Que a voz sempre encontre unha praia onde quebrar as súas ondas. Nas do Algarve e nas de Mykonos.
O poema
O poema me levará no tempo
Quando eu já não for eu
E passarei sozinha
Entre as mãos de quem lê
O poema alguém o dirá
Às searas
Sua passagem se confundirá
Como rumor do mar com o passar do vento
O poema habitará
O espaço mais concreto e mais atento
No ar claro nas tardes transparentes
Suas sílabas redondas
(Ó antigas ó longas
Eternas tardes lisas)
Mesmo que eu morra o poema encontrará
Uma praia onde quebrar as suas ondas
E entre quatro paredes densas
De funda e devorada solidão
Alguém seu próprio ser confundirá
Com o poema no tempo
Sophia de Mello Breyner Andresen
Livro Sexto (1962)