A propósito do pan
“Do descoñecido ao descoñecido” podería ser o título dunha canción, unha promesa de amor ou un canto nihilista. Podería ser calquera desas tres ilusións e é o título da recompilación de toda a obra poética de Manuel Rivas entre os anos 1980 e 2003. Resulta complicado achegarse a ela agardando unha mensaxe uniforme, un simple desafío intelectual nas letras dun dos autores máis prolíficos e, xa o sabedes, para min magníficos da nosa literatura. É complicado e absurdo. “Do descoñecido ao descoñecido” supón un encontro coa nosa propia aprendizaxe como lectores, unha navegación con rumbo definido nas augas da obra do creador de “En salvaxe compaña” e unha certeza nunca descoñecida. Manuel Rivas é o gran mago das palabras en galego.
Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Íavos falar hoxe do poema “Pan negro” e velaquí o título que quixen conservar para non claudicar –non de todo- aos infortunios do destino. Quería falarvos da dedicatoria, sobre todo da dedicatoria onde ás veces cabe todo un poema dedicada ao presente e tamén ao futuro dunha estirpe de unllas de terra e ollos de mar. Quería contarvos como o pan negro, ese pan duro dos corenta que esta xeración xa non vimos, aínda é un croio ao que damos patadas no camiño da memoria. Gustaríame contarvos como ao meu pai chóranlle os ollos cada vez que acorda aquel pan con leite e tamén as bágoas doutro neno cando lle tiña que levar o pan branquísimo ao cura. Daquela, pola corredoira do río de san Vicente, el abrazaba aquel bolo de dous quilos ao corpo para que lle quecese coa caloriña do forno o estómago. E como rabeaba por non poder afincarlle o dente a un codechiño de pantrigo. Como chorou rabeou sufriu encabuxou cismou e pasou fame toda a xeración dos corenta. E como nolo contou o propio Rivas nun conto de Nadal onde as folerpas branquísimas se converteron en pan. Por iso quería falarvos dese poema de Manuel Rivas “Pan negro” pero isto quedará para “quen sexa que recorde”.
Nosa é a herdanza do naufraxio,
o acre sabor do sargazo,
noso o osario que xace na marisma,
a nao deitada no abrañado areal das augas baixas,
noso o quecer e o desfacer,
o cartafol de abordo e as illas sen mapa.
Nosa, a oración,
o leito onde durmiu a néboa que se esvai.
e só quero que estoutro poema de Rivas fale hoxe. Porque é a única oración posible.
O pesqueiro O Bahía afundiu perto das illas Sisargas no día de onte deixando once corpos no seu bandullo de mar a catro millas e media de Malpica en dirección suroeste. Cando escribo recuperaron xa os cadáveres de cinco tripulantes, outros cinco permanecen desaparecidos e o cadaleito do barco adormece nun fondo mariño abaneado por ventos de forza sete. Non son os primeiros nin tampouco serán os últimos finados no mar, nun mar que xa se cobrou a vida de 224 mariñeiros galegos dende hai unha década. De aí, do amor, pero tamén do odio visceral; do respecto devocional pero tamén da carraxe furibunda destripamos as letras arrincadas do corazón da nosa nación con alma.
Ía falarvos hoxe do pan negro pero fico a penas co pan de cores. Con esas figuras de migalla de pan fermentado de Santo Andrés de Teixido –eses que eu sempre preguntei por que non se podían comer con esas cores tan apetitosas- que nos ha defender de naufraxios e ventos. Ese ramo de santoandreses nas mans e cinguido ao peito que nos anuncie que o pan debe ser para os vivos e para o futuro. Un pan branco de cores para esconxurar o infortunio co que camiñaremos mortos e vivos –como avelaíñas, escornabois ou cascudas- cara ao máis setentrional. O pan que nos alimente nesta balada salvaxe das praias do oeste. Un blues da costa da morte que silencie os choros e nos devolva o mar de noso. Esta Avenida Atlántica pola que transitaremos cos ollos de baralloco e as mans de golfos extenuados polo ir e vir de tombos malditos.
Agardo a vinganza do mar.
O mar volvéndose con ollos de tolo cara terra.
O mar burbullando no oco negro dos sartegos.
O mar chamando ás portas da cidade.
O mar cos beizos secos.
O mar percorrendo a distancia nun puño.
O mar só como un solo de jazz.
Un paxaro cego.
Un cabalo azul a beber nos espellos.
O mar.
Afogando o meu corazón, un peixe abisal
[eléctrico e antigo.
Levándome como un animal adormecido na area.
Lonxe de vós, contra vós, o mar.
E nesa onda que escacha no coído pronunciaremos a nosa declaración de amor eterno confundido por estes instantes de tolemia. Tan nosa, tan deles.
Contra vós, o mar.
May day, mayday mayday!
Pan-pan, pan-pan, pan-pan!
Securité, securité, securité!
Rosa Aneiros [correo]