culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Cousiñas

A colección Árbore de Galaxia vén de sacar do prelo un fermoso volume titulado “Cousas dos nenos” de Castelao. Resulta esta unha iniciativa loable, non só pola recuperación que supón da obra do ilustre rianxeiro, senón polo achegamento da súa figura aos pícaros. Non podemos esquecer que os cativos e as cativas son esponxas permeables que asimilan e gravan na memoria todo o que aprenden. Achegalos ás figuras clásicas da nosa literatura supón un investimento decidido nos lectores e lectoras do mañá. Investir en futuro en clave do pasado. Unha bonita maneira de facermos presente.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Falar dunha obra con tan importante peso gráfico como as cousas de Castelao resulta un reto complicado. Transmitir os trazos simples e tan conceptuais das súas ilustracións a través de palabras, estas retortas, complicadas, mentireiras e requintadas produce unha sensación de baleiro hostil no estómago. Nas imaxes, e nos textos por suposto, repítense os nenos, os cans, os gatos, os burros, os vellos, as ras, os mestres e as nais. Son elementos recorrentes que zarrapican as páxinas amarelas, que non balorentas, do volume. Un neno empoleirado nun tronco de piñeiro saúdanos dende o seu soño dende a portada, esta que nos descubrirá con ironía a lúcida intelixencia do autor de “Sempre en Galiza”. E xorden esas palabras delgadísimas que concentran toda a sabedoría popular para agasallar ao futuro.

Estas cousas de Castelao chégannos ao corazón dos miolos xustamente nunha semana en que se presenta o volume “Galicia. Diario de Vigo. O alento da modernidade” editado por A Nosa Terra e a Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. As portadas deste diario, publicado en Vigo entre 1922 e 1926 tiveron por faciana as letras do editorial do seu director Valentín Paz Andrade e as ilustracións de Castelao. Eran os seus ollos ao mundo e o primeiro que vían os subscritores do diario ao acceder cada día á información. Un percorrido polas ilustracións do “Galicia” –que por certo Roberto Ribao fixo atinadamente nos estudos críticos do xornal- permítenos viaxar polo tempo da man de homes e mulleres de trazos grosos tan afastados esteticamente aos canons actuais como semellantes nas súas preocupacións e inquedanzas vitais. Os pícaros que se acheguen ás “Cousas de nenos” editadas por Galaxia poderán entender á perfección moitos dos temas que aquí se tratan. Pese a que haxa máis de setenta anos en que se crearon, a súa actualidade segue a ser mesmo de vergonzosa e humillante actualidade. Gústanme as praias que espreitan aos nenos falar á tardiña, esa tenrura inocente do serán do día e albor da vida. Gústanme as andoriñas e máis os gatos teimudos que espreitan aos ratos sen saber que atrás deles hai unha grea de cans. Gústanme os burros sabios. E, non obstante, próeme na alma e no sentido de país aquilo que lle di un neno á súa nai:

-Ai, miña nai: ¿por que o mestre non fala coma nós?

Resulta humillante.

Xa o din os peixes varias páxinas despois:

-Os peixes non aprenden nunca. Son coma os homes.

Pois iso. Cousas.


Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org