25-a
A Assembleia da República portuguesa vén de publicar un libro titulado <25 de abril> destinado ao público infantil. As crianças teñen a oportunidade de se achegar ao seu pasado inmediato da man de textos didácticos e fotografías que ilustran a transición democrática que en Portugal veu da man dunha revolución non violenta. Creo que é boa hora de recuperar abril, síntoo cada vez que viaxo a Portugal e percibo dolorosamente a súa desilusión polo presente e polo futuro que camiña con pés de ferro. A cultura lusófona deberíase expandir como un 25 de abril, da man dos cravos e dos libros para soñar que esoutro mundo é posible. E aí a cultura galega debería aprender a facerse valer.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Portugal permanece atordoado pola impresión da morte do candidato do partido socialista ás eleccións europeas e máis polo efecto da Eurocopa que comeza esta fin de semana. É un país onde as contradicións e o complexo de inferioridade con respecto aos seus colegas europeos impídenlle medrar e poñerse á altura que realmente merece. A cultura lusófona, con pólas en Cabo Verde, Brasil, Angola, Mozambique ou Goa, brazos en todos os continentes e soños e lingua portuguesa que atravesan medio mundo precisa recuperar o orgullo de seu, ese orgullo que na homenaxe aos Descubrimentos en Belem reza “se máis terra houber, máis lonxe chegariamos”.
A decepción polos acontecementos políticos dos últimos anos, e tamén o declive económico, púxose de manifesto nun inquérito publicado polo xornal
o pasado 25 de abril, no trixésimo aniversario da revolución dos cravos. Nela, un altísimo índice da poboación sinalaba o seu descontento pola situación política do país, un grande orgullo polo derrocamento pacífico da ditadura e un patente escepticismo de cara ao futuro. Significativamente, a xente máis nova amosaba un descoñecemento evidente dos sucesos que hai trinta anos trouxeron a democracia a Portugal logo de décadas de réxime ditatorial. Supoño que por iso, a Assambleia da República decidiu publicar un fermosísimo libro titulado <25 de abril> escrito por Ana María Magalhães e Isabel Alçada con ilustracións de Sofia Cavalheiro destinado ao público infantil. Esta obra pretende, entre outras cousas “fazer chegar, por este meio, a todos os rapaces e raparigas que frequentam o 2º e 3º ciclos nas nossas escolas, um alerta pelas liberdades democráticas e pelo 25 de Abril, que as restaurou en Portugal”. Resulta unha obra didáctica marcada polo carácter arengatario en que se defende o uso das liberdades, a necesidade de protexer os dereitos dos cidadáns e, tamén, de preservalos para o futuro. En ningún momento se agocha o orgullo. As fotografías e os debuxos condúcennos da man de escaso texto dende a ditadura, á guerra colonial, ao descontento previo, o marcelismo, a revolución, a liberación dos presos, a restauración da democracia ata o Portugal de inicios do século XXI. É interesante para entender como se ven a si mesmos, como ven a súa propia historia e como se enchen de fachenda á hora de falar do derrocamento dun ditador ao que asediaron no Carme e venceron con cravos nos fusís.
Pero este orgullo -nesta banda do Miño aínda non cicatrizamos as feridas da guerra civil e o ditador finou na cama- non debería ser en Portugal alicerce do pasado senón vontade de futuro. As manifestas celebracións dun pasado colonial e unha ditadura vencida non deberían enzoufar a ollada do mañá. E a cultura lusófona debe facerse valer. Son millóns de persoas a falar unha mesma lingua que une e nunca divide. Os galegos non debemos perder a oportunidade de botar a navegar a nosa cultura nesa gran corrente de comunicación que une o oriente de Goa co sur de Angola e Cabo Verde co oeste do Brasil. Un inmenso potencial para o noso país que hai quen aínda tenta desprezar con prepotencias baratas. Un gran mercado para a nosa cultura e, o máis importante, un potencial auditorio de millóns de almas a compartirmos expresións artísticas, en definitiva, maneiras de ver o mundo.
Rosa Aneiros [correo]