culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

Premios Casal

Os premios literarios destinados á mocidade son como as comportas dun encoro. Namentres permanecen fechadas, a auga vaga estantía con pouca emoción e ningunha motivación. Hai correntes submarinas que remexen os fondos como unha serpe silandeira e tamén bañistas que se deleitan na superficie, descoñecedores do inmenso abismo que afunde nos centos de metros de profundidade do encoro. Porén, cando as comportas se abren, con mecanismos decote institucionais, as augas sofren unha convulsión enxordecedora. Sae entón a auga en torrentes para levar por diante toda a fráxil tranquilidade que arrodea á lagoa artificial. As burbullas remexen a sereno e aburrido decorrer do río e ese leito amansado fica convertido en cachoeira revitalizadora. Así, os premios literarios creados para o público mozo revolucionan as nosas letras. Así, o futuro.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As letras novas supoñen unha proba de lume para a nosa literatura. Tamén para a nosa lingua. Unha literatura debe anovarse periodicamente, con seiva viva que rexenere as letras oficiais, as letras do establishment, as letras da concordia. Debemos ter zume de limón que revitalice dende a creación, sempre co desexo de mellorar –nunca destruír- a oferta cultural dun país. Por iso é tan importante rozar as cunetas. Por iso cómpre ter limpas as beirarrúas da nosa literatura, porque nunca sabemos onde vai aparecer un atallo, unha calella nova que encha de palabras e historias a nosa traxectoria literaria común. Ademais das cunetas, debemos mimar os carreiriños pequenos, esas congostras non sempre brillantes pero moitas veces esperanzadoras polo que permiten enxergar do futuro. Hai carreiras literarias encetadas que nunca foron a máis porque ninguén lles deu unha oportunidade ou, peor, porque nunca sentiron que o que están a facer resulta importante. E calquera palabra, calquera historia tecida é salientable. Talvez non sexa supervendas, talvez non apareza nunca nas listaxes de libros máis vendidos, talvez non gañe os que se consideran grandes galardóns do sistema pero achegan historias e maneiras de ver o mundo e a lingua que non debemos perder. Esas congostras cativeiras que nacen dos primeiros encontros coa lingua escrita, da xente nova que se achega con palabras novas e sentimentos vellos, deben ser mimadas e alentadas para que poidan medrar a gusto. O tempo decidirá cal destas traxectorias se consolida e cal esmorece polo camiño. O caso é ter loitado pola lingua. Ter loitado por unha voz propia na literatura.

Dos moitos premios convocados no país para os escritores e escritoras máis novos –case todos eles creados por institucións ou equipos de normalización- fico hoxe co Ánxel Casal que dende o ano 1996 e da man do Concello de Santiago anima aos escolares á escrita. Ánxel Casal, alcalde da cidade fusilado na guerra e promotor de empresas editoriais tan importantes como Nós, dá nome a un galardón que leva premiado a ducias de rapaces e rapazas de todo o país e que supoñen verdadeiras sorpresas para a literatura. Con Casal, pero tamén con María Miramontes a súa muller costureira que ganduxou e cortou telas para alimentar o prelo que deu saída aos máis importantes títulos dos anos trinta, volvemos ás letras en maiúscula desde estas carreiras que comezan. O Concello de Santiago vén sacar do prelo precisamente o primeiro volume cos relatos e poemas das edicións incluídas entre os anos 1996 e 2000.

Nomes como María Arce, Xermán Darriba, Ana María Orozco, Óscar Manuel Sendón Olveira, Estela Losada, Ramón Ramos ou Noelia Grandal son algúns dos autores que aparecen nesta obra e que, a ben seguro, darán que falar no futuro. Nas súas obras mestúrase o sabor tradicional de relatos de tesitura coidada, vocabulario requintado e barroco herdado de autores clásicos das nosas letras como Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro coa necesidade de innovar. Neste caso, é de agradecer a presenza de imaxes cinematográficas recorrentes, así como efectos da cámara para narrar escenas –esas que máis que escenas son secuencias-, música electrónica, eucaliptos, sida, abusos laborais, animais clonados, televisión, Chiquito de la Calzada, pipas Facundo e letras pi. É seiva nova para un futuro que ten que ser xa e unha lingua que merece estar viva con todas as vicisitudes gramaticais, léxicas e mesmo fonéticas que sexa necesario.

E eles, algúns, talvez moitos, serán os escritores e escritoras de mañá. Aquí, o futuro. Velaí a apertura de comportas.

Rosa Aneiros [correo]

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org